Masivo rexeitamento do persoal de Pescanova á negociación dun convenio de ámbito estatal

A CIG, CUT e USO celebraron onte unha concorrida asemblea de persoas traballadoras para informar sobre os plans da empresa de alimentación
Vigo - 10 Feb 2025

Os cadros de persoal de Nueva Pescanova amosaron este domingo o seu rexeitamento á intención da empresa de negociar un convenio colectivo de grupo a nivel estatal que deixe sen efecto os convenios de centros de traballo (Arteixo, Chapela e O Porriño). A CIG, CUT e USO celebraron onte unha concorrida asemblea aberta de persoas traballadoras en Redondela para informar sobre os plans da dirección da compañía de alimentación, na que se puxo enriba da mesa a posibilidade de convocar mobilizacións.

A de onte foi a primeira ocasión na que o persoal afectado pola modificación do ámbito de negociación puido coñecer con detalle os cambios que pretende introducir a empresa, tal e como sinalou a secretaria nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez. A responsábel sindical salienta tanto a importante asistencia de persoas traballadoras á asemblea (máis de 300) como a súa “enérxica oposición” aos plan de Pescanova de eliminar os convenio de centro de traballo. “O persoal amosou o seu cabreo porque até o de agora non se lle pediu a súa opinión, cando se trata dunha modificación que vai afectar directamente as dúas condicións laborais”.

Martínez tamén denuncia que os sindicatos estatais CCOO e UGT seguen a trasladarlle ás persoas traballadoras que os convenio de centro non se eliminarán no caso de que non se haxa acordo estatal. “Isto é mentira, porque do contrario non terían asinado comezar a negociación; e temos o convencemento de que xa teñen pactado os termos do convenio, até o punto de que CCOO e UGT sosteñen extraoficialmente que en tres meses haberá un convenio de grupo, cando este tipo de negociacións adoitan alongarse máis no tempo”. 

Púxose enriba da mesa a posibilidade de convocar protestas

Estas sospeitas acenderon aínda máis os ánimos das persoas empregadas de Pescanova, que durante a asemblea expresaron a súa dispoñibilidade a desenvolver mobilizacións para evidenciar o seu rexeitamento aos plans da empresa e a como se está a levar a cabo o proceso, sen consultar para nada coas persoas afectadas. “Dende as tres centrais sindicais comprometémonos a valorar a proposta”, adianta a secretaria nacional da FGAMT-CIG.

Primeira xuntanza da mesa

Martínez explicou que este martes día 11 terá lugar a primeira xuntanza da mesa negociadora do convenio de grupo a nivel estatal, tras a súa constitución o pasado 27 de xaneiro. O encontro celebrarase no hotel Porta do Camiño de Santiago ás 11:00 horas. A mesa está integrada por 5 representantes de CCOO, outros 5 da UGT e 3 da CIG. “A pesar de que temos unha representación minoritaria imos tratar de impedir que a maioría impoña un convenio prexudicial para os intereses dos cadro de persoal e imos manter informadas en todo momento as persoas traballadoras”.

Finalmente, a responsábel sindical agarda que as vindeiras xuntanzas teñan lugar en Galiza -onde se atopa a sede central da empresa- xa que durante a constitución da mesa as organizacións estatais propuxeron que as negociacións sexan itinerantes. “O centro de decisión da empresa está aquí, e polo tanto a negociación ten que darse aquí”, sentencia.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.