Mar de Lumes, Jenin, BDS e Galiza por Palestina chaman a unha grande manifestación en solidariedade co pobo palestino
A Asociación Galaico-Árabe Jenin, BDS Galiza, Galiza por Palestina e Mar de Lumes veñen de lanzar na mañá de hoxe a convocatoria dunha manifestación nacional en solidariedade con Palestina que terá lugar o sábado, 28 de outubro, ás 18 horas, con saída da Alameda de Santiago de Compostela, baixo o lema "Paremos o Xenocidio. Galiza con Palestina".
Desde as entidades convocantes sinalan “a necesidade de mobilizar o pobo galego en rexeitamento do xenocidio do pobo palestino que Israel está a perpetrar, dando continuidade á política de terror e masacre que vén aplicando desde o ano 1948” explicaron.
“O que Israel está a facer na Palestina é unha auténtica limpeza étnica, un auténtico xenocidio en pleno século XXI ao que a comunidade internacional está a asistir impasíbel. Con esta mobilización desde a Galiza queremos amosar que o pobo galego non fica calado nin indiferente ante o asasinato de milleiros de persoas na Palestina, moitas delas nenas e nenos, ao bombardeo de hospitais e ao bloqueo imposto por Israel á Faixa de Gaza, que está a deixar sen electricidade e sen subministros básicos de todo tipo ao pobo palestino” afirmaron.
Por iso, fixeron un chamamento ás galegas e galegos “a encher as rúas de Compostela na tarde deste sábado, 28 de outubro, para reclamar paz e liberdade para Palestina, o alto o fogo e o cese da licenza para matar que parece que occidente lle ten entregado a Israel”.
As organizacións convocantes anunciaron, ademais, que haberá autobuses. Xa están confirmados, de momento, desde todas as cidades galegas. Os horarios e os puntos definitivos de partida serán anunciados nos próximos días.