Mesa Docente Estatal: CIG-Ensino considera insuficientes os avances na solución ao problema do profesorado técnico de FP
O texto da futura Lei Orgánica de Ordenación e Integración da Formación Profesional (LOFP) pasou no día de hoxe, xoves 8 de xullo, pola Mesa Docente estatal, só unha semana antes de que se presente tamén no Consello Xeral de FP e se debata en pleno no Consello Escolar do Estado.
A CIG-Ensino presentou ao texto do anteproxecto un total de 38 emendas para o seu debate no Consello Escolar, centradas en dous grandes bloques e nos que tamén incidiu o sindicato na Mesa de hoxe: a oposición da CIG á conversión da FP en dual, co que implica de privatización, perda de postos de traballo e intervención da empresa no desenvolvemento da formación profesional, desde a admisión á avaliación do alumnado por un lado, e a solución que se articula no texto para o proceso de integración do PTFP no corpo de PES.
Unha proposta con melloras mais aínda insuficiente para o profesorado técnico de FP
O anteproxecto contempla a saída proposta polo Ministerio de Educación ao conflito creado polos propios partidos que dan soporte ao goberno na tramitación da LOMLOE no Congreso, cun modelo de integración do corpo de PTFP no de PES que a CIG-Ensino considera discriminatorio cunha parte importante do profesorado. Esta proposta xa foi adiantada pola secretaria xeral de FP na última reunión cunha representación da dirección da CIG-Ensino.
Ao respecto do que ten a ver co PTFP a intervención da CIG-Ensino na Mesa centrouse nos seguintes aspectos.
O Goberno debe aproveitar a tramitación da LOFP para formular a integración de todo o profesorado do corpo de PTFP no corpo de PES sen exclusións, abrindo a posibilidade a que se recoñezan todas as titulacións actuais, a efectos de docencia, para se integraren no grupo A1. A única razón que esgrime o MEFP é a negativa do Ministerio de Función Pública a aceptar a excepcionalidade de acceder ao grupo A1 con titulación de FP (o único colectivo actualmente discriminado logo de que o Ministerio confirme a rectificación e vaia permitir que se integre quen conte con diplomatura ou equivalente. Se o EBEP non vale para entender a peculiaridade dos corpos docentes e das titulacións necesarias será hora de que un verdadeiro Estatuto Docente permita desbloquear o veto de Función Pública.
A creación do corpo de “profesorado especialista en sectores singulares da FP” vai evitar que profesorado actualmente interino con titulación de FP nas 10 especialidades afectadas quede fóra e, desde ese punto de vista, é un avance sobre o texto da LOMLOE mais, para a CIG-Ensino resulta totalmente insuficiente polos seguintes motivos:
- Perpetúa o que teoricamente viña a solucionar: a diferenza en dous corpos con diferenzas salariais e de carreira profesional para realizar as mesmas funcións na FP.
- Deixa quedar nun corpo do grupo A2 (“especialistas singulares”) a todo o profesorado de 10 especialidades, con independencia da súa titulación, o que é contraditorio tanto coa idea contida na LOMLOE (integración vinculada á titulación). Só se integrarían, e con carácter “nominal” ou persoal aquel funcionariado de carreira destas especialidades con titulación universitaria con data 19 de xaneiro de 2021. Polo tanto, pecha a porta a calquera integración no futuro no corpo de PES pola mesma vía.
- Non se ten en conta o profesorado con titulación de FP das outras 19 especialidades que aínda conserva o dereito de se presentar ás oposicións con esa titulación, co que será castigado co cese despois de desempeñar sen problemas o seu traballo coa titulación que se lle exixiu. A CIG-Ensino está totalmente en contra de que se bote ao paro a este profesorado e urxe a buscar unha solución.
Sen prazos. O texto non recolle ningún prazo para proceder á integración de quen cumpre os requisitos, malia que a LOMLOE entrou en vigor en xaneiro de 2021. Non sería de recibo que se tivese que agardar á aprobación desta nova lei para o efectivo recoñecemento do dereito de integración. O Ministerio fala de que a Lei regula que os efectos serán coa data da entrada en vigor da LOMLOE (19 de xaneiro de 2021) mais a preguntas da CIG-Ensino non se atreveu a confirmar que eses efectos non fosen unicamente administrativos e non retributivos, como demanda o sindicato. Confirmaron que están pendentes do que diga Facenda. CIG-Ensino insiste en que se recollan expresamente os dereitos retributivos desde xaneiro de 2021
Integración limitada a quen tivese titulación en xaneiro de 2021. Mantense a limitación, a todas luces discriminatoria, de ter a titulación de Grao ou equivalente a efectos de docencia no momento de entrada en vigor da LOMLOE (coa única mellora de que antes era “a efectos de ingreso na función pública”, o que deixaba fóra as diplomaturas, outro avance que responde insuficientemente ás propostas da CIG-Ensino.
Data tope de integración en 5 anos. O anteproxecto fixa un prazo máximo para a integración de 5 anos desde a entrada en vigor da LOMLOE (xaneiro de 2026) mais ao estar limitado a quen tivese a titulación en xaneiro de 2021 non ten efectos reais en quen poida obter o grao con posterioridade A CIG-Ensino xa formulara propostas no sentido de permitir un prazo indefinido para ter a titulación de Grao no caso de non se aceptar a nosa demanda de integración universal.
Limitacións para acceder nas novas oposicións. Mantense que, mentres non se desenvolva tanto a LOMLOE como esta Lei, se poderían presentar ás oposicións de ofertas de emprego xa publicadas e formar parte das listas de persoal interino no corpo declarado a extinguir de PTFP o profesorado cos requisitos previos á publicación da LOMLOE. A CIG-Ensino defende que ese prazo se estenda no tempo ao período de implantación da Lei (4 anos)
Profesorado especialista do sector laboral, agora tamén en réxime administrativo. Un avance tamén parcial é que da resposta a outra demanda da CIG-Ensino está ao na contratación daquel profesorado especialista que, mesmo sen titulación, poida ser contratado. Na LOMLOE só figuraba a contratación como persoal laboral e agora ábrese a ser contratado como interino. Para o sindicato a única relación debería ser a de nomeamento administrativo.
O goberno estatal pon a FP ao servizo das empresas
O anteproxecto da LOFP condiciona totalmente a estrutura formativa das administracións educativas ás necesidades e decisións das empresas. De feito, que toda a FP se considere dual non é só un cambio de terminoloxía, xa que catalogar como dual a actual FP ordinaria faise precisamente para reforzar o poder das empresas.
Así no articulado regúlanse aspectos tan negativos como:
- O reforzo do papel a empresa coa ampliación das estadías do alumnado nelas,
- Un maior control do currículo por parte das empresas
- A intervención da empresa na admisión do alumando en toda a FP
- A empresa, nas reunións de avaliación. A entrega de parte da avaliación a titores ou titoras designadas pola empresa, até o punto de darlle entrada nos centros para participar na avaliación final do alumnado.
Para a CIG-Ensino as medidas propostas implicarán un importante recorte de profesorado de FP ao asumir unha maior carga de formación a estadía en empresas. A FCT actual implica un 20% das 2000 horas dun ciclo medio ou superior. A nova FP dual ordinaria terá entre un 25% (500h) e un 35% (700h) e a PF dual avanzada poderá subir até o 50% do horario nos centros de traballo.
Ao tempo, a posibilidade de que as empresas poidan formar os seus propios traballadores e traballadoras para a obtención de títulos oficiais, quedando o profesorado dos centros educativos exclusivamente para a avaliación deses resultados de aprendizaxe, supón tamén deixar nun lugar secundario o profesorado e reducirlle capacidade para formar parte na formación continua.
Modificacións da LOMLOE na nova lei de FP ao respecto dos corpos docentes da FP
- Créase o novo corpo de Profesorado Especialista en sectores singulares vinculado ás 10 especialidades que figuran actualmente no Anexo VI do RD 276/2007. O funcionariado de carreira destas especialidades con titulación de Grao ou Diplomatura poderá integrase no corpo de PES. Non así quen teña titulación superior de FP.
- A integración no corpo de PES limítase ás outras 19 especialidades do corpo a extinguir de PTFP e poderá ser exercida desde que se convoque o proceso até un prazo máximo de 5 anos desde a entrada en vigor da Lei de FP. A intención do Goberno e, parece ser, das CC.AA., é facelo nunha única convocatoria simultanea. O prazo dos 5 anos sería tan só para quen, aínda tendo a titulación, non participase nesa convocatoria. Os efectos serán desde xaneiro de 2021 mais non queda claro aínda se eses efectos van ser tamén retributivos e non só administrativos. Para quen solicite con posterioridade o ingreso (nese prazo de 5 anos) os efectos sería desde ese momento.
- Mantéñense os requisitos de titulación para integrarse no corpo de PES na entrada en vigor da LOMLOE (19 de xaneiro de 2021)
- Mantense a limitación de selección de funcionariado para o corpo a extinguir de PTFP para as ofertas de emprego público xa aprobadas con anterioridade á entrada en vigor da LOMLOE.
Principais características da estrutura da FP na nova lei
NOVA ORDENACIÓN EN 5 GRAOS. Hai unha nova denominación das diferentes tipoloxías da oferta de FP, diferenciada en dous grandes bloques:
- Grao A (acreditación parcial de competencias), Grao B (certificado de competencias) e Grao C (certificado profesional)
- Grao D (ciclos formativos):
- grao básico e medio con ciclos de 2 cursos académicos de 2000 horas
- grao superior: 2 ou 3 cursos académicos entre 2000 e 3000 horas.
- pode haber dobres titulacións
- Grao E (cursos de especialización): entre 300 e 800 horas para obter título de Especialista (para ciclos de GM) ou título de Máster Profesional (para ciclos de GS)
Os Graos C,D e E terán carácter dual.
A ACTUAL FP ORDINARIA SERÁ DUAL. Pasa a denominarse FP DUAL XERAL. Hai un incremento das estadías nas empresas. Agora a FCT ten unha duración de 410 horas, o que implica un 20% do total da duración dos ciclos de 2000 horas. Na nova regulación a formación nas empresas non pode ser inferior ao 25% e pode chegar ao 35%. A empresa asume un 20% dos resultados da aprendizaxe do currículo.
A estancia en centros de traballo debe distribuírse en todos os cursos sempre a partir do 3º mes de formación nos centros educativos. Esta fase dual non ten carácter laboral (non hai vinculación contractual do alumnado nin se perciben remuneración, como actualmente).
A FP DUAL ACTUAL DENOMINARASE AVANZADA OU EN ALTERNANCIA. A duración da estancia nas empresas irá do 35% ao 50%. Na inmensa maioría dos convenios asinados actualmente pola Consellaría de Educación coas diferentes empresas para a FP Dual a estadía oscila xa nesas porcentaxes. Na maioría dos casos a porcentaxe está dentro dos límites que fixa a nova lei aínda que no caso galego hai aproximadamente un 20% dos ciclos de FP dual que superan o 50% de estadía en empresas. Mantense o carácter de actividade laboral retribuída para o alumnado e regúlanse algúns aspectos das súas condicións “laborais” (descanso semanal, vacacións, períodos lectivos, quendas nocturnas excepcionais).
FP VIRTUAL. Ademais das modalidades actualmente existentes, presencial e semipresencial, inclúese a virtual que se poderá impartir en centros nos que estea en funcionamento a a modalidade presencial das mesmas especialidades ou familias.