Medra o desemprego, cae a afiliación á Seguridade Social e avanza a precariedade
Os datos do paro rexistrado do mes de outubro arroxan unha importante caída da afiliación media á Seguridade Social en Galiza ao contabilizar 1.019 persoas menos que no mes de setembro. As contratacións no ensino coincidindo co inicio do curso escolar (con 5.894 novas altas) amortecen esta baixada que se ceba sobre todo na actividade primaria (no réxime especial a afiliación descendeu un 18,7% en tan só un mes) e no sector servizos.
Porén, cómpre destacar que a caída na afiliación non se dá só nas ramas máis relacionadas co turismo, senón que actividades como a administración pública e a as actividades sanitarias e de servizos sociais tamén perderon un número importante de persoas en alta laboral.
Segundo tipo de contrato e xornada, o maior incremento da afiliación prodúcese entre as persoas con contrato fixo descontinuo, ao rexistrarse un 8,5% máis que no mes de setembro. Tamén aumentan os contratos indefinidos a tempo parcial mentres que a contratación temporal, con independencia da xornada, descende. Unha circunstancia ligada á caída da afiliación no comercio e a hostalería, onde abundan este tipo de contratos precarios.
Esta caída da afiliación contrasta co leve incremento do número de persoas anotadas no desemprego, que aumentou un 0,3% con respecto ao mes de setembro, acadando as 113.386 persoas.
Para o secretario confederal de Emprego e Negociación Colectivo, Francisco González Sío, estes datos evidencian a inestabilidade, a precariedade e a estacionalidade que caracterizan o mercado laboral en Galiza. Advirte que a taxa de ocupación no noso país é case seis puntos inferior á española o que supón que “tendo menos persoas dentro do total da poboación ocupada, temos non obstante unhas cifras de precariedade, explotación laboral e desemprego semellantes ao resto do Estado”.
Afiánzase a contratación fixa-descontinua
As novas modalidades de contratación introducidas pola reforma laboral de 2021 agravaron esta modelo ao xeneralizar a parcialidade e os contratos fixos-descontinuos. Unha precariedade que se estenden mesmo ao ensino “pois comprobamos como ao inicio do período lectivo se incorporan nada menos que preto de 6.000 persoas que durante a época estival non estiveron traballando”.
Pola contra, unha parte moi importante da clase traballadora volve ao desemprego ao ter contratos temporais ligados á actividade hostaleira e de comercio. “Estamos ante un proceso de inestabilidade no emprego que cada vez vai a máis. Máis do 60% da contratación indefinida é mediante contrato fixo-discontinuo e indefinido a tempo parcial. O pouco emprego que se crea non impide que suba o paro e ademais é precario e con baixas remuneracións, ao non ser a tempo completo”.
Critica que “a propaganda do Goberno español nos quixo vender un cambio no modelo de mercado de traballo coa aprobación da última reforma laboral, pero e o que estamos vendo é máis inestabilidade e pobreza”.
O responsábel de Emprego da CIG chama a atención sobre as mil persoas menos que hai cotizando á Seguridade Social nas actividades sanitarias e de servizos sociais, cando se trata dun sector que en Galiza ten déficit de persoal, atendendo aos datos demográficos e ao número de persoas dependentes. “Debería haber polo menos servizos en residencias para un 5% da poboación con máis de 65 anos, pero só hai para un 3%. Só nos centros residencias de maiores estamos falando dunha carencia de case un 40%”, destaca.
Lembra que neste momento as traballadoras do sector de coidados (residencias, centros de día e SAF) estanse mobilizando para exixir condición laborais e salariais dignas. “As nefastas políticas de recortes e privatizacións da Xunta de Galiza favorece a expulsión das persoas traballadoras deste sector, cando debería ser un sector xerador de emprego digno e estábel, porque as persoas usuarias necesitan asistencia todos os días do ano”.
González Sío reclama un cambio urxente no modelo económico e social que fortaleza as actividades e os sectores con traballo máis estábel e mellores condicións laborais e salariais “que cada vez ocupan a menos xente, mentres actividades como hostalería ou comercio teñen un papel preponderante na xeración de postos de traballo”.