“Menos luces e máis autobuses!”
As rúas de Vigo enchéronse onte de berros de apoio á loita do persoal de Vitrasa, concesionaria do servizo municipal de transporte urbano, que leva tempo reclamando unha solución ás distintas problemáticas laborais que padecen dende hai anos. En especial para rexeitar a intención da empresa de rebaixar os salarios un 30% este ano e un 14% para o que vén.
“Menos luces e máis autobuses”, “Abel reacciona Vitrasa non funciona” ou “Enchen os bolsillos co pan dos nosos fillos” foron algunhas das consignas máis escoitada durante a marcha que arrincou ás 19:15 horas do cruce dos choróns e rematou case hora e media despois no farol de Urzaiz.
Unha vez alí, o presidente do comité de empresa, Imanol Arnoso, da CIG, tomou a palabra para agradecer en primeiro lugar a solidariedade amosada pola veciñanza da cidade na loita en defensa das súas condicións de traballo e dun servizo de calidade, xa que “dende hai anos vimos observando como se degrada o servizo e as condicións laborais”.
Neste senso, denunciou que a empresa incumpre acordos co comité dende o mesmo momento da súa sinatura, ademais de producirse atrasos no pago das nóminas, perda de dereitos adquiridos e non negociación de convenios caducados. “O que custou anos de dura pelexa conseguir estano intentando desmantelar a toda présa”.
Redución de servizos
Ao mesmo tempo advertiu que se está a levar a cabo unha redución sistemática de servizos na rede de transporte urbano de Vigo, con viaxes que se deixaron de realizar a diario (calculan que dende o principio da pandemia deixáronse de facer diariamente sobre 80 expedicións, ademais de eliminar liñas como a C2, “que desapareceu da noite para a mañá”).
“Todo isto baseándose na escasa rendabilidade destes servizos, porque Vitrasa quere levar unicamente autobuses cheos, e iso vai en contra dun servizo de transporte de calidade”. En consecuencia, o persoal de condución recibe cada vez máis queixas das persoas usuarias: horarios incomprensíbeis e longas esperas nas paradas “para despois ver pasar dous ou tres autobuses na mesma dirección”.
Neste contexto, a empresa puxo en marcha o mecanismo para levar adiante unha inaplicación do convenio colectivo, reducindo os salarios un 30% este ano e un 14% para o que vén, incrementando as horas de traballo anuais e flexibilizando as condicións laborais.
“Hai que lembrar que Vitrasa aceptou renovar a concesión en plena pandemia, con dúbidas máis que razoábeis sobre cal sería a evolución do transporte posto que aumentaron significativamente modalidades laborais como o teletraballo, e a xente era, e segue sendo, reticente a viaxar nun autobús ateigado de persoas polo risco de contaxio que supón”. Aínda así, a compañía aceptou renovar a concesión e continuou reducindo servizos, “cando o que debería facer era por en marcha un servizo de transporte que as persoas usuarias percibisen como máis seguro e máis eficaz, para animalas a utilizalo”.
Numerosos conflitos
Tamén incidiu en que o grupo Avanza, ao que pertence Vitrasa, mantén conflitos en numerosas explotacións de todo o Estado español, “recortando e precarizando alá por onde vai as concesións que caen nas súas mans, como no caso de Ourense, Málaga, Zaragoza, Ávila ou Durango”.
Por iso censurou que nos máis de 50 anos que a compañía leva operando en Vigo nunca se preocupou dos seus traballadores/as a pesar de que obtiña grandes beneficios, “pero agora que as cifras non son as desexadas recorre aos recortes salariais e laborais para manter a súa conta en positivo malia que o seu patrimonio neto supera os 40 millóns de euros e recoñece que a solvencia da empresa non está en risco”.
Por todo isto, Arnoso trasladoulle publicamente a Vitrasa o sentir do conxunto do comité: “se as contas non lle dan que se vaia, que abandone a concesión, pero que deixe de xogar co pan de máis de 350 familias”. Mentres que instaron o Concello e ao alcalde a non agocharse e a retirarlle a concesión e se non cumpre coas súas obrigas tanto cos traballadores/as como coa cidade. “Que remunicipalicen o servizo, porque Vigo merece un transporte público de calidade”.