Miles de persoas percorren Compostela reivindicando que “o idioma é a vida”
Galería de imaxes da manifestación
O lema escollido para esta convocatoria non podía ser máis acaído: “O idioma é a vida”, un verso do coñecido poema “A fala” de Manuel María, o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016. Baixo esta consigna, unha multitudinaria e animada manifestación marchaba dende a Alameda compostelá até a Praza da Quintana na defensa do noso idioma, no ano no que conmemoramos tamén o nacemento das Irmandades da Fala.
Xa na Quintana, onde continuaban a entrar manifestantes ben avanzados os actos finais, un grupo de rapaces e rapazas deron lectura ao poema “A fala”, reivindicando para si propios un futuro en galego, no que a nosa lingua teña plena presenza e plenos dereitos. A compañeira do poeta da Terra Chá, Saleta Goi (que non puido estar presente) enviou unha sentida mensaxe á que deu lectura Xurxo Souto, encargado de conducir o acto.
A seguir, a emoción enchía a Praza da Quintana coa actuación de Mini e Mero, con quen o público se animou a cantar e a bailar. A festa continuou coa música de A Tribo Incomprensíbel. Logo, tomou a palabra o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. Finalmente, a voz de Manuel María lendo un dos seus poemas e o Himno Galego puñan o remate á mobilización.
Unha vida de compromiso
A CIG amosou a súa satisfacción polo feito de que a edición deste ano se lle dedique ao escritor lucense, que ademais de salientar pola súa extensa e valiosa obra literaria fíxoo pola súa militancia sindical, política, cultural e de defensa da lingua.
O seu compromiso co nacionalismo galego chegou a converterse en materia literaria e deixou pegada en moitas das súas composicións, de igual xeito que a súa concepción dialéctica da sociedade. Por exemplo, no libro “Poemas pra construír unha patria”, de 1977, aborda a importancia de contar con sindicatos de clase para defendérmonos da explotación capitalista e colonial.