Miles de galegas toman as rúas de Verín en demanda da valorización dos traballos de coidados
Un ano máis, o conxunto do feminismo galego uniu a súa forza, baixo o paraugas de GALEGAS8M, e tomou as rúas de Verín para clamar, nunha soa voz, que “sen coidados non hai vida”. Así, mulleres chegadas de toda Galiza percorreron as rúas da vila nunha manifestación que se celebrou precisamente alí en recoñecemento á loita protagonizada polas veciñas da comarca en demanda da reapertura do paritorio.
Dese xeito arrincaba, de feito, o manifesto ao que se deu lectura ao remate da mobilización. Cunha felicitación ás mulleres “que se empeñaron na defensa da vida na súa terra” nunha loita “fronte a privatización e a precarización dos servizos públicos de saúde levada a cabo polo goberno do Partido Popular, esa organización depredadora que leva exercendo violencia institucional contra as mulleres durante décadas, e que só cedeu ante a presión social”.
Desta volta, e tras dous anos de folga xeral de mulleres, o feminismo galego quixo pór o foco no invisíbel: os coidados, que “son moito máis que a casa, as crianzas e as persoas dependentes. Coidados son todos eses traballos invisíbeis que permiten a reprodución da vida, todas esas tarefas ás que non lles damos importancia e sen as cales a nosa existencia, tal e como a coñecemos, non sería posíbel”.
As miles de mulleres asistentes sumaron as súas voces para reclamar a necesidade de “colocar a vida no centro de todo” e de darlle valor a quen colabora para que sexa posíbel. “Falamos do valor social mais tamén do valor económico que ten sostela. Falamos da certeza de que as persoas non somos independentes, precisamos dos coidados alleos durante toda a nosa vida, para satisfacer as nosas necesidades afectivas, para alimentarnos, para mantermos a saúde, para vestirnos, para vivirmos en contornos limpos, na procura do noso benestar e da nosa felicidade…”, lembraron as compañeiras que leron, a catro voces, o manifesto conxunto.
O patriarcado sustento do capitalismo
Denunciaron ademais que o patriarcado é un instrumento fundamental para o sistema capitalista que asigna ás mulleres “as tarefas de coidado” xerando un mundo público masculino “desvinculado dos tempos biolóxicos e ecolóxicos, onde os horarios laborais non importan porque estamos nós na casa para ocupármonos dos coidados da terra e da familia”. Por iso exixiron xornadas laborais con horarios racionalizados, porque “é unha quimera a conciliación familiar con xornadas de 40 ou máis horas semanais”.
Reclamaron o dereito a poder aumentar os permisos de nacemento, acollemento e coidado, “porque ademais é un dereito das crianzas” e que haxa unha verdadeira corresponsabilidade. “É preciso que os homes comecen a ocupar esta esfera. Aínda resulta estraño ver homes que pasen noites para coidar familiares en hospitais, que cambien cueiros a persoas maiores, que se ocupen e preocupen por coidados cotiáns nos fogares. Non existe a neutralidade, se non coidas: descoidas!”, clamaron.
Por iso apostaron por un feminismo anticapitalista, porque o capitalismo “é un sistema contra a vida, a das persoas e a do que nos rodea” e chamaron a abandonar un modelo de desenvolvemento que pon por riba o enriquecemento económico ao mantemento da vida. “Temos que organizar a sociedade doutro xeito. Temos que colectivizar os coidados! Queremos que todos e todas nos ocupemos. Tamén que as institucións dean resposta a estas necesidades. Queremos que sexa unha cuestión política e económica de primeira orde, garantindo o dereito real de todas as persoas a ser coidadas integralmente, é dicer, con acceso a recursos, con criterios de xustiza social e desde unha perspectiva feminista. Esiximos o dereito a unha vida digna e feliz para todas as persoas! Imos loitar polo que é invisíbel”.
Violencia simbólica
No mesmo sentido se expresou ao comezo da mobilización a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral Sánchez, quen denunciou que no mundo do traballo, aqueles empregos relacionados cos coidados, que desenvolven na súa inmensa maioría mulleres “son os que teñen peores salarios e peores condicións laborais, con xornadas parciais, dereitos laborais non recoñecidos, acoso, agresións e precariedade”.
Corral chamou a atención tamén sobre a “invisibilidade dos labores de coidados, e de todo ese tempo de traballo realizado de balde, principalmente polas mulleres, pero do que se beneficia o resto da sociedade”.
Por iso considerou urxente dar unha resposta á “violencia simbólica” que supón a “sobreexplotación abnegada das mulleres”. Unha situación para a que cómpre “abordar a desigualdade socioeconómica e política que existe” e “transformar estes mandatos culturais de xénero que funcionan como coaccións sociais”.
Xunto a sito demandou servizos de atención que os fogares non poden satisfacer. Asegurou que “o coidado prestado nos fogares é moito maior que o prestado polas institucións públicas ou privadas” e chamou a “socializar os coidados” considerando que debe ser “un compromiso colectivo” e unha “responsabilidade na que a sociedade debe participar solidariamente”.
Ademais denunciou que o traballo reprodutivo, doméstico e de coidados que realizan de forma moi maioritaria as mulleres é “constantemente desvalorizado” polo capitalismo, porque “se tivese que pagar polo valor real que teñen estes traballos, non podería seguir acumulando bens”.
Margarida Corral lembrou a mobilización que protagonizarán as mulleres da CIG tras do VI Encontro Nacional de Delegadas convocado para o vindeiro día 4 de marzo e fixo un chamamento as que non puideron sumarse, nesta xornada, á manifestación de Verín, a participar masivamente nas convocadas para o vindeiro día 8 de Marzo en toda a xeografía galega.