"Mercadona escoita, a CIG está en loita"
Traballadores e traballadoras de Mercadona concentráronse este luns diante da tenda que a compañía de distribución ten en Perillo (Oleiros) para reclamar a readmisión dun compañeiro despedido que foi nas listas da CIG ás eleccións sindicais nos dous últimos procesos. Con esta protesta, ademais do inxusto da medida, a sección sindical da CIG tamén quere denunciar os abusos laborais e a enorme sobrecarga de traballo que ten que soportar o persoal desta empresa.
Para a presidenta do comité provincial, María López, o despedimento deste traballador, que nos nove anos que leva en Mercadona nunca recibira un apercibimento ou queixa, "é unha burla e un acto de chulería. Queren facer despedimentos exemplarizantes a persoal que exerce os seus dereitos laborais".
Lembra que nos últimos anos a CIG xa se mobilización en diversas ocasións nesta tenda (onde se atopan as oficinas de Recursos Humanos) contra os despedimentos e os abusos laborais e que o compañeiro afectado non era delegado "pero si moi activo sindicalmente".
A este respecto, subliña que o traballador non recibiu ningún amoestación, sanción ou apertura de acta de reprimenda (método habitual de Mercadona para xustificar despedimentos arbitrarios) previa e "sempre desenvolveu un traballo impecábel, tendo aprobadas todas as primas e valoracións. Despedírono alegando incumprimentos de métodos que todo o persoal comete nalgún momento porque son imposíbeis de cumprir".
Por iso, entende que con esta decisión Mercadona pretende botarlle un pulso á CIG e amedrentar o persoal máis activo na defensa dos dereitos laborais, pois non cómpre perder de vista que despois das eleccións nas que a CIG revalidou a maioría absoluta no comité da provincia da Coruña e gañou por primeira vez en Ourense e Pontevedra, a empresa comezou unha campaña de persecución, acoso e despedimentos nestas dúas provinciais.
O despedimento, salientou, xa está denunciado en vía xudicial e demándase a nulidade deste.
Sobre a situación laboral, María López advertiu dos abusos e da insoportábel sobrecarga de traballo que padecen, xa que malia os beneficios millonarios, a empresa non reforzou os cadros de persoal. "Pedimos que repitan os test psicosociais canto antes porque deron resultados alarmantes en moitas tendas. Pero a Mercadona non lle preocupa o clima laboral, quere que sexamos mulas de carga. Por iso tamén van a polo persoal máis veterano e afín á CIG que se atreve a exercer os seus dereitos", denunciou.
Neste senso, a sección sindical reitera que non tolerará este tipo de represións nin os abusos laborais e que dará cumprida resposta a calquera agresión da empresa contra os dereitos dos traballadores e das traballadoras.