Milleiros de persoas ateigan a Quintana para “mudar o rumbo do galego”

Queremos Galego anuncia unha nova mobilización, desta volta no Obradoiro, o 23 de febreiro, Día de Rosalía
Nacional - 17 Nov 2024

A Praza da Quintana fíxose esta mañá pequena para acoller aos milleiros de persoas chegadas de todos os recunchos do país en defensa do noso principal sinal de identidade: a lingua herdada das nosas ancestras, a que nos constrúe como pobo e a que nos permite comunicarnos entre nós e co mundo que nos rodea. Milleiros de persoas encoraxadas para manifestar, con rotundidade, que non se poden permitir máis pasos atrás e que, como dicía o lema do multitudinario acto, hai que “mudar o rumbo do galego”.

“Na Galiza, en galego” ou “Queremos Galego” foron das consignas máis coreadas nun acto no que houbo diversas intervencións, música, reivindicacións en defensa do galego e denuncias ante a política lingüicida do Partido Popular.

A necesidade da mobilización viu precedida polos novos datos feitos públicos polo IGE, que poñen en evidencia o estado de emerxencia lingüística do galego con niveis de descoñecemento e emprego inéditos na historia da lingua.

Datos que son consecuencia do predominio e da hexemonía do castelán intensificada nos últimos 15 anos co aumento da exclusión do idioma propio de Galiza da oferta en todos os ámbitos, nomeadamente no ensino, mais tamén no lecer infantil e xuvenil, administración, xustiza, televisión e audiovisual ou nas actividades comerciais e económicas, tal e como se vén denunciando desde hai anos.

Así, lembrouse que a mobilización social polo idioma de Galiza logrou que do Consello de Europa ou a ONU dirixisen advertencias á Xunta de Galiza que haberá de mudar a actitude sobre o galego.

Reverter a situación

Malia isto, Queremos Galego afirma que "reverter esta situación é posíbel co compromiso de todas e todos, comezando polas institucións galegas e os colectivos sociais”.

Cómpre, en primeiro lugar, asegurar o dereito de uso do galego e o deber de correspondelo con presenza e disposición como indicaba o PXNLG que a pesar do desleixo da Xunta e de non se ter posto en práctica nos último 15 anos, mantén obxectivos plenamente vixentes. O PXNLG, como grande acordo nacional pola lingua, debe ser reactivado como punto de partida dunha nova política a favor do noso idioma e da súa normalización.

PUNTOS MÍNIMOS

A Plataforma Queremos Galego propón ademais, uns puntos mínimos para normalizar o uso da nosa lingua.

  1. Vixencia dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua aprobado por unanimidade en 2004.
  2. Elaboración por parte da Xunta de Galiza, Estado e entidades locais, coa participación de entidades sociais, dun calendario de acción 2024-2027 para a aplicación e actualización de todas as medidas deste Plan, cos recursos necesarios (humanos, técnicos, económicos...) para levalo a cabo.
  3. Este calendario contemplará a avaliación dos resultados das medidas unha vez aplicadas e as correccións que foren precisas.

MEDIDAS URXENTES

Ensino

Derrogación do decreto 79/2010. Aprobación dun novo decreto que asegure os máximos niveis de docencia en galego en todas as etapas educativas. Garantía inmediata de oferta de materiais didácticos en todas as etapas do ensino.

Actividades comerciais e económicas.

Asegurar o pleno dereito de uso do galego, coa atención e a oferta correspondente, en todo tipo de servizos.

Cultura e lecer

Recuperar o papel normalizador da TVG, con ampla oferta para o público infantil e xuvenil adaptada a todos os dispositivos e potenciación da artes escénicas e musicais en galego e produción en galego; accións para que se cumpran os mínimos legais de presenza de galego na oferta radiofónica e audiovisual e se aumenten as cotas de dobraxe, lexendaxe, e financiamento anticipado de produción independente. Afortalar o sistema literario e editorial. Uso do galego en actividades deportivas, de tempo libre e extraescolares.

Administración, servizos públicos, sanidade e xustiza

Oferta positiva en galego en todos os servizos da administración pública, for autonómica, estatal ou municipal e incluíndo servizos privatizados dependentes da administración pública. Disposición de galego en programas informáticos, información, formularios, impresos e na atención en todas as súas formas. Coñecemento de galego por todos/as os/as traballadores/as públicos/as

DECLARACIÓN UNITARIA

A lingua galega, a nosa principal obra colectiva, é garantía de dignidade, prosperidade e a mellor ferramenta para avanzarmos conxuntamente como pobo en todos os ámbitos: na cultura, na educación ou no progreso social e económico.

Para garantir o seu futuro, precisamos comezar unha nova etapa de normalidade que, co compromiso e implicación dos poderes públicos e todos os sectores da sociedade, mude o rumbo do idioma, e asegure o seu futuro coa presenza en todos os espazos e para todos os usos.

As entidades asinantes instamos a Xunta a iniciar un proceso transparente, amplo e coa participación das entidades sociais galegas, dotado cun calendario de aplicación inmediata, mecanismos de avaliación e recursos para o facer.

Este proceso debe partir dos obxectivos contemplados nos acordos comúns, amplos e unánimes xa tomados como a Lei de Normalización Lingüística, a Lei de uso do galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais, a Lei Paz Andrade, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004.