Mercadona propón medidas xa obrigatorias por convenio para corrixir os alarmantes resultados da avaliación de riscos
O resultado dos test psicosociais realizados nas tendas que Mercadona ten na provincia da Coruña arroxan uns datos alarmantes, xa que en 8 dos 23 centros existen riscos moi altos e intolerábeis. Destes 8 establecementos, 4 están na cidade herculina e os outros catro en centros que a cadea de supermercados ten na zona de Ferrol-Narón e Santiago de Compostela. Para a sección sindical da CIG (que ten a maioría no comité provincial) son especialmente preocupantes as conclusións no referido ao sobreesforzo físico que fan as traballadoras e os traballadoresa causa do incremento da carga de traballo e falta de reforzo dos cadros de persoal.
As probas -realizadas a finais de 2019 e principios de ano- deron como resultado "un elevado número de factores de risco con risco elevado ou moi elevado, sendo ademais moitos destes coincidentes en todas as tendas obxecto de estudo", advirten dende a sección sindical da CIG. Non obstante, na reunión celebrada o pasado día 3 para avaliar os resultados dos test e as medidas correctoras, a dirección tentou minusvalorar os malísimos resultados e presentou unha batería de medidas para cada un dos riscos analizados (tempo de traballo, participación/supervisión, autonomía, carga de traballo e relacións e apoio social) que as delegadas e delegados da CIG cualifican de "broma".
"Trátase de normas que xa aparecen no noso convenio e, polo tanto, xa son obrigatorias, polo que Mercadona non está a proporcionar ningún tipo de solución nin medida a ditos riscos avaliados", advirten. Ademais, a empresa considera que os resultados, a data de hoxe, non son fiábeis posto que, despois de realizar os tests, xa se fixeron movementos nas tendas (como cambios de coordinadores/as, implantación de novos horarios, etc.). "Estamos de acordo en que os tests psicosociais deben realizarse de novo para comprobar se estes cambios foron realmente beneficios ou non, pero téñense que facer o antes posíbel e non demoralos no tempo intencionadamente como quere Mercadona", salientan.
Sobe a carga de traballo e a baixan as contratacións
Un dos factores que peores resultados arroxou é o da carga de traballo (con influencia evidente en varios riscos laborais como o sobreesforzo ou o psicosocial). Neste senso, as representantes da CIG alertan do enorme incremento do traballo rexistrado dende o inicio da emerxencia sanitaria ao tempo que se reduciu o número de horas contratadas. Exemplifican esta realidade pondo o exemplo dunha tenda na que aumentou a facturación no que vai de anonun 21% (con respecto ao mesmo período do ano anterior) mentres que as horas diarias de traballo pasaban de 203 a 197 durante a primeira quincena de xullo de 2019 e 2020, respectivamente.
"Hai un claro incremento da carga de traballo e unha diminución das horas contratadas, isto provoca que Mercadona someta o cadro de persoal a niveis de risco moi elevados na carga de traballo, que son realmente alarmantes e que se están a dar na meirande parte das 23 tendas da provincia, con moi poucas excepcións", aclaran.
Malia que a empresa ten os resultados dende hai meses, até o momento non se tomaron medidas nin se fixeron novas contratacións, agás en centros puntuais nos que xa existía algún tipo de conflito previo. Isto tamén supón un incumprimento do protocolo covid de Mercadona, que recolle a necesidade de reforzar os cadros de persoal.
Outro dos puntos que xera preocupación na sección sindical é como vai tratar Mercado as preguntas "sensíbeis" das probas, que tiveron respostas afirmativas nalgúns tests e centros, en dous riscos moi graves como son a violencia psicolóxica e a violencia sexual. "Despois de restarlle importancia, a empresa recúa e dinos que o van estudar e ir ás tendas onde se deron estas respostas, pero sen explicar de forma concreta que procedemento van utilizar para investigalo".
Promoción para os mandos que vulneran dereitos
Xunto a isto, a CIG pon o acento nos métodos de promoción de Mercadona, que premia con ascensos a aqueles mandos directivos que levan a cabo prácticas antisindicais, que recorren ás presións e ás ameazas ao persoal, que vulneran dereitos fundamentais ou a aquelas persoas que estaban ao cargo das tendas que peores resultados tiveron na avaliación de riscos. "Así é como se fan méritos nesta empresa para promocionar", denuncian, expoñendo os casos das encargadas de dúas das tendas que tiveron malos resultados nas probas e ás que a empresa "recompensou", ascendéndoas a responsábel/xefa de Zona, polo que agora se encargan de supervisar entre 10 e 15 tendas.
Para a CIG estas prácticas resultan intolerábeis e considera gravísimo que Mercadona promova este tipo de actitudes entre os seus mandos directivos, cando de portas para fóra vende unha calidade no emprego e unha preocupación polas condiciónsdos seus traballadores e traballadoras que nada teñen que ver coa realidade laboral da empresa.