Masivo seguimento na folga contra o ERE do Banco Sabadell
O masivo seguimento da folga convocada no Sabadell provocou que este mércores a práctica totalidade das oficinas do banco en Galiza permaneceran pechadas. A participación na folga evidencia o total rexeitamento ao ERE presentado pola entidade, así como a disposición das traballadoras e traballadores a loitar pola defensa dos empregos e o mantemento dos servizos á clientela.
Para visibilizar a xornada de folga, traballadores e traballadoras do Sabadell de toda Galiza trasladáronse até a Coruña para realizar unha manifestación en contra dun despedimento colectivo totalmente inxustificado, máis tendo en conta que no primeiro trimestre do ano a entidade xa se desfixo de 1800 traballadores/as
Porén, no período de consultas, a empresa "segue insistindo en que o ERE é necesario e o único que fixo foi baixar en 200 o número de persoas afectadas, pasando de 1936 a 1730, mais sen mellorar nin as condicións económicas nin os tramos por idade de saída", sinala o secretario da sección sindical da CIG, Andrés Río, quen denuncia a falta de vontade negociadora do Sabadell.
Despedimentos innecesarios
Río reitera que os despedimentos non teñen motivación "nin son necesarios e así llo trasladamos á empresa nas diferentes reunións, nas que temos presentado alternativas de recolocación do persoal, deixando en evidencia que non é necesario pechar tantas oficinas. Pero o banco está coa idea fixa: ERE si ou si", advirte.
Como vén sendo habitual nos últimos ERE no sector, o banco alega unha baixada de marxes e de rendibilidade (aínda que ten beneficios) e unha maior dixitalización da clientela. Un proceso este forzado polas propias entidades bancarias co peche de oficinas, o recorte dos servizos e dos horarios de caixa e o incremento das comisións. “A clientela o que demanda é atención presencial, como demostran as longas colas e a sobrecarga de traballo que se acumula nas oficinas”, sinala o representante da CIG.
As mulleres, as máis afectadas
Neste senso, Andrés Río subliña que máis do 80% do persoal afectado polo ERE presta servizos administrativos, que é o grupo laboral onde están máis mulleres, polo que considera que existe un nesgo de xénero neste expediente, xa que o banco tampouco ten en conta nin as reducións de xornada nin as excedencias (ás que na meirande parte se acollen traballadoras).
Para a sección sindical da CIG “a única meta do Banco Sabadell é repartir un dividendo do 30% do beneficio ao seu accionariado”, tal e como asegurou nos medios de comunicación o propio conselleiro delegado da entidade, César González-Bueno.
Lembran que as entidades bancarias poden acometer este tipo de medidas “porque o goberno actual non derrogou as reformas laborais que permiten ás empresas con beneficios executar despedimentos mediante Expedientes de Regulación de Emprego, e que non pon coto a esta reestruturación salvaxe do sector financeiro”.
Nova xornada de folga o venres
A esta xornada de folga precedeulle un paro de 15 minutos en todas as oficinas o luns e outro paro de 60 minutos realizado onte martes. O calendario de mobilizacións continuará o venres 8 de outubro, cunha nova xornada de folga de 24 horas e unha manifestación en Compostela que sairá ás 11:30 horas dende a oficina da Rúa do Hórreo.
As negociacións do ERE continúan este xoves, aínda que non se agardan grandes cambios por parte da postura patronal.