Medra o desemprego e a precariedade, cae a afiliación á Seguridade Social e increméntase o risco de exclusión social
Os datos de paro rexistrado no mes de outubro volven constatar a volatilidade do emprego. Tal é así que malia asinarse preto de 100.000 contratos nun só mes aumenta o número de persoas desempregadas en case 2.000. Unha situación da que a CIG responsabiliza ás nefastas políticas económicas e laborais dos gobernos español e galego, en mans do Partido Popular, e a unhas reformas laborais que tiñan como único obxectivo proporcionar man de obra barata á patronal.
O mes de outubro rematou con 185.903 persoas rexistradas como paradas nas oficinas do SEPE en Galiza, un 1% máis que no mes anterior, o que en termos absolutos equivale a 1.846 novos desempregados/as. Unha vez máis a caída da afiliación á Seguridade Social foi superior ao incremento do desemprego que, no mes de outubro afectou a 2.356 persoas, situándose o número de afiliados e afiliadas en 989.904 persoas.
O único sector económico onde non medrou o desemprego foi no da Construción, onde se reduciu o paro un 2,04% respecto do mes de setembro. O mesmo ocorreu na media estatal, onde o descenso foi do 1,66%. Porén medrou en Industria o 1,10% ( 0,7% na media do estado), e en Servizos onde o incremento foi do 1,44%, fronte o 2.2% na media estatal.
Contratos rexistrados
A pesar desta evolución do paro, o que si se mantén é un alto número de contratos rexistrados no mes, concretamente 94.870, dos cales tan só o 8,4% se rexistrou baixo algunha das modalidades de contratación indefinida.
Máis paro e elevada contratación demostran para o secretario confederal de Emprego e Industria, Fran Cartelle “a altísima rotación e escasa duración co que se manteñen no mercado de traballo un número, altamente preocupante, de persoas asalariadas”, e pon de manifesto “a tendencia cara a unha cada vez maior precarización do mercado de traballo galego”.
Exclusión social
Cartelle volve chamar a atención ademais sobre esa precarización que tamén se pon de manifesto nas persoas desempregadas que perciben algún tipo de prestación, que continúan reducíndose. “Pero non só se reducen, senón que das que perciben prestación, a maioría reciben o subsidio, e non a prestación contributiva, o que só podemos atribuír ao tipo de contratación precaria imperante no mercado laboral”, matiza.
O secretario confederal de Emprego denuncia máis unha vez “a nula incapacidade do goberno do PP para solucionar calquera dos graves problemas tanto no Estado, nin o desemprego, nin o encaixe territorial, entre outros, nin en Galiza”.
Alerta ademais de que os orzamentos da Xunta de Galiza para 2018 non inclúen nin unha soa medida nin para afrontar o problema do desemprego, nin para apoiar os sectores produtivos, nin para frear o cada vez maior risco de exclusión social e pobreza non xa das persoas desempregadas senón mesmo da clase traballadora. “Porque hoxe”, lembra, “ter traballo non garante saír da pobreza”.