Mercadona ameaza con sancións o persoal que ten tatuaxes en zonas visíbeis se non as oculta
Prohibidas as tatuaxes visíbeis e os piercings. Esa é a consigna que Mercadona instrúe a todo o seu persoal chegando mesmo a ameazar coa imposición de sancións a aquelas traballadoras e traballadores que non oculten estes adobíos. Así o denunciou este venres en rolda de prensa a sección sindical da CIG, quen advirte que esta persecución atenta contra os dereitos individuais e constitúe unha manifestación máis da política de férreo control que Mercadona exerce sobre as súas traballadoras e traballadores.
"Aínda que de momento non pasou do apercibimento verbal, o persoal que ten tatuaxes visíbeis está recibindo todo tipo de presións e ameazas para que as tapen", explica a presidenta do comité provincial da Coruña, María López Alejos, quen cualifica esta política laboral como totalmente extemporánea, vulneradora de dereitos e irrespectuosa co persoal.
Sinala que, no camiño de adaptarse aos tempos actuais, no último convenio colectivo se retiraron aqueles puntos que facían referencia as sancións por incumprir o aspecto físico esixido as traballadoras e traballadores. "Non obstante, a realidade é que en Mercadona están prohibidas as tatuaxes, ao igual que o piercings, e que a empresa ameaza con sancionar a quen as loce".
A este respecto, a presidenta do comité salienta que nunca houbo queixas da clientela porque algunha traballadora ou traballador teña unha tatuaxe. Ao contrario, "chámalles moito máis a atención que vaiamos cun pegote de maquillaxe ou cunha venda".
Situación especialmente grave no Mercadona do Polígono da Agrela
Pero esta persecución non ten a mesma intensidade en todos os centros de traballo, e mentres nunhas tendas a prohibición tómase con maior lasitude, noutras como o supermercado situado no Polígono de Agrela (nas inmediacións do complexo comercial), as ameazas son constantes. Tanto é así, explican, que un día, aproveitando a ausencia das delegadas da CIG, a encargada reuniu nas dúas quendas laborais a todo o persoal para reiterarlles que non se poden levar á vista as tatuaxes e lembrarlles que quen non cumpra esta obriga pode ser obxecto de sanción.
"Ao día seguinte, un traballador non cubriu a tatuaxe que ten no brazo e foi rapidamente chamado á oficina. Alí a encargada, con dúas testemuñas, díxolle que tiña que tapala porque esa é a política da empresa. Cando o traballador lle respondeu que o convenio non recolle nada sobres este asunto, a encargada díxolle que se dera por informado e lanzoulle ameazas veladas".
Para a CIG, que se poida chegar a sancionar a unha compañeira ou compañeiro por este motivo non só resulta inconcibíbel nos tempos actuais, senón que atenta contra o dereito á propia imaxe e ás liberdades individuais. Por iso, advirten que "non imos amedrentarnos ante ningunha ameaza e seguiremos a defender a dignidade e os dereitos do persoal". E engaden que, atrás desta persecución, o que en realidade se agocha son os intentos de Mercadona por dobregar e controlar ao seu persoal.
A CIG tratou esta prohibición nas reunións trimestrais coa empresa
A sección sindical da CIG levou esta problemática nás reunións trimestrais do comité e a empresa, que se limitou a asegurar que esta orde forma parte da política interna de Mercadona. "Cando lle pedimos que nos mostraran onde está recollida a obriga de tapar as tatuaxes, a resposta foi que hai que respectar a uniformidade, a neutralidade e a seguridade alimentaria e que, presuntamente, nos informan de palabra cando nos contratan".
Dende a CIG pídeselle a empresa que avance canda a sociedade e permita ensinar as tatuaxes se non teñen contido ofensivo, "pero até o momento non nos contestaron e continuamos igual". De feito, ao persoal con tatuaxes nos brazos Mercadona nin sequera lle entrega o uniforme de verán, polo que teñen que traballar todo o ano en camisa de manga longa.
A obsesión de Mercadona pola imaxe do seu persoal chega até o punto de que se prohibe ás traballadoras e traballadores asistir ás reunións de empresa con pantalón vaqueiro, pantalón curto, chándal, sandalias ou zapatillas deportivas.