Medidas de conciliación propostas pola CIG durante a 'desescalada' e mentres dure o confinamento
Ante a inexistencia dun plan de conciliación que dea resposta ás necesidades derivadas da crise sanitaria da Covid19, a CIG elaborou unha batería de propostas dirixidas a garantir a protección da clase traballadora galega que precisa facer uso destes dereitos, de maneira que as tarefas de coidados non supoñan unha mingua dos ingresos ou a perda destes para as persoas que teñen que asumilas. Non cómpre esquecer que na maioría dos casos os coidados seguen a recaer nas mulleres, agudizando por tanto esta crise sanitaria, a feminización da pobreza.
DOCUMENTO DE MEDIDAS DE CONCILIACIÓN
A crise sanitaria derivada da pandemia da Covid19 puxo máis de manifesto ca nunca a necesidade de poñer os coidados na prioridade das políticas públicas e, por tanto, a urxencia de investimento público en servizos de atención ás persoas.
O Goberno galego e do Estado español adoptaron medidas urxentes destinadas a frear os contaxios, mais non adoptaron, paralelamente, disposicións que garantisen a protección das persoas que se fixeron cargo dos coidados.
Desde que o 13 de marzo se decidiu proceder ao peche dos colexios e se imposibilitase o contacto cos grupos de risco, como as persoas maiores (que en moitos casos eran quen salvaban a problemática de conciliación), a CIG solicitou facer uso dun permiso retribuído. Ante a denegación deste por parte das empresas, as familias foron botando man das poucas alternativas ofertadas polo Estado. Alternativas que na práctica pasan case necesariamente pola perda de poder adquisitivo para as familias, recorrendo á redución de xornada que, en moitas ocasións, teñen que ser do 100%.
Conciliación a conta de perder ingresos
Por un lado, no caso das familias formadas por un cónxuxe que traballa en servizos esenciais, a outra persoa tivo que facerse cargo das crianzas. Tendo en conta que na primeira das fases do confinamento a meirande parte das actividades permitidas eran realizadas por mulleres (residencias da terceira idade, servizos de axuda no fogar, hospitais e centros de saúde, supermercados, farmacias, servizos de limpeza, industria alimentaria), as crianzas tiveron que ser coidadas pola outra persoa proxenitora, facendo uso das reducións de xornada (mesmo do 100% por mor da Covid), do permiso retribuído recuperábel ou aproveitando a situación de ERTE.
Coa reactivación da produción, xorde a necesidade de incorporación ao traballo e, por tanto, intensifícase a problemática de conciliación ante a falta de alternativas de coidado para as crianzas, derivadas do feche dos centros educativos.
Paralelamente, as vacacións forzadas, pero especialmente, o teletraballo, invisibilizaron a problemática de conciliación específica creada polo feche de escolas e garderías. O teletraballo preséntase como unha medida efectiva de conciliación da vida familiar e laboral, sen ter en conta que en moitos casos foi imposto e sen dereitos, e que tanto o persoal como os fogares carecían de preparación para realizalo por non contar cos medios nin cun mecanismo de regulación. A este feito temos que sumar que as persoas con crianzas a cargo víronse na obriga de asumir un papel docente e de acompañamento na educación que rematou por multiplicar a dobre xornada para o persoal que realiza o seu traballo nesta modalidade.
Por outra banda, non se formularon medidas para casos especiais como os formados por familias monoparentais, feminizadas na súa meirande parte, as cales quedaron desprotexidas e sen alternativas para o coidado.
Polo tanto, é preciso tamén ter en conta o impacto de xénero das medidas dirixidas á conciliación, dado que en moitos dos fogares que se acolleron a estas medidas as persoas que ficaron ao coidado das dependentes son mulleres, e dado que moitas das fórmulas que nós imos presentar van ter como protagonistas ás propias mulleres, por seren maioría novamente nos sectores laborais que poden dar resposta a esta crise.
Garantir a protección dos dereitos
Tendo en conta que a situación de confinamento prorrogouse varios meses, presentamos unha batería de propostas dirixidas a garantir a protección dos dereitos da clase traballadora.
Como fórmula para garantir a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, propoñiamos que se accedese á concesión automática das solicitudes de adaptación e reducións de xornada para o persoal que precise atender a poboación con necesidades de coidados a cargo, sexan crianzas ou persoas dependentes. E ao tempo, ténselle que garantir ao persoal que se veu obrigado a reducir a súa xornada ao 100% uns ingresos mínimos do 30% da súa base de cotización.
Mais somos conscientes de que aínda que se acometa o proceso de 'desescalada' en cada unha das súas fases, as medidas de confinamento como o peche dos colexios vanse prolongar até despois do verán (sen descartar que durante o mes de setembro ou outubro se retomen máis restricións). Asemade, todo apunta a que moitas familias non van ter a posibilidade de gozar das vacacións estivais, dado que en moitos centros de traballo vai haber un repunte da produción no verán, polo que os problemas de conciliación agravaranse.
Os Gobernos deben dar respostas ás necesidades
Esiximos que o Goberno galego e Estado español artellen fórmulas a curto, medio e longo prazo, que garantan os dereitos e obrigas de coidado para a poboación traballadora, dada a inexistencia dun plan de conciliación que dea resposta ás necesidades existentes ante a crise sanitaria da Covid19.
Non imos permitir novamente que se adopten medidas urxentes, como o feche das escolas, sen que estas vaian acompañadas de dereitos reais que garantan que as persoas que asumen a tarefa dos coidados nos fogares mingúen os seus ingresos ou fiquen sen eles. Persoas que son mulleres na maioría dos casos, agudizando, por tanto, a feminización da pobreza.
Coa intención de dar resposta a esta problemática, é necesario artellar solucións que teñan en conta as peculiaridades do noso país, tanto no que respecta á situación dos núcleos poboacionais, á dispersión xeográfica ou ao tecido produtivo galego.
Compilamos neste documento unha batería de propostas dirixidas a garantir a protección da clase traballadora galega que precisa facer uso dos seus dereitos de conciliación.
Desde a CIG propoñemos a adopción das seguintes medidas
1. Estabelecemento dunha xornada reducida de 30 horas semanais, que permita exercer as obrigas e dereitos de coidado.
2. Estabelecemento de xornadas intensivas a combinar entre cónxuxes.
3. Licenzas remuneradas para quen non poida asistir ao traballo porque se ten que facer cargo do coidado de crianzas e persoas dependentes. Deberá achegarse unha solicitude na que se expoña a imposibilidade de acollerse ao teletraballo ou de adaptación da xornada laboral. A empresa seguirá facéndose cargo das cotizacións e a Seguridade Social pagará unha contía do 75% do SMI para o ano 2020
4. Establecemento dunha prestación parental (en Alemania chámanlle Elterngeld) consistente nunha prestación económica recoñecida ás persoas proxenitoras como compensación do salario deixado de percibir por causa do coidado das crianzas e/ou persoas dependentes.
5. Posibilidade de solicitar o desemprego para aquelas persoas traballadoras que solicitaron unha redución de xornada do 100% ou unha excedencia por coidado. Este tempo de desemprego entenderase como non consumido de igual forma que o persoal afectado polos ERTE.
6. Creación de servizos colectivos de coidado de carácter público ou adaptación de edificios e locais existentes destinados ao coidado e atención das crianzas e da mocidade até os 18 anos. Estas instalacións combinarán actividades lúdicas con espazos onde poidan ler, imprimir documentos, realizar tarefas educativas de repaso, co obxectivo de paliar a fenda dixital e garantir o acceso de todas as crianzas ás novas tecnoloxías e internet.
A Xunta de Galiza, mediante o organismo público de ámbito galego que lle corresponda, correrá a cargo e coordinará cos concellos (ou de ser o caso ás deputacións provinciais) a prestación directa destes servizos, coa contratación do persoal necesario e habilitando as partidas económicas necesarias para garantir unha prestación directa destes.
NO ÁMBITO RURAL
Reacondicionamento de institucións, ou creación de novas instalacións e servizos:
a) Adaptaranse os espazos das escolas unitarias, escolas agrarias, centros cívicos municipais, casas da cultura, casas da mocidade, locais de ensaio, ou outras infraestruturas como servizos de atención ás crianzas, que serán reconvertidas como espazos lúdicos/educativos, garantindo que poidan realizar actividades ao aire libre, actividades de lectura, xogos, acceso a puntos wifi, con servizo de impresión de documentos, etc.
b) Garantir a creación e posta en marcha da rede de Casas niño no rural naqueles municipios de menos de 5000 habitantes onde non exista esta infraestrutura.
c) Modificación dos requisitos do Bono Coidado que permite a contratación dunha persoa coidadora. O persoal será contratado polos concellos, garantindo este servizo para todas as unidades familiares que carezan doutro recurso de coidado. Mentres dure a situación de confinamento e o peche de colexios, poderase facer uso deste recurso non só para cubrir necesidades puntuais, senón que poderán superar o máximo actual de 80 horas por familia e abarcar o horario que non poidan combinar entre os cónxuxes. No caso das familias monoparentais, a persoa coidadora contratada mediante o bono realizará a súa actividade cubrindo a xornada laboral da persoa proxenitora que solicita o servizo. Para esta situación tampouco haberá límite de idade.
NO ÁMBITO URBANO
Reacondicionamento de institucións, ou creación de novas instalacións e servizos:
a) Adaptaranse as escolas infantís municipais, centros de día, centros cívicos municipais, casas da cultura, casas da mocidade, como servizos de atención ás crianzas ou outras infraestruturas como servizos de atención ás crianzas, que serán reconvertidas como espazos lúdicos/educativos, garantindo que poidan realizar actividades ao aire libre, actividades de lectura, xogos, acceso a puntos wifi, con servizo de impresión de documentos, etc.
b) Modificación dos requisitos do Bono Coidado que permite a contratación dunha persoa coidadora. O persoal será contratado polos Concellos, garantindo este servizo para todas as unidades familiares que carezan doutro recurso de coidado. Mentres dure a situación de confinamento e o peche de colexios, poderase facer uso deste recurso non só para cubrir necesidades puntuais, senón que poderán superar o máximo actual de 80 horas por familia e cubrir o horario que non poidan combinar entre os cónxuxes. No caso das familias monoparentais, a persoa coidadora contratada mediante o bono realizará a súa actividade cubrindo a xornada laboral da persoa proxenitora que solicita o servizo. Tampouco haberá límite de idade.
Todas as medidas adoptadas levaranse a cabo garantindo en todo momento a protección da saúde tanto das persoas traballadoras, como das usuarias dos servizos, debendo cinxirse ás recomendacións das autoridades sanitarias.
Conxunto de propostas laborais urxentes
Estas medidas súmanse as propostas laborais urxentes a aplicar na 'desescalada' que a CIG presentou o pasado 27 de abril, nas que avoga por introducir cambios legais e aprobar un paquete fiscal para minimizar o impacto da crise da Covid19 na clase obreira e para afrontar de forma xusta o gasto social de todas estas medidas.
Confederación Intersindical Galega
Galiza, 8 de maio de 2020