Manuel Grandal Anca, reelixido secretario comarcal da CIG de Ferrol
Manuel Anxo Grandal Anca resultaba reelixido secretario comarcal durante a VII Asemblea Comarcal da CIG de Ferrol. A súa candidatura, a única presentada, recibiu 130 votos a favor, 7 nulos e 2 en branco. No proceso tamén se escolleu a nova Executiva Comarcal para os vindeiros catro anos e as persoas que formarán parte do Consello Confederal da CIG.
Para a Executiva Comarcal presentouse tamén unha única candidatura encabezada por Grandal, que recibiu 131 votos a favor, 7 nulos e 1 en branco. Mentres, a candidatura para o Consello Confederal recibiu 131 votos a favor, 7 nulos e 1 en branco.
Composición da nova Executiva Comarcal
1. Manuel Anxo Grandal Anca.
2. Nicosala Castro Montero.
3. Paula Fernández González.
4. Ramón Fernández Alfonzo.
5. Rocío Doce Teijeiro.
6. Antonio Baliño Vázquez.
7. Xoán Galdo Regueiro.
Combater os estragos das reformas laborais na comarca
» Vídeo proxectado na VII Asemblea Comarcal da CIG-Ferrol
O informe da Executiva saínte (aprobado con 123 votos a favor, 1 en contra, 8 abstencións) comeza analizando a acción sindical da CIG no contexto socioeconómico de Ferrolterra-Eume-Ortegal, a comarca do país que presenta os peores datos de paro e o menor desenvolvemento empresarial, "mostra do fracaso de todas as aventuras empresariais que nos venderon".
Consello Confederal
As persoas que fomarán parte do Consello Confederal pola comarca son:
1. Manuel Anxo Grandal Anca2. Antonia Martínez Díaz
3. Beatriz Fernández González
4. Carmen Viso Rubín
5. Ramón Fernández Alfonzo
Ao que hai que sumar o acusado descenso de habitantes (30.000 menos nas últimas tres décadas) e o avellentamento da poboación (o 35.37% dos/as habitantes de Ortegal supera os 64 anos e Ferrol xa é a cidade máis envellecida de Galiza, na que as persoas menores de 20 anos non acadan o 20%); polo que cada vez hai menos poboación en idade de traballar.
Neste contexto, "as reformas laborais, que entraron en alfombra vermella, están a facer verdadeiros estragos", advertía Manuel Grandal na exposición do informe. Estase instalando a pobreza laboral, tal e como reflicten os datos oficiais: as familias con ingresos menores a mil euros medraron un 10% nestes últimos catro anos, e tres de cada cinco pasan dificultades para chegar a fin de mes. Isto conxúgase co medre da contratación temporal, pois durante o ano pasado o 92% dos contratos rexistrados na comarca foron a tempo parcial e o 33% destes tiveron unha duración inferior a unha semana.
Esta situación de necesidade xerada fixo callar un discurso propiciatorio da división dentro da propia clase traballadora "que temos que combater con uñas e dentes, a base de moita solidariedade e concienciación, pois non podemos esquecer que a solidariedade de base é a nosa forza", asevera Manuel Grandal na defensa do informe.
Neste senso, critícase a incapacidade das forzas da oposición para aproveitar a falta de maioría do PP no Congreso e promover iniciativas para a derrogacións das contrarreformas laborais ou o "esquecemento" do goberno municipal de que ía liderar ás reivindicacións da comarca. Críticas tamén para o papel xogado por CCOO e UGT neste sentido.
Á cabeza da mobilización social
Pola contra, a reivindicación de solucións de futuro para a comarca sempre estivo presente en todas e cada unha das mobilizacións da CIG, de aí que promovera a creación da Plataforma Ferrolterra Esixe Solucións, tirando das demais organizacións sindicas e implicando a toda a sociedade ou, xa en solitario, puxera en marcha a campaña "Amarra o teu futuro", que concluíu cunha cadea humana arredor da Ponte das Pías.
Pero a acción sindical da CIG tamén estivo moi marcada nestes catro anos na defensa das condicións laborais das traballadoras e traballadores, tentando a través da negociación colectiva frear a aplicación das reformas laborais, enfrontando a recentralización da negociación colectiva e defendendo as condicións laborais da clase traballadora.
Unha parte importante da acción sindical tamén estivo centrada na defensa dos empregos, dos sectores produtivos da comarca e dos servizos públicos, sempre na vangarda da resposta social e da mobilización, mais tamén sendo quen de achegar alternativas "dende o punto de vista das nosas necesidades e dos nosos intereses como galegos e galegas".
Unha actuación que se reflicte no resultado das eleccións sindicais, pois a pesar de elixírense 280 delegados/as menos, a CIG non só se consolidou como primeira forza sindical da comarca, senón que mellorou lixeiramente as porcentaxes fronte a UGT e COO, que baixaron 2 e 4 puntos respectivamente.
En canto á afiliación, base da garantía da independencia económica e do modelo sindical da CIG, conseguiuse reverter a tendencia á baixa e neste primeiro trimestre incrementouse o número de afiliados/as.
No informe sublíñase tamén o compromiso feminista na acción sindical, pero que debe implicar un maior protagonismo das traballadoras na representación sindical e, na vida orgánica do sindicato, a consolidación do colectivo de persoas xubiladas e pensionistas, o traballo no eido da saúde laboral e formativo ou a actividade do Plan de Axuda Alimentar.
Necesidade de combater a situación de extrema urxencia da comarca
Na súa intervención de clausura da asemblea, Manuel Grandal incidiu na necesidade de combater a situación de extrema urxencia que sofre a comarca a todos os niveis. Unha loita, apuntou que non se pode encetar sen a revitalización dos sectores produtivos, nomeadamente o sector naval, motor económico da comarca, pero que require tamén da potenciación do sector enerxético, do marisqueiro ou a recuperación e reforzo dos servizos públicos.
"Falar das necesidades da nosa comarca para que poida subsistir, é falar de dar a batalla contra o desemprego, contra a pobreza, contra a emigración das nosas mozas e mozos, contra o desarraigo familiar. Esta loita ten que ser un dos camiños a percorrer no mandato que hoxe estamos a encetar" aseverou Grandal.
Mais tamén hai que pelexar, continuou, por unhas condicións de traballo dignas, pola recuperación dos dereitos sociais e salariais roubados nos últimos anos. "Debemos trasladar a mensaxe de que existen as razóns suficientes (tanto políticas como socioeconómicas) para levar adiante unha folga xeral. É o noso compromiso. Porque reverter as contrarreformas laborais é factible, pois o PP non ten maioría absoluta", aseverou. Pero para iso hai que crear masa crítica, "mais cando a suposta esquerda española é incapaz de promover iniciativas para derrocar estas lesivas reformas".
Neste senso, chamou a incrementar a afiliación e a representatividade da central sindical, mellorando tanto a presenza nos centros de traballo, como os métodos de traballo, "incentivando o asemblearismo, a participación e a solidariedade para facernos máis fortes. E ter un sindicato forte e activo, reivindicativa e socialmente, fainos fortes como clase".
Grandal puxo en destaque o feito da CIG ser a primeira forza en representatividade e afiliación da comarca, "o cal demostra o acertado do noso modelo sindical". "Cómpre continuar coa mobilización e a organización social, levar á rúa e ás fábricas o debate ideolóxico, a concienciación de que outro modelo económico e social, máis xusto e solidario é posíbel, poñendo en cuestión o actual. Cómpre tamén traballar na construción dunha Galiza soberana que nos permita recuperar os nosos dereitos políticos, económicos, sociais, lingüísticos e culturais como pobo e nación que somos", concluíu.