Milleiros de cartas quedan cada día sen repartir na área de Santiago pola falta de persoal
A CIG-Correos denuncia que se está a producir un enorme atasco no reparto de correspondencia en Santiago de Compostela e nos concellos limítrofes pola falta de persoal suficiente para atender a carga de traballo. Hai tres semanas a central sindical xa advertira que isto ía acontecer e, malia todo, a empresa pública continuou coa súa política de non contratación.
Agora, segundo os datos recollidos pola CIG-Correos tras visitar as unidades afectada e falar co persoal de reparto, ao mediodía de onte, xoves 11 de xullo, a situación do servizo postal é a seguinte:
- na zona urbana de Santiago poden acumularse neste momento máis de 8.000 cartas sen repartir, ás que lle hai que sumar preto de 800 notificacións de distintos organismos oficiais.
- nos concellos limítrofes e dependentes postalmente da Unidade de Reparto número 2 de Santiago -que abarca os municipios de Touro, O Pino, Val do Dubra, Vedra e Boqueixón-, calcúlase que quedan a diario máis de 1.500 envíos de correspondencia sen repartir.
- no concello de Ames hai constancia de máis de 1.500 obxectos postais sen repartir diariamente.
Esta acumulación no reparto, subliña a CIG-Correos, débese "unica e exclusivamente á insuficiencia de persoal para o reparto, a causa da negativa da Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos a cubrir as ausencias tanto por baixas como por vacacións". Esta falta de cobertura (nun cadros de persoal xa moi mermados nos últimos anos) provoca non só o atraso na distribución do correo, senón tamén unha sobrecarga de traballo inasumíbel para o persoal que queda no servizo.
Diante disto, a representación da CIG reclámalle a Correos que, de inmediato, proceda a contratar a todos os traballadores e as traballadoras necesarias para garantir un servizo de calidade, que se poida realiza o traballo en condicións dignas e que se cumpran os prazos fixados na lei postal.