Mercadona despide unha traballadora tras solicitar unha redución de xornada para coidar a súa filla
A sección sindical da CIG desenvolveu este venres unha nova xornada de mobilizacións nun supermercado de Mercadona, nesta ocasión para denunciar o despedimento arbitrario dunha compañeira á que a empresa rescindiu o contrato estando de baixa e despois de ter solicitado unha redución da súa xornada laboral para poder coidar a súa filla, que ten unha discapacidade superior ao 50%.
A Mercadona, que tanto presume de estar á vangarda nas medida de conciliación, non lle tremeu o pulso para deixar na rúa unha traballadora que "ousou" exercer o seus dereitos e solicitar unha redución da súa xornada por garda legal. A traballadora, destinada na sección de comida preparada no supermercado de Betanzos, levaba meses agardando a que a coordinadora da tenda lle contestara á solicitude verbal de recortar a xornada para poder coidar da súa filla que ten unha discapacidade recoñecida superior ao 50%.
Pero a empresa, como vén sendo habitual, dilatou a resolución da petición e aproveitou este tempo para orquestrar unha escusa para aplicarlle un despedimento disciplinario, nesta ocasión acusándoa de comer moreas de alimentos da súa sección. Na carta de despedimento, Mercadona lista pormenorizamente, día a día, unha cantidade de produtos tal, "que se a traballadora realmente comera todo o que din tería un sobrepeso brutal", ironiza María López Alejos, presidenta do comité da Coruña.
A "tarefa imposíbel" de conciliar
Para María López está claro que a decisión da empresa non ten nada que ver con esta cuestión (de feito nesa sección o persoal ten que testar por método os produto que vende), senón que o motivo real é "que quixo exercer o seu dereito a conciliar". De feito, previamente á rescindirlle o contrato, a empresa manobrou para que a súa compañeira de sección declarara contra dela, presionando a ambas traballadoras con entrevistas a porta pechada, até o punto de que tiveron que coller unha baixa.
Diante disto, e co historial previo de Mercadona en despedimentos arbitrarios do persoal que reclama os seus dereitos, a traballadora presentou por escrito a solicitude de redución e xusto dous días despois recibiu a carta de despedimento, aínda estando de baixa. A súa compañeira tamén sufriu represalias e foi suspendida de emprego e soldo durante 16 días acusada de "consentir" e non delatar que a outra traballadora tomara alimentos da sección.
"Este tipo de actuacións empresariais demostran máis unha vez que en Mercadona conciliar é tarefa imposíbel", denuncia López Alejos, quen avanza que o despedimento vai ser recorrido en vía xudicial xa que "a todas luces se trata dun despedimento improcedente". Neste senso, salienta que até que deu a coñecer que quería reducir a xornada, nos cinco anos que leva no supermercado, a traballadora nunca recibira un apercibimento ou sanción e sempre aprobou as valoracións que se fan ao persoal para decidir se cobran a prima anual.
A presidenta do comité sinala que a dirección sempre acusa á CIG de querer burocratizar as relacións laborais "porque demandamos que tanto as solicitudes do persoal como as comunicacións por parte da empresa se entreguen por escrito, xa que é a única maneira que teñen as traballadoras e os traballadores de poder defenderse ante as sancións e as actuacións abusivas que habitualmente practica Mercadona".
Coronavirus: sen protocolo e tendo que facer horas extra a esgalla
Coa concentración tamén se quixo denunciar a situación de explotación que está padecendo o persoal a raíz da pandemia do coronavirus, xa que Mercadona ten as traballadoras e traballadores facendo horas extraordinarias a esgalla para atender a masiva afluencia de clientela rexistrada estes días. De feito, López sinala que non se están respectando os preceptivos descansos entre xornada e que para este domingo a empresa ordenoulle ao persoal acudir aos supermercados dende ás oito da mañá para facer a reposición dos produtos.
Apunta que os 23 centros de traballo da provincia da Coruña triplicaron as súas vendas nestes días pero Mercadona pretende afrontar esta sobrecarga de traballo obrigando as empregadas e empregados a facer xornadas esgotadoras, requiríndolles que fagan horas extras e que dobren quendas. Dende a CIG xa se solicitou da empresa que, de maneira urxente, proceda a reforzar os cadros de persoal en todos os centros da provincia.
Xunto a isto, López Alejos advirte da actuación irresponsábel de Mercadona na xestión do coronavirus, xa que a pasada semana as delegadas de prevención solicitaron se lles trasladara o protocolo de actuación en cada un dos supostos que se poidan presentar, que a empresa continúa sen remitir.
As necesidades da empresa, por enriba dos dereitos
Pero a maiores, no día de onte, tras o anuncio do peche dos colexios "pedímoslle que nos dixeran que medidas ía adoptar a empresa e o que nos contestan, literalmente, é que en cada caso a traballadora ou traballador terá que reunirse coa persoa encargada da tenda e entre as dúas 'barallar' as posíbeis opcións en función das necesidades de ambas partes. Está claro que ese reparto da baralla está mal equilibrado", alerta.
A presidenta do comité critica que Mercadona ignore á representación legal dos/as traballadores/as, con quen debería negociar as distintas medidas, e xa advertiu que "non lle imos permitir a empresa que pase por enriba dos dereitos das compañeiras e compañeiros para seguir tirando beneficios".