Medra o apoio á folga contra os despidos en Vodafone
A nova xornada de folga convocada para rexeitar os despedimentos anunciados en Vodafone, que nesta ocasión ten carácter estatal, está a rexistrar un amplo seguimento en Galiza, xa que arredor do 90% dos traballadores/as se sumaron ao paro de 24 horas. En Vigo, onde a tenda volveu a permanecer pechada, aproveitaron para desenvolver unha concentración no farol de Urzaiz.
O persoal de Vodafone continúa coas mobilizacións para rexeitar o ERE extintivo anunciado polo empresa no conxunto do Estado a pesar de que a última proposta da dirección reduce en 75 persoas o alcance da medida, que pasaba por despedir 1200 empregados/as, 41 deles/as nos centros de traballo de Vigo e da Coruña.
Os traballadores/as vigueses/as aproveitaron a xornada para desenvolver unha concentración no farol de Urzaiz ás 11:00 horas, onde despregaron unha faixa e berraron consignas como “Vodafone ten beneficios, despide por vicio”, “Dirección dimisión” ou “Non ao ERE en Vodafone”.
Para este mércores 13 está prevista unha nova folga de 24 horas no conxunto do Estado, así como unha nova concentración no farol de Urzaiz ás 11:00 horas. Xa o sábado, empregados/as de Vodafone de todo o Estado acudirán a Madrid para desenvolver unha marcha entre as tendas da rúa Fuencarral e a da Porta do Sol.