Masivo rexeitamento social á invasión eólica de Galiza
Compostela acolleu esta mañá unha masiva manifestación de rexeitamento do pobo galego a un modelo de desenvolvemento eólico imposto e colonial que converte a Galiza, unha vez máis, nun territorio de sacrificio para favorecer as ansias especulativas e de negocio do oligopolio enerxético, coa conivencia da Xunta e do Estado.
Xentes chegadas de todos os recunchos de Galiza sumáronse a unha marcha humana convocada baixo o lema “Eólico, así non!” para reclamar a paralización inmediata dos proxectos eólicos en tramitación e un novo modelo enerxético.
A manifestación rematou na praza da Quintana onde se deu lectura ao Manifesto:
O futuro da Galiza está no aire. O noso futuro e o das vindeiras xeracións, fica en suspenso. Preciso é reivindicarmos unha volta á terra, poñermos os dous pés no chan. É o que queremos transmitir á Administración de Alberto Núñez Feijóo.
Hoxe confluímos na Praza do Obradoiro veciñanza, plataformas, asociacións e sindicatos chegados dos catro puntos cardinais para convertela nunha rosa dos ventos. Vimos dar a voz de alarma e soprar, soprar, contra vento e mineiras, até desenmascarar as mentiras das empresas transnacionais.
Vimos amosar que Galiza non ten vontade de se converter nun territorio de sacrificio para as administracións galega e española, menos aínda para empresas enerxéticas que nin tributan na nosa terra.
Primeiro veñen espoliar o noso chan co lema “Galiza é grande encoro”, agora unha nova ameaza, moito máis sofisticada, axexa a nosa contorna: acoden aquí con obxecto de espoliar os montes, a flora e a fauna, mesmo o mar! Porque queren facer de Galiza unha macrogranxa de vento! A cobiza sempre espreita a inmensa riqueza natural e cultural desta, a nosa terra.
Hai vinte anos que veñen inzando montes sagrados de macroproxectos eólicos. Un viacrucis de eólicos son os montes do Xistral, a Costa da Morte, o Macizo Central, Pena Trevinca, o Suído, a Groba, o Courel, os Ancares... Un martirio para aves, morcegos e espazos naturais.
Convén desmontar algunhas mentiras, tralará:
Primeira mentira! As eólicas son de utilidade pública e xeran moitos beneficios?
Non ho!
As empresas enerxéticas empregan un modelo oportunista e fraudulento, que pintan de verde, como limpo e ecolóxico, esnaquizando o territorio con proxectos eólicos fragmentados para evadir a normativa legal e o pago de impostos. Mentres, nós, seguimos a pagar unha factura de electricidade cada vez máis alta. Ademais, xa sabemos que existen portas xiratorias que están a empregar os nosos representantes políticos que previamente favoreceran a estas empresas, como é o caso de Beatriz Mato, ex-conselleira de Medio Ambiente, con Greenalia.´
Segunda mentira! A eólica é unha enerxía limpa e sostíbel?
Non ho!
Son enerxías renovábeis, si, pero cando se rexen pola lóxica do mercado, o afán de lucro e a desmesura, non son aceptábeis nin sustentábeis. Sobre todo se están apadriñadas por grandes multinacionais. Iso ten un nome, ímolo espallar aos catro ventos: especulacióoooooon!
Terceira mentira! As eólicas dan traballo e fixan poboación no rural?
Non ho!
A Xunta anuncia aos catro ventos que Galiza é 98% rural, pero que idea de rural teñen? Un reclamo se cadra para inversores e fondos voitre para converter Galiza en territorio de sacrificio, zonas ociosas, zonas baleiradas de xente, segundo a súa visión cobizosa.
Nos últimos meses asistimos a un vendaval de proxectos eólicos que veñen devaluar o noso medio de vida nas aldeas e vilas rurais, os nosos traballos e as economías locais.
Cuarta mentira! As renovábeis garanten o freo ao cambio climático?
Non ho!
Chantar estacións eólicas no mar, nos espazos protexidos como as Reservas da Biosfera, nos ricos humidais desta terra dos mil ríos, profanar os santuarios de aves, desprotexidos polo desleixo desta administración corrupta e chata que só mira polos cartos e a curto prazo… Isto non vai frear o cambio climático.
Reclamamos austeridade enerxética, tamén para as empresas renovábeis, é o que reclama o planeta, mentres elas viven por riba das súas posibilidades. Xustiza ambiental! Porque a mellor enerxía é a que non se consome!
O desenvolvemento sen planificar das instalacións eólicas a grande escala, en ausencia de políticas de aforro e eficiencia da enerxía, carrexaría múltiples impactos, impactos irreversíbeis. Non fan excepcións á súa localización: proximidade ás vivendas, ás granxas, á zonas de paso das aves e dos animais. Invaden tanto zonas agrogandeiras como espazos naturais protexidos, mesmo enriba de petróglifos teñen chantadas as infraestruturas dos virotes. As compañeiras de Corme xa nos deron a voz de alarma!
Non nos sobra paisaxe! Por que din que o monte é improdutivo? Pensan acaso en canta vida bule nos nosos bosques? Pois atoparán alí tanta como falta nos páramos urbanos! Son os nosos respiradores, os nosos pulmóns!É preciso coidar dos servizos ecosistémicos dos montes e das nacentes dos rÍos, que son imprescindíbeis para a vida.
Galiza, o reino do minifundio, da leira, do socalco, dos carreiros, terra de megalitos e de corredoiras, perdería a súa esencia convertida nunha macrogranxa de eólicos, unha macrogranxa do capital transnacional.
Se os deixamos facer, que vai ser da nosa NextGeneration?
Que futuro para a terra? Nin estrume van deixar!
O Plan Eólico da Galiza réxese por unha planificación sectorial caduca (de finais dos anos 90) e por unha lexislación que favorece o oligopolio enerxético fronte aos dereitos das comunidades locais. Unha normativa agravada pola Lei galega de fomento da implantación de iniciativas empresariais de 2017 e pola Lei de simplificación administrativa deste mesmo ano 2021, un complemento á xa coñecida como Lei de Depredación, que permiten axilizar a tramitación e posta en marcha dos novos proxectos eólicos restrinxindo a participación pública, facendo irrelevante a conservación do medio natural e do patrimonio, e outorgándolle ás empresas dereitos de usurpación das terras.
Se non teñen o noso respaldo e beneplácito, non se deberían construír nin seren declarados proxectos de utilidade pública. Precisan da nosa licencia social: o pobo é quen máis ordena!
Galiza xa conta con máis de 4000 aeroxeradores instalados nos nosos montes! Neste momento xa superamos os 100 concellos con estacións eólicas, temos exactamente 4026 virotes. 4026 dise moi rápido, pero cada unidade de muíño, só para a súa superficie de uso vertical, precisa unha superficie maior ca esta praza do Obradoiro.
Temos o maior nº de aeroxeradores por habitante do Estado español. En 2020, a potencia instalada aquí acadou os 130 kW/km2, fronte os 54 kW/km2 do Estado español, ou os 72 kW/km2 de Alemaña.
E aínda pretenden instalar 4000 máis! Para que? Para quen?
Chegadas a este punto, nós berramos: Non máis Ibertrolas!
Non precisamos máis centrais eólicas. Abondan Norventos, abondan EDPs, Greenalias, Naturgys!
Queremos aldeas con horizonte! Queremos soberanía enerxética, outro modelo enerxético é necesario!
Cunha produción renovable (eólica e hidroeléctrica) que supera o consumo actual, o 30% da electricidade producida na terra galega segue a exportarse fóra do país, mentres o subministro á cidadanía, empresas e industrias galegas seguen a ser dos máis caros do Estado.
En 2020, a potencia eólica instalada xa superou a potencia hidroeléctrica, polo que Galiza se atopa diante dun novo proceso de colonización enerxética que no franquismo destruíu os ríos e desta vez apunta a terras e montes.
As plataformas e colectivos que asinamos este manifesto estamos a favor das enerxías renovábeis, pero sempre que sexan sustentábeis. E consoberaníaenerxética achegando a produción ao consumo. Axustando a produción as necesidades do País. Non á costa da destrución do medio ambiente e comprometendo máis a nosa calidade de vida.
Ruralízate, Feijóo! Estamos no século XXI! Medio millón de hectáreas de eucalipto e máis de 4000 viróns: iso é latifundismo e colonización!
Demandamos a paralización dos novos proxectos eólicos e a procura doutro modelo xusto e sostíbel, para o pobo e non para o capital privado. Políticas de aforro e eficiencia.
Que o futuro da Galiza non quede no aire!
Nin eoplitos, nin eucaeólicos nin hortos solares!
Porque, insistimos, a mellor enerxía é a que non se consome!
EÓLICA, ASÍ NON!