Medio Rural dota de peor material e vehículos as novas brigadas contra incendios
O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que a Consellaría de Medio Rural está a dotar de peor material e vehículos as novas brigadas do Servizo de Prevención contra Incendios Forestais (SPIF) e solicitou a documentación da contrata con Tragsa mediante o que se adquiriron. Ademais, reclama a dimisión dos responsábeis do departamento autonómico polo “descontrol e a opacidade” coa que se está a facer a reordenación do antigo Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF).
A central vén de rexistrar un escrito perante a Secretaría Xeral Técnica de Medio Rural esixindo a documentación da contrata que recentemente fixo con Tragsa no referente aos materiais e vehículos das novas brigadas, xa que logo da recente incorporación do persoal de nova contratación “coñecemos algúns datos unha vez que os tivemos diante dos nosos ollos, diante da total opacidade e descontrol que nos brindou a Consellería nestas últimas semanas”.
Lembran que até o de agora, no que aos materiais e vehículos se refire, a Secretaría Xeral Técnica escollera procedementos abertos “nos que cando menos coñeciamos as condicións técnicas que se esixían nos materiais e vehículos”. Pero desta vez, para esquivar as mínimas garantías, a Consellería decantouse por utilizar “un subterfuxio legal” e acolleuse un artigo da lei 9/2017 de contratos do sector público, que habilita este tipo de encomendas a empresas que teñen consideración de medio propio -como neste caso Tragsa-, tal e como recolle a orde de execución de encargo asinada o 20 de maio.
Nefasta xestión da Xunta
“Ao final, e sen a máis informacións que esta execución de encarga, vemos que tanto nos vehículos como nos materiais se escolleron opcións diferentes e de peores calidades que para o resto de persoal do SPIF, polo que non entendemos esta diferenciación de materiais entre o persoal”, sinalan.
Polo tanto sosteñen que o que nun principio semella unha boa nova, como é a contratación de máis persoal, “coa nefasta xestión da Xunta converteuse nunha chapuza en maiúsculas a todos os niveis, tanto técnicos como administrativos e económicos”.
En concreto citan a baixada na calidade dos materiais, sobre todo nas fundas e no calzado, “a maiores de xerar unha diferenciación innecesaria e contraproducente na extinción”. No caso dos vehículos, critican que se optase polo modelo antigo que se utilizaba no servizo e que xa fora substituído, ademais da carencia de equipo de extinción “como si ten o resto do persoal”. Así, esixen que se aclare por que se escolleron e con que avais ou esixencias técnicas os materiais e os vehículos.
Despilfarro económico
No económico, aseguran que a CIG xa lle presentara por todas as vías á Consellería unha fórmula que permitía aforra a metade do que finalmente se gastou, arredor de millón e medio de euros en total. “Tal e como propuxeramos, duplicando as brigadas actuais utilizarían os mesmos vehículos e instalacións que as brigadas xa existentes, polo que non entendemos como se escolleu esta fórmula que despilfarra arredor dun millón de euros, sendo a meirande parte só para esta campaña de 2019”.
A maiores, no que aos EPI's se refire, denuncian que teñen un mesmo custe pero peores resultados. “Esiximos tamén que se nos aclare por que se escolleu esta fórmula, e que avais técnicos a recomendaron”.
En definitiva, para a CIG atopámonos diante dunha reordenación do SPDCIF cuxa proposta fora presentada ás organizacións sindicais en abril de 2018 e que se está a materializar mediante “unha xestión desastrosa a todos os niveis -mesmo na xestión do persoal-, tendo tempo máis que suficiente para que houbera unha optimización dos recursos”. Por todo isto, consideran que os responsábeis desta situación deben presentar a súa dimisión.