Unhas 500 persoas mobilízanse en Vigo en solidariedade coa loita do persoal de Vitrasa
Arredor de medio milleiro de persoas percorreron este venres 22 as principais rúas do centro de Vigo en solidariedade coa loita que mantén o cadro de persoal de Vitrasa para reclamar un convenio colectivo digno e un servizo de calidade. A xornada de mobilización coincidiu coa primeira convocatoria de folga de 24 horas, que foi secundade pola práctica totalidade dos traballadores/as da concesionaria do transporte urbano.
A marcha arrincou pasadas as 19:00 horas do cruzamento dos Choróns e rematou preto de dúas horas despois na praza de Compostela, provocando o colapso da circulación no centro da cidade. Durante o percorrido coreouse o xa tradicional “Menos luces e máis autobuses”, mais tamén “Abel, escoita, Vitrasa está en loita” ou “Convenio solución”.
O presidente do comité de empresa, Imanol Arnoso, da CIG, agradeceu a todas as persoas participantes na manifestación polo seu apoio ás xustas reivindicacións dos traballadores/as e lamentou que tanto o Concello como a dirección da compañía “semellen atoparse cómodos con esta situación”.
Lembrou que o cadro de persoal leva practicamente tres anos co salario conxelado ante a negativa da empresa a negociar un novo convenio mentres non logre o reequilibrio económico que lle esixe aos Goberno local polo descenso de viaxeiros/as durante a pandemia. “Neste tempo perdemos máis dun 15% do noso poder adquisitivo, ademais de padecer unhas condicións de traballo precarias como consecuencia dos incumprimentos en materia laboral”, sinalou.
Diante disto, os traballadores/as apostar por un calendario de protestas que inclúen paros parciais, folgas, concentracións e manifestacións. Os paros estanse a desenvolver de xeito indefinido de luns a venres de 07:30 a 09:00 horas e de 12:30 a 15:30 horas e de 19:30 a 21:00 horas. Mentres que sábados, domingos e festivos teñen lugar na franza horaria que vai das 19:00 ás 21:00 horas.