Mercadona despide de maneira arbitraria mentres o persoal ten que asumir unha sobrecarga de traballo brutal
A CIG concentrouse este luns diante do Mercadona de Avda. de Oza (A Coruña) para amosar o máis rotundo desacordo cos despedimentos que está executando a empresa de maneira totalmente arbitraria e inxustificada. Dende o pasado mes de decembro, houbo cinco despedimentos en distintas tendas da provincia, aínda que poderían ser máis xa que a empresa non traslada esta información como debería á representación legal do persoal.
A presidenta do comité da Coruña e delegada da CIG, María López Alejos, lembra que o persoal de tendas está sometidoconstantemente a un control exhaustivo das súas funcións, practicándoselles “preavaliacións e avaliacións” de minuciosocontrol e supervisión, nas que se recollen apreciacións que son absolutamente subxectivas, xa que non dependen de criterios prefixados e coñecidos, senón do que valore en cada momento a persoa encargada da tenda.
Desas avaliacións depende en gran medida que se cobre ou non a prima anual, mais tamén serven para aplicar despedimentos á carta, tal e como lle aconteceu a unha traballadora do supermercado da Avda. de Oza, da que se demandou a súa readmisión durante a concentración deste luns. Para López Alejos, atrás deste despedimento “hai un acto de persecución por parte de Mercadona contra aqueles traballadores e traballadoras que exercen os seus dereitos laborais”.
Despedimentos á carta
Con estas prácticas, denuncia, Mercadona consegue botar a quen lle veña en gana, sustentando os despedimentos en supostos incumprimentos dos métodos de traballo internos "que en numerosas ocasións lle solicitamos por escrito, pero que xamais accederon a proporcionárnolos, xerando unha indefensión total ás traballadoras/es".
Sinala a presidenta do comité que os métodos son tan exhaustivos que resultan imposíbeis de cumprir durante toda a xornada laboral, especialmente dende o inicio da pandemia debido á sobrecarga de traballo que está a asumir o persoal polo incremento das vendas.
Porén, as consecuencias non son iguais para todas as traballadoras/es, e ante o mesmo incumprimento unhas veces prodúcese unha apertura de sanción, noutras emítense actas de reprimenda (que na práctica Mercadona utiliza como sancións nas cartas de despedimento) e noutros casos non acontece nada.
López sinala que non se entende que un incumprimento sexa motivación suficiente como para proceder ao despedimento emenos aínda que este se aplique de forma selectiva e discriminada. Casualmente, matiza, "a quen acabandespedindo é ás persoas que teñen o atrevemento de facer valer seus dereitos laborais. O certo é que dependendo da decisión de quen coordina a tenda e das directrices que dende RRHH lle encomenden, poderás acabar facilmente despedido/a con independencia de se es unha boa ou mala traballadora", manifesta.
Sobrecarga de traballo en todas as tendas
Xunto a isto, advirte que dende o inicio da pandemia, e deforma xeneralizada nas 23 tendas da provincia, estase asoportar unha enorme carga de traballo e o persoal atópasetotalmente extralimitado en funcións "aínda que a empresa segue a aseverar que teñen o persoal preciso e escúsanse en problemas de organización e a imprevisibilidade da situación".
Non obstante, o control exhaustivo de tarefas acrecentouse "e segue recaendo na subxectividade da opinión do/a encargada/o de tenda (coa colaboración do departamento de RRHH) a decisión de abrir actas, amoestacións, sancións e suspensos nestas avaliacións persoais a quen non se dobregue ante as esixencias de renunciar a exercer os seus dereitos laborais, atendendo unicamente a dar total prioridade ás necesidades de incrementar a produtividade nas tendas".
A este respecto refírese á persecución que sofre o persoal que cae de baixa, chegando a darse casos de traballadoras/es a quen Mercadona lles puxo vixilancia privada para controlar o que facían; a dificultade coa que se atopan as mulleres embarazadas para acceder á suspensión de contrato por risco en cumprimento dos protocolos de prevención; as complicacións para acollerse ás reducións de xornada por coidado de menor que a empresa formalizan con carácter de “revisable mensual/semestral”; así como a negativasistemática das solicitudes horarias en materia de conciliación da vida familiar e laboral.
"Perseguen a identificación de disidentes do seu sistema/modelo de traballo (que chaman Modelo de Calidade Total) que Mercadona debe de pensar que está por enriba do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras e que, en todo caso, lles sae moi rendíbel. Xa nin que dicir ten dos dereitos sindicais, a política do medo e a represión son cimentos nesta cadea de supermercados", asevera López, quen apunta que a representación da CIG seguirá pelexando para que se respecten os dereitos de todo o persoal.