“Menos persoal significa menos seguridade na refinería e peores condicións laborais”

Traballadores e traballadores do complexo de Repsol na Coruña seguen co calendario de mobilizacións previo á convocatoria de folga
A Coruña - 20 Mai 2026

Traballadores e traballadoras de Repsol volvéronse mobilizar este mércores diante da refinería para rexeitar a política de recortes de persoal, demandar garantías de seguridade e un plan de investimentos no complexo industrial da Coruña. A protesta forma parte das accións mobilizadoras previas á convocatoria de  folga aprobada polas asembleas do persoal.

A decisión da empresa de eliminar unha persoa operadora por quenda na unidade de coque foi a gota que colmou o descontento do cadro de persoal ante a política de destrución de emprego e empeoramento das condicións laborais practicada por Repsol.

Esta redución de persoal, advirte a sección sindical da CIG, supón máis carga de traballo, peores condicións laborais e máis riscos para a seguridade. A isto súmase que os traballadores e as traballadoras a quendas “levan demasiado tempo soportando xornadas de 12 e até 16 horas”. Unha situación que cualifican de insostíbel e que ten consecuencias directas sobre a saúde, a conciliación e a seguridade.

A CIG denuncia ademais a falta de investimentos na refinería, especialmente en comparación con outros centros do grupo nos que Repsol si aposta pola modernización e o futuro.

Por iso, animan ao conxunto do persoal a intesificar a loita e participar nas mobilizacións “para defender un emprego seguro, condicións de traballo dignas e un trato respectuoso para todas e todos”.