Masivo seguimento da folga das dependentas de Inditex da provincia da Coruña en pleno Black Friday
A xornada de folga convocada en Inditex, coincidindo coa celebración do evento comercial de Black Friday, tivo esta mañá un masivo seguimento por parte das traballadoras das tendas da Coruña, Ferrol ou Compostela das múltiples firmas do Grupo: Massimo Dutti, Stradivarius, Oysho, Bershka, Pull&Bear, Tempe, Zara, Zara Kids ou Zara Home, entre outras. “Todas as dependentas, agás as que teñen cargos de responsabilidade, están en folga”, afirma Carmiña Naveiro.
Así as cousas, desde primeira hora da mañá piquetes de mulleres percorrían os centros comerciais das cidades para lembrar que cos seus salarios non chegan a fin de mes e exixir ao Grupo, propiedade do multimillonario Amancio Ortega, salarios dignos e equiparados aos que cobra o persoal doutras empresas do grupo de similar categoría e cualificación, que chegan a percibir até o triplo de salario que as dependentas. Isto xunto a demanda de que se lle recoñezan as melloras sociais e laborais que xa teñen outros colectivos dentro da multinacional.
A xornada decorreu con tranquilidade e nun ambiente festivo, agás en Marineda City, na Coruña, onde a policía desaloxou á forza ás traballadoras impedindo que informaran tanto ás compañeiras que permanecían no interior das tendas, como ás moitas persoas que se achegaban ao centro comercial á busca das ansiadas ofertas que se poñen á venda con motivo desta data. Unha situación que parecía que se ía repetir no piquete da tarde que tamén percorreu o centro comercial, e aínda que un forte dispositivo policial blindaba as portas da tenda da marca insigne de Inditex, Zara -a única na que despregou o dispositivo policial tanto pola mañá como pola tarde-, as traballadoras mantiveron o piquete.
Con todo, Lucía Domínguez, presidenta do comité de Stradivarius, manifestaba, ao inicio da manifestación, que na Coruña a folga foi un éxito tanto onte como hoxe. “A maioría dos cadros de persoal, case na totalidade, están na rúa. As tendas hai momentos que están abertas, porque os responsábeis, con algún persoal eventual, e mesmo baixo mínimos -hai tendas nas que só hai dúas persoas-, obrigaron a que abrisen igual. Un perigo porque o estrés de estar soas nunha tenda é tremendo”.
As manifestacións foron numerosas tamén nas outras cidades e a indignación era palpábel porque “Inditex fixo o posíbel para meter nas nóminas a suba salarial que asinaron en Madrid os señores de CCOO e UGT e que as traballadoras de aquí rexeitamos en varias asembleas”.
Así as cousas, hoxe as dependentas cobraron 120€ a maiores e a empresa tivo que refacer todas as nóminas en tempo récord para que isto fose posíbel. “Noutras ocasións teñen asegurado que non nos podían modificar as nóminas porque estaban pechadas desde o día 15, pero hoxe puxeron a todo o departamento a traballar co obxectivo de desmobilizar ás compañeiras e que non participaran na folga cando viran que se cobraran eses cartos”.
Intentos de coacción
No mesmo sentido, Carmiña Naveiro, presidenta do comité de Zara, salienta a esmagadora participación na folga en Compostela malia “os intentos de coacción de Inditex” que utilizou por vez primeira a intranet da empresa “INET” para “lembrarlles as súas obrigas e dereitos, indicar ás traballadoras como comportarse cos piquetes e informar de canto se lles detraería do salario se ían á folga”.
Fronte a isto, Naveiro asegura que a reacción das traballadoras, lonxe de arredarse, “foi inicialmente de mosqueo”. Unha indignación que tornou en “máis ánimo aínda para secundar a folga como se viu nos piquetes e nas manifestacións”.
Vulneración do dereito de folga
A presidenta do comité de Zara concluíu salientando o trunfo que supón ter conseguido que Inditex chamara este xoves, un día antes da convocatoria de folga provincial, para informar de que se cinxirían a cumprir a lei. Unha resposta que chegou tras da CIG presentar denuncia na Inspección de Traballo pola pretensión da empresa de vulnerar o dereito á folga das traballadoras, substituíndoas por outras contratadas vía ETT ou cun contrato eventual para cubrir esta xornada.
En todo caso, Naveiro chama a atención sobre o feito de que sexan precisamente as dependentas, mulleres, as que cobran menos e asegura que “se quen tivera convocado a folga foran os seus compañeiros doutras empresas do grupo, a empresa teríase sentado a negociar antes de chegar a esta situación”.
“Onde está Marta Ortega, Marta Ortega onde está. Está no yate do seu papá”
Marta Ortega, a actual presidenta do grupo Inditex, tamén foi obxecto dos moitos cánticos que corearon as manifestantes, nuns casos lembrándolle a recente festa celebrada na Coruña, rodeada de luxos e de modelos de alta costura como Naomi Campbell, mentres as traballadoras “non chegan a fin de mes” e noutros para afear a insensibilidade de non negociar con elas porque “está no yate de papá”.
Ademais, no decurso tanto dos piquetes como das manifestacións, as dependentas dedicaron cancións ás distintas firmas do grupo, desde a mítica “Traballo en Inditex e non chego a fin de mes” até outras rimadas para a ocasión como “Traballo en Kiddy’s class e non teño para gas”, ou “Traballo en Bershka e non teño para verdura fresca”, para rematar advertindo que seguirán na loita mentres Inditex non recoñeza os seus dereitos salariais.