María Xosé Abuín: “Hoxe é un día de loito para a sanidade pública galega”
Plataformas de SOS Sanidade Pública das distintas áreas sanitarias de Galiza e usuarios/as do sistema sanitario galego concentráronse esta mañá diante do Parlamento de Galiza para demandar a inmediata paralización da tramitación parlamentaria da reforma do proxecto de Lei de Saúde e alertar das súas consecuencias. A mobilización coincidiu coa aprobación en sede parlamentaria da norma nunha data que a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, cualificou de “día de loito para a sanidade pública galega”. Un roubo máis de dereitos ao que o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, chamou a dar unha resposta “firme e decidida”.
Abuín, denunciou que “o goberno do PP, facendo ouvidos xordos a todas as demandas sociais que se veñen facendo, tanto por parte das galegas e galegos como das traballadoras e traballadores do Sergas, aprobou en solitario unha lei sen ter en consideración ningunha das alegacións presentadas”.
Alertou de que, na súa liña de “imposición e rodillo”, o PP vai deteriorar a sanidade pública porque “afasta a prestación sanitaria da poboación e diminúe os recursos ao suprimir as áreas sanitarias”. Ao fechar servizos nas áreas sanitarias periféricas e recentralizar nos grandes complexos hospitalarios das cidades –que é onde ten máis presenza a sanidade privada- “terá máis doado xestionar a derivación de doentes ao sistema privado”.
Elimina a participación cidadá
A secretaria nacional de CIG-Saúde denunciou que se elimina tamén a participación cidadá que viña contemplada na Lei de Saúde. O PP, porén, di que lle vai dar maior protagonismo porque se crea o Consello Asesor de Doentes. “O que queren é ter controlado ese organismo a través das subvencións anuais”, indicou.
Neste sentido denunciou que a moitas desas asociacións de doentes se lles transfiren responsabilidades que non deberían ser da súa competencia. En concreto sinalou que se contempla financiar a prestación sanitaria que debería asumir o servizo público de saúde para que a presten estas entidades. A modo de exemplo sinalou o caso de psicólogos/as contratados/as pola Asociación do Cancro, que non hai na sanidade pública para atender a demanda de oncoloxía, nin en adultos, nin en pediátricos ou de rehabilitación no caso doutras asociacións.
Abuín lamentou que esta Lei non sirva para desenvolver o Estatuto xurídico do persoal do SERGAS, que é un dos aspectos fundamentais que recollía a lei anterior e a respecto do que o PP non aceptou ningunha emenda, “nin para desenvolvelo nin para ter un sistema de identificación de prazas para saber realmente cal que é o cadro de persoal que existe”.
Xunto a isto denunciou que tampouco se aproveitou para eliminar a discriminación laboral que existe entre o persoal fixo e o persoal temporal ou para blindar o cadro de persoal e eliminar esa taxa de reposición.
Mobilización como resposta ao roubo de dereitos
Pola súa banda o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciou que “hoxe se perpetrou un novo roubo de dereitos, porque esta lei vai provocar máis desprotección, sobre todo para os sectores sociais máis desfavorecidos e as comarcas periféricas de Galiza” e asegurou que “esta nova privatización incide aínda máis no empobrecemento xeneralizado que sofre a clase traballadora galega”.
Por iso asegurou que “non podemos permitir o roubo da nosa sanidade” nin que se fagan ouvidos xordos ao contundente clamor social que vimos nas rúas de Compostela o pasado día 4 de febreiro. Considerou que “cada día son máis as razóns que exixen dunha resposta firme e decidida” e na liña do debate aberto na central sindical que empraza a camiñar cara a convocatoria dunha folga xeral, chamou a responder a estes ataques “como fixo sempre a clase obreira e o pobo galego: loitando na rúa polos seus dereitos”.
Contra a contrarreforma
O representante de SOS Sanidade Pública, Xosé María Dios, cualificou o trámite de aprobación da contrarreforma sanitaria desta mañá como “o pleno da vergoña” no que se “consumou o golpe de Estado sanitario” ao que “nin sequera asistiu o Presidente da Xunta”.
Con todo considerou que este é un paso máis nas políticas que viña desenvolvendo o PP e advertiu que as plataformas seguirán loitando para que esta lei non vaia adiante.