Marga Corral: “Temos que artellar respostas colectivas ás múltiples violencias que sufrimos as mulleres”
A Secretaría da Muller da CIG conmemora este ano o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres, cunha campaña que xirará arredor do lema “Combatendo a violencia machista” e que compila todas as accións que vén desenvolvendo na última década para “reducir, concienciar e combater a violencia machista”. Así o explicou a secretaria das Mulleres, Margarida Corral, quen fixo un chamamento a “artellar respostas colectivas ás múltiples violencias que sufrimos as mulleres” na rolda de prensa celebrada este luns en Compostela.
Corral subliñou tamén a necesidade de identificar as causas, negociar procedementos de prevención e actuación no ámbito laboral e denunciar “o abandono por parte da administración galega” de políticas dirixidas a combater a violencia e anunciou que, para iso, durante a mañá do propio día 25 de novembro celebrarase o 2º Encontro Nacional de Delegadas.
Unha xornada na que está prevista a participación de máis de 200 delegadas da CIG e que se desenvolverá desde as 10:00 h no Cersia para rematar cunha manifestación que partirá ás 12:00 horas desde este edificio até San Caetano. “Escollemos o edificio administrativo da Xunta de Galiza para simbolizar a nosa resposta antes os recortes e a pasividade dun goberno fronte a violencia machista”, explicou.
Mobilizacións do 25 de Novembro
Esta manifestación convocada pola CIG para a propia mañá do 25 de novembro non será a única da xornada e, de feito, Corral fixo tamén un chamamento a participar das mobilizacións, concentracións e accións de rúa convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres en:
- A Coruña: ás 20:00 h no Obelisco
- Ferrolterra: ás 19:00 h na Praza do Inferniño
- Ourense: ás 19:00 h no Parque de San Lázaro
- Compostela: ás 20:00 h na Praza 8 de Marzo
- Vigo: ás 20:00 h na Farola de Urzáiz.
Combatendo a violencia machista
Dos 19 homicidios que se produciron en Galiza en 2015, 10 foron por violencia contra as mulleres
A secretaria das Mulleres da CIG lembrou, unha por unha, ás mulleres que foron asasinadas no ano 2016, mais tamén ás que o foron en 2015. “Un ano terríbel, dado que se tratou da maior cifra de asasinatos por esta causa no que vai de século” dixo, subliñando que, de feito, “dos 19 homicidios que se produciron en Galiza (ese ano), dez deles foron por violencia contra as mulleres”.
Con todo, e aínda que insistiu en que a cúspide da violencia machista son os feminicidios, considerou que “non podemos esquecernos das violencias que sufrimos as mulleres polo feito de selo” e manifestou que é unha obriga por parte das feministas organizadas nas centrais sindicais de clase denuncialas.
Campaña de campañas
Corral explicou que desta volta a secretaría da Muller optou por facer xirar a súa campaña do 25 de novembro recollendo as sucesivas campañas articuladas na última década e evidenciar que malia os esforzos por combater a violencia machista “esta non se reduce, senón que vemos que mesmo aumenta”.
A crise económica agravou aínda máis as desigualdades entre mulleres e homes
Campañas nas que se incidiu na necesidade de mudar o modelo de relacións sociais e laborais e nas que se propuxeron medidas concretas para facer fronte á violencia sexista: denuncia das discriminacións; recoñecemento dos dereitos laborais e sociais das vítimas da violencia machista; aplicación de plans de igualdade e protocolos de acoso nos lugares de traballo; rede pública de servizos sociais integrais; implantación dun modelo coeducativo en todas as etapas; dereito á sexualidade e a interromper o embarazo na rede pública de saúde; impulso da corresponsabilidade nas tarefas do coidado e no fogar; conciliación; recoñecer e garantir os dereitos das mulleres inmigrantes; visibilizar a problemática específica en materia de saúde laboral das mulleres ou integrar a exixencia da igualdade na negociación colectiva.
Mais tamén campañas nas que se denunciou como a crise económica agravou aínda máis a desigualdade entre mulleres e homes, con reformas que provocaron inactividade, eventualidade, empregos a tempo parcial, fenda salarial, economía somerxida e infrasalarios.
Políticas públicas e crise
Xunto a isto, a secretaria das Mulleres da CIG responsabilizou do aumento da violencia machista aos gobernos tanto do Estado como da Xunta de Galiza e, nomeadamente, ao abandono da posta en marcha de políticas, medidas e estratexias destinadas á igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes, como recoñeceu un ano máis a Convención sobre a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller no último informe CEDAW publicado polo Comité para a eliminación da discriminación contra a muller.
Neste sentido denunciou a eliminación do Ministerio de Igualdade no Estado, e do Servizo Galego de Igualdade en Galiza. Decisións que considerou “unha mostra dos retrocesos en materia de igualdade por parte dos gobernos do Partido Popular, organismos que nin tan sequera a pesares do incremento da violencia machista, foron recuperados nin dotados de orzamentos suficientes para combatela”.
15 denuncias diarias por violencia machista en Galiza
A secretaria das Mulleres da CIG lamentou tamén non poder presentar, desta volta, unha avaliación de cal será o impacto das políticas públicas para o vindeiro ano, porque “descoñecemos cal vai ser a dotación orzamentaria tanto en Galiza como no Estado”.
E lamentou especialmente que isto sexa así cando só no primeiro trimestre deste ano, os xulgados galegos recibiron preto de 3.000 denuncias por violencia de xénero; cando se mantén unha media de 15 denuncias por violencia machista ao día en Galiza e cando a violencia machista entre a mocidade non só se mantén senón que aumenta, até o punto de que as vítimas de violencia de xénero menores de 25 anos con medidas cautelares ou orde de afastamento “non deixaron de crecer en Galiza desde o ano 2012, ao pasar das 152 daquela ás 190 de 2015, cun crecemento do 15% só no último ano, e achegándose aos datos de 2011 (202), máximo na estatítica que ofrece o INE a través dun acordo co Ministerio de Xustiza”.
Cifras ás que acrecentou datos como que durante o primeiro semestre do ano tramitáronse: 37 Expedientes de concesión de axudas de pagamento único; 132 Expedientes de concesión de axudas de pagamento periódico; 370 atencións polo Punto de Coordinación das Ordes de Protección; 8 Expedientes de concesión da indemnización regulada no artigo 43 da Lei galega 11/2007; 370 novos expedientes seguidos polo Punto de Coordinación das Ordes de Protección; 97 Certificacións acreditativa da condición de vítima de violencia de xénero, para os efectos da incorporación ao programa de inserción laboral deste colectivo e 420 Medidas de protección comunicadas.
Para Margarida Corral estas cifras deberían provocar unha auténtica “alarma social” máis cando se achegan ás 22.000 as galegas que, desde 2007, están en situación de risco. Por iso exixiu das administracións que asuman as súas responsabilidades e poñan todos os medios necesarios para combater o que considerou que só se pode cualificar como “terrorismo machista”.