Miles de persoas toman as rúas de Compostela ao berro unánime de “Lumes, Nunca Máis!”
Arredor de 15.000 persoas percorreron esta mañá as rúas de Compostela para manifestar a súa indignación diante da falta de previsión e nefasta xestión do goberno do Partido Popular durante a catastrófica vaga de lumes que arrasou Galiza o pasado fin de semana. Ao berro de “Nunca Máis” se lle sumou o de “Feijoo dimisión” mais tamén consignas contra a Lei de Fomento Empresarial, alcumada como “Lei de Depredación de Galiza”, que ademais de permitir a espoliación dos nosos recursos, favorecerá unha maior eucaliptización do noso país.
A actriz Isabel Risco foi encargada de dar lectura ao manifesto referido aos lumes, tras dun sobrecolledor minuto de silencio en lembranza das persoas que perderon a vida atrapadas polos lumes descontrolados que asolaron a noite do domingo ao luns montes e poboacións enteiras en Portugal e en distintos puntos de Galiza, nomeadamente de Pontevedra, Ourense e Lugo.
Unha catástrofe da que as organizacións convocantes desta enorme mobilización responsabilizaron “as políticas de abandono do rural propiciada polo Partido Popular e a política forestal de eucaliptización promovida desde a Xunta de Galiza, condicionada polos intereses empresariais da pasteira ENCE”. Xunto a isto denunciaron a ausencia de políticas de prevención que manteñan os nosos montes limpos e a falta de previsión diante dunhas condicións climatolóxicas que se sabía desde hai xa varios días que eran as peores para a propagación de lumes: vento, seca e altas temperaturas. Ao que se lle sumou o desmantelamento dos medios cos que as brigadas de SEAGA poideran facer fronte ao lume.
Rexeitaron ademais a versión oficial do goberno do PP, responsabilizando desta catástrofe ás autoridades portuguesas polos incendios que pasaron dunha banda a outra do Miño, tal e como fixeron o Presidente e o Vicepresidente da Xunta. “Pero o máis grave deste Goberno é pretender eludir responsabilidades atribuíndo a vaga de lumes ao “terrorismo incendiario”, cunha suposta trama organizada que tería provocado estes incendios ao longo do noso territorio”.
Aseguraron que “para nos terrorista é quen permite unha ordenación do territorio e unha política forestal que favorece que o noso país arda polos catro costados. É quen aprobou de forma golpista a Lei de Fomento Empresarial, que afonda aínda máis nas políticas de desmantelamento da actividade agraria, convertendo o noso monte un auténtico polvorín”.
Tamén manifestaron a indignación pola ausencia informativa dos medios de comunicación públicos galegos, que “permaneceron alleos á gravísima situación na que vivía o país mantendo a programación enlatada que tiñan prevista para esa xornada sen dar sequera información das alertas que se sucederon ao longo da xornada e que puxeron en grave risco a poboacións enteiras eludindo o seu labor de servizo público”. E xunto a isto, denunciaron o “uso partidista” que o PP fai dos medios públicos e a “obsesiva censura e manipulación informativa” á que se ven sometidos.
Ademais sinalaron ao goberno do PP pola súa “falta de previsión, de organización, de medios e incapacidade” para xestionar a situación mesmo dando advertencias ou recomendacións para circular por estradas (ou para fuxir das aldeas cercadas polo lume) provocándose así unha situación de aínda maior confusión, caos e pánico. Isto obrigou ao pobo galego a organizarse máis unha vez para suplir as carencias dun Goberno que deixou un regueiro de destrución e a lamentábel morte de catro persoas. Unha situación que consideraron intolerábel en Galiza.
Lei de Depredación de Galiza
O encargado de dar lectura ao manifesto contra a Lei de “Depredación de Galiza” foi Quico Cadaval. Unha lei que tal e como subliña o manifesto foi aprobada “mentres aínda fumegaban os nosos montes, pola vía rápida, furtando o debate e impoñendo a súa maioría, como se os votos fosen un cheque en branco ou un arma contra os intereses comúns”.
Para as organizacións convocantes baixo o nome da lei agóchase “un apaño de elites políticas e económicas que queren facer deste lugar un espazo extractivo para o capital globalizado”. De feito afirmaron que as grandes empresas mineiras, eléctricas ou forestais poderán obter máis facilidades para o seu negocio: “maior acceso á terra e menos normas sociais e ambientais. Liberdade de empresa, eficacia, facilidade para o acceso ao solo, simplificación normativa e tributaria”.
Porén, denunciaron “ninguén recordou incluír entre eles a garantía dos dereitos sociais e laborais, o respecto ás comunidades locais ou conservación da nosa natureza”. Por iso, dixeron “é lei de depredación”, que ten como obxectivo “eliminar trabas ao negocio”. Entendo “trabas” como “todas e todos nós, os nosos dereitos e dignidade, a nosa natureza”.
Alertaron de que é unha lei que afecta ámbitos estratéxicos, transformando unha morea de leis anteriores como a da minaría, a de montes, a eólica ou a do solo que “non serve para a necesaria defensa dun mundo rural vivo, con capacidade de tomar iniciativas propias e sustentábel, senón que facilita o espolio dos seus recursos naturais sen ningunha contrapartida para as comunidades”.
Facilita ademais os procesos de expropiación forzosa e acaparamento de terras en mans das empresas, mediante figuras como a de utilidade pública ou os proxectos de especial interese; reduce tanto os prazos para a emisión de informes en materia ambiental, que fai case imposíbel o traballo do persoal técnico encargado de redactalos, e porque vencido o prazo o informe desfavorábel non é tido en conta; recorta e mesmo suprime os mínimos procesos de participación pública e furta información á poboación sobre iniciativas empresariais que poden ter unha grave afección nas súas vidas, permitindo que as mineiras decidan que documentación consideran reservada.
E no só iso, reduce ademais o papel dos concellos, a instancia administrativa máis próxima á veciñanza, para velar polo seu propio territorio; fai prevalecer o aproveitamento industrial do monte fronte aos tradicionais e comunitarios; estende o emprego de meras declaracións responsábeis para a plantación de especies forestais como o eucalipto, mesmo en masas con presenza de árbores autóctonas; suprime a necesaria autorización de Medio Ambiente para os aproveitamentos madeireiros en zonas protexidas, e ameaza ao patrimonio cultural dos nosos montes; elimina criterios como o respecto á natureza á hora de outorgar os dereitos de construción dun parque eólico e outorga boa parte da capacidade decisiva sobre cuestións ambientais e relacionadas co territorio á Dirección Xeral de Enerxía e Minas.
“Cando escriben “Galicia” pensan “negocio”. Cando cidadanía, consellos de administración. Cando pechan unha porta, abren unha fiestra na gran empresa privada. Porque o cargo de hoxe pode ser o posto de mañá. Porque queren a Galiza coma unha mina, deprédannos. Mais aquí estamos. Se cadra nós, non tan minoría. Se cadra a maioría non tan absoluta fóra dos seus muros. Non imos entregarlles a palabra, nin a terra. Porque só se compra o que se vende, pero a nosa resistencia é a negación do voso afán. É a vosa pequena derrota diaria. Mentres sigamos aquí, a non traficar o futuro”.