O metal da Coruña responde cunha nova xornada de folga masiva ao secuestro patronal do convenio
A CIG denuncia a irresponsabilidade do empresariado que co seu bloqueo aboca o sector a intensificar as mobilizacións
A Coruña/Ferrol/Compostela - 16 Xun 2026
A sétima xornada de folga no metal da provincia da Coruña segue as rexistrar un seguimento maioritario que se fai sentir con especial intensidade nas grandes industrias e polígonos, que permanecen practicamente sen actividade. Fronte á intransixencia patronal que mantén secuestrado o convenio e obstaculiza calquera avance, as traballadoras e traballadores non se resignan nin se renden e hoxe volveron dar unha lección de dignidade e unidade na exixencia dun convenio digno.
A loita do persoal deixouse sentir nas rúas de Compostela, onde se fixo unha asemblea informativa no Tambre; en Ferrol cunha manifestación que saíu da porta principal de Navantia; e na Coruña, onde se desenvolveu unha concentración na zona do Obelisco con motivo dun foro económico no que participaron o presidente da patronal galega e destacados representantes políticos como o presidente da Xunta, a alcaldesa da Coruña ou o presidente da Deputación provincial.
"Queremos transmitirlles que a situación na negociación se está agravando e reclamarlles a súa implicación, porque o que pasa neste sector afecta a milleiros de persoas traballadoras e as moitas outras actividades", indicou Eduardo Caamaño, voceiro da CIG-Industria na mesa do convenio, ao inicio da protesta.
Ante o bloqueo, novas xornadas de folga
A folga continuará no día de mañá, mércores 17 de xuño, ante o bloqueo da patronal á negociación colectiva e a falta dun calendario de xuntanzas. Unha práctica esta na que o empresariado vén insistindo dende a constitución da mesa de negociación, malia as reiteradas peticións da parte social para axilizar o proceso e que o sector dispoña canto antes dun convenio actualizado e con mellores condicións.
Na reunión de onte, "despois dunha nefasta xuntanza o pasado venres", a patronal apareceu cunha oferta irrisoria consistente en incrementar un 0,25% a súa proposta salarial previa e a pretensión de manter a vixencia do convenio en catro anos. "Para iso necesitaron todo o fin de semana", criticou Caamaño.
Subliñou que as propostas de ambas partes están moi afastadas, a pesar dos esforzos da representación sindical que, co obxectivo de facilitar un achegamento, trasladou unha nova plataforma "que a patronal non quixo nin entrar a valorar nin tampouco presentou unha alternativa".
Denunciou que a patronal teima no secuestro do convenio, prolongando con esta actitude a resolución do conflito e obrigando o persoal a seguir coas xornadas de folga previstas: 16 e 17 de xuño, 30 de xuño e 2 de xullo. "Se o empresariado está a expectativa de que o conflito de desactive polo verán, debería lembrar que no ano 2017 houbo varios días de folga no mes de xullo e chegouse a acordo. Nós apostamos porque haxa un convenio asinado cando antes e non imos dilatar o proceso mentres o persoal perde capacidade adquisitiva e dereitos", aseverou.
O representante da CIG cualificou de "auténtica irresponsabilidade" e "desvergoña" que a patronal se levantara o encontro deste luns sen fixar xa as próximas reunións. "A patronal está a xogar co pan dos traballadores e das traballadoras, que non van tolerar este tipo de manobras", incidiu. Neste senso, valorou que unha parte do propio empresariado lle ten transmitido aos sindicatos que tampouco comparte este proceder da representación patronal e o seu descontento co mesmo.
Por iso, a CIG-Industria demándalle responsabilidade á patronal, que atenda o clamor do conxunto do sector e sente á mesa, dunha vez, con vontade real de chegar a acordos. "Doutro xeito, estarán abocado o persoal ao intensificar as mobilizacións até lograr un convenio digno", sentenciou.