Membros do comité de Alcoa e das industrias auxiliares encadéase na Subdelegación do Goberno de Lugo
Membros do comité de Alcoa e da industria auxiliar realizaron unha acción de protesta na Subdelegación de Lugo este venres para esixir do Goberno español e da Xunta actuacións urxentes e contundentes que eviten o plan de despedimentos e a parada das cubas que pretende a multinacional do aluminio.
Un grupo de traballadores/as encadeouse no balcón do edificio da Subdelegación para esixir do Ministerio de Industria a convocatoria da reunión da mesa multilateral na que oficializar a proposta de solución, trasladar datos concretos sobre o presunto socio inversor interesado e o plan enerxético, así como para esixir a incorporación das auxiliares a este foro xa que "o persoal das contratas e subcontratas é o gran esquecido nestas negociacións".
Xosé Paleo, delegado da CIG no comité, explicou que a representación social acordou levantar a medida de presión por volta da unha da tarde, despois de que o Ministerio de Industria confirma data de reunión para o vindeiro luns, 27 de xullo, ás 19:00 horas. "Non é no formato que nos queríamos, xa que pedimos unha reunión presencial, pero polas situación sanitaria ao final será telemática". Un encontro, engade, que servirá para que cada unha das partes se retrate e deixe de botar balóns fóra. "Estamos fartos de escoitar como a empresa culpa as administracións, o Goberno español á Xunta e a Xunta ao Goberno español e así sucesivamente", denuncia Paleo.
Concretar a proposta e avaliar a súa utilidade
Sobre o contido da reunión do próximo luns, agárdase que o Ministerio ensine e concrete a súa proposta industrial e enerxética e dilucidar se as medidas que formula "serven para sacar adiante a fábrica", tendo en conta que Alcoa non quere vincularse con ningún escenario formulado na proposta: socio inversor que acompañe a empresa na produción de aluminio primario ou venda da factoría.
"O que nos interesa é que non paren as cubas", asevera Paleo, quen reitera que calquera solución que se presente para San Cibrao debe basearse nesa premisa "porque parar as cubas significa a morte da fábrica". De igual maneira, a CIG demanda do Goberno español contundencia nas accións, capacidade de presión á empresa e pór en marcha os mecanismos para a intervención pública da fábrica ante a falta de alternativas.
A este respecto, Xosé Paleo indica que o alongamento do período de consultas até o 4 agosto, ao que finalmente accedeu Alcoa no día de onte, obriga ao Goberno español e á Xunta a actuar con urxencia e contundencia e a pór enriba da mesa de maneira inmediata unha solución ao prezo da enerxía, máxime cando nas negociacións do ERE se desmontou o argumento da multinacional sobre a sobrecapacidade.
"O custe enerxético é o problema de fondo, pero aínda seguimos agardando pola aprobación do tan prometido estatuto electrointensivo", criticou. Por iso, na mesa multilateral, "o Ministerio debe explicar como é a súa proposta enerxética e ofrecer as garantías necesarias para conseguir frear os plans de Alcoa".
O persoal das auxiliares estará na reunión da mesa
Coa acción reivindicativa de hoxe tamén se quere advertir da situación do persoal das industrias auxiliares, afectado en igual medida pola decisión de parada das cubas de Alcoa, mais ao que nin a principal nin as administracións están prestando atención. Grazas a medida de presión na Subdelegación, o Ministerio aceptou que na reunión do luns estea representado este colectivo laboral.
Neste senso, Kike Rocha, voceiro da plataforma do persoal das auxiliares e delegado da CIG, alerta que efectivizar o ERE para 534 traballadores/as que formula Alcoa, suporía o despedimento duns 450 traballadores/as de aluminio dunhas 20 empresas externas.
Porén, critica que nin o Ministerio de Industria nin a Consellaría de Industria responderon aínda a carta remitida polo persoal e as direccións das empresas o pasado 1 de xullo, reclamando precisamente que "calquera solución que haxa para a fábrica de San Cibrao contemple tamén as auxiliares".