Miles de persoas exixen nas rúas de cidades e vilas galegas “liberdade, igualdade e xustiza para o galego”
Miles de persoas mobilizáronse en cidades e vilas de toda Galiza para exixir “liberdade, igualdade e xustiza para o galego”. Nas concentracións e manifestacións simultáneas, convocadas pola plataforma cidadá Queremos Galego a mediodía deste 17 de maio, Día das Letras Galegas, alertouse da grave situación na que se atopa o noso idioma mais subliñouse que a situación “non é irreversíbel, pódese modificar”.
Ao remate das mobilizacións deuse lectura a un manifesto no que se sinala que "máis que nunca, queremos galego” porque a situación do noso idioma “é crítica mais a situación pode mellorar se se comeza por recoñecer o dereito a ser lingua visíbel, audíbel, e practicábel sempre, a respirar libremente en todos os espazos”.
Denúnciase que o 22,7% das persoas de 4 a 15 anos non saben falar galego e que existen límites de todo tipo, tamén legais, para empregar a nosa lingua con normalidade. Apúntase á responsabilidade do PP á fronte da Xunta de Galiza porque, desde o goberno “non só non exerce o seu deber estatutario de defender a lingua, senón que actúa en contra, en ámbitos decisivos como a educación, a sanidade, a xustiza ou os medios de comunicación”.
Xunto a isto denúnciase a “ofensiva” desde distintos ámbitos, quer políticos, quer xudiciais contra o galego, como a recente sentenza do Tribunal Supremo contra a ordenanza de normalización lingüística do Concello de Lugo.
Por iso saliéntase que "máis que nunca, queremos galego para defender a liberdade, a democracia e a xustiza en Galiza; para que exista a posibilidade de vida normal en galego; para que non se vulneren os nosos dereitos lingüísticos que son dereitos humanos; para que xuízas, fisscais ou avogadas entendan e empreguen o galego".
Advírtese tamén que “sen lingua non hai desenvolvemento social e económico, non hai liberdade posíbel, non hai igualdade, non hai xustiza. E sen liberdade, sen igualdade, sen xustiza non hai democracia".
Porén ábrese un horizonte considerando que a situación do galego non é irreversíbel, “pódese modicar garantindo os tres principios: liberdade, igualdade e xustiza", conclúe.