Medra o desemprego en Galiza no mes de agosto por vez primeira en 7 anos
O paro rexistrado en Galiza incrementouse neste mes de agosto nun 0,6%, acadándose un total de 164.424 persoas desempregadas. Un cambio de tendencia que o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cualifica de “moi preocupante“ porque é a primeira vez que isto ocorre neste mes desde o ano 2011, hai 7 anos. A situación é máis alarmante aínda cando, malia aumentar o desemprego, se rexistraron nin máis nin menos que 99.717 contratos, dos que só o 8,5% foron indefinidos, o que denota a enorme temporalidade do noso mercado de traballo e a grave precariedade laboral que sofren as e os galegos.
Para Paulo Carril estes datos constatan o que a CIG xa viña advertindo nos últimos meses, que a recuperación da que tanto alardea o goberno de Feixóo “é unha falacia”. De feito subliña que a afiliación media mensual descendeu en 1.158 persoas, “máis mesmo do que aumentou o desemprego” o que, asegura, “constata que os leves descensos do paro dos últimos meses tiñan máis que ver coa perda de poboación activa en Galiza que cunha creación de emprego real” e que isto está provocado, fundamentalmente “pola emigración”.
A este respecto alerta do modelo de mercado de traballo que se está asentando no noso país a consecuencia das sucesivas reformas laborais e da negociación colectiva: “traballadoras e traballadores pobres con contratos precarios e temporais”.
Denuncia que ese, e non outro, era precisamente o obxectivo destas reformas e advirte de que xunto a isto se está producindo un fenómeno “gravísimo” para calquera sociedade. “O goberno do PP en Galiza é incapaz de crear emprego cualificado. Os datos evidencian que é máis difícil a ocupación canta máis formación, o que provoca que sexan as traballadoras e traballadores máis cualificados quen se ven obrigadas/os a emigrar”.
Xunto a isto segue medrando a exclusión social e máis unha vez o número de persoas desempregadas con dereito a algún tipo de prestación está por debaixo do 50%, en concreto no 48,1%, acadando un total de 78.682 persoas.
Medidas urxentes
Diante desta situación Paulo Carril exixe a inmediata derrogación das reformas laboral e da negociación colectiva. Demanda un cambio urxente das políticas económicas e laborais e urxe á articulación de medidas de protección social que dean cobertura ao cada vez maior número de persoas desempregadas que non reciben ningún tipo de prestación.