Medra de forma escandalosa a temporalidade e a precariedade no mercado laboral en Galiza
No mes de xuño rexistráronse en Galiza un total de 189.165 persoas desempregadas, un 5% menos que no mes anterior. Un descenso de carácter estacional, que se dá coincidindo co inicio da tempada de verán e que se repite ano a ano. A CIG alerta de que, aínda así, os datos son alarmantes porque esta redución do desemprego faise a custo de contratos de escasísima duración e da emigración.
Os datos de desemprego do mes de xuño seguen a evolución habitual nesta época do ano. De feito no mes de xuño do ano pasado o descenso foi aínda maior, dun 5,9%, case un punto máis que este ano. O descenso deuse en todos os sectores, pero sobre todo en Construción, onde foi do 5,8%; Servizos, 5,1% e na Industria, cun descenso do 4,7%, descenso que tamén se deu en maior porcentaxe en xuño de 2016.
10 contratos por cada persoa desempregada menos
Para a CIG é alarmante o máximo de contratos rexistrados en xuño. Un mes no que se asinaron nin máis nin menos que 103. 613. “A rotación é tan grande e a temporalidade chega a un punto tan preocupante que ese enorme número de contratos só se traduciu en 9.900 persoas desempregadas menos”, denuncia o secretario confederal de Emprego e Industria, Fran Cartelle.
Tal é así que por cada persoa desempregada menos corresponderían, nun só mes, 10 contratos. “Isto dá unha idea da preocupante precariedade que se está asentando no mercado laboral galego”, sinala Cartelle, quen subliña que, de feito, “só o 6,9% do total de contratos asinados foron baixo algunha modalidade de contratación indefinida, mentres que o restante, o 93,4%, foron temporais”.
Se a isto se suma que mentres o descenso do desemprego foi de 9.900 persoas e que a afiliación media á Seguridade Social foi de 8.573, “vemos que hai 1.400 traballadores/as que abandonaron as listas do paro, pero non están dados de alta na Seguridade Social o que nos leva a pensar que novamente a emigración está contribuíndo a reducir o nivel de desemprego en Galiza”.
Desprotección e risco de exclusión social
A CIG alerta ademais da redución da porcentaxe de desempregados/as beneficiarios/as de algún tipo de prestación, só o 46% do total, segundo os últimos datos. O máis grave é que dese total de desempregados/as, cada vez o peso dos que teñen só subsidio é maior que os que teñen prestación.
De feito, son xa o 47% do total de persoas que teñen dereito a algún tipo de prestación as que só teñen dereito a subsidio, isto é, os seus ingresos non superan os 400€ ao mes. “Camiñamos cara a unha situación na que o subsidio está a se converter na principal prestación”, advirte o secretario confederal de Emprego.
Por iso manifesta a preocupación da CIG “por este modelo de mercado laboral cada vez máis polarizado, cun número cada vez maior de traballadores/as que non teñen condicións dignas, con traballos precarios, de moi escasa duración e que nin lles dan dereito a acceder a unha prestación”.
Isto xunto coas cada vez máis persoas desempregadas de longa duración que perden o dereito a ela e que xa só poden acceder a un subsidio, o que “fai medrar a pobreza entre a clase traballadora e o risco de exclusión social”, denuncia.