Mantense a folga en SEAGA ao non existir compromisos concretos para recoñecer a experiencia do persoal
Os traballadores e as traballadoras de SEAGA manteñen a convocatoria de folga a partir do luns 16 de setembro, xa que na reunión mantida onte luns coa administración non se acadaron compromisos firmes e concretos para a modificación do decreto que impide ao persoal puntuar nas listas de contratación da Xunta. Nesa xuntanza, Medio Rural confirmou tamén que este será o último ano no que SEAGA realice funcións de extinción, pois dende 2019 limitarase as tarefas de prevención e a limpeza das faixas de seguridade.
Concentración o día 17
Para visibilizar a folga, o persoal ten convocada unha concentración o luns 17 de setembro, ás 11:00 horas, na porta sur do complexo administrativo de San Caetano, en Compostela.
Aínda que a xuntanza deste luns supón abrir unha vía de diálogo inexistente até o momento, o futuro de máis de 500 traballadores e traballadoras segue no aire "polo que a folga non se desconvocará até termos compromisos firmes", afirma Diana Rodríguez, secretaria comarcal da CIG-Servizos de Pontevedra. Neste senso, engade que, en aras de facilitar as negociacións, o persoal decidiu desconvocar a concentración que tiñan prevista para hoxe no complexo administrativo de San Caetano (Compostela), que pasará a realizarse o luns 17, para visibilizar o inicio da folga indefinida.
Incorporación en igualdade de condicións
Dende o colectivo de traballadores/as levaban meses reclamando a Medio Rural e a Función Pública unha xuntanza para aclarar como se pretende abordar a reordenación do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF), que se pretende facer coa empresa pública SEAGA e esixir garantías para o acceso do persoal ao SPDCIF en igualdade de oportunidades. Así, na xuntanza deste luns, á que acudiron o director xeral de Función Pública, a secretaria xeral de Medio Rural, o director xerente de SEAGA e representantes dos catro comités, confirmouse que o servizo de extinción pasará a realizarse baixo un mando único e con persoal propio, e que se crearán 500 prazas de extinción cuxo persoal se incorporará a través das listas de contratación da Xunta.
"Aínda que SEAGA forma parte do PLADIGA e é unha empresa pública, por mor do decreto que regula a contratación, aos traballadores e ás traballadoras de SEAGA non se lles terá en conta a súa experiencia laboral, a pesar de que levan máis de 10 anos nestas labores, ao contrario do que acontece co persoal da Xunta ou das brigadas dos concellos. É dicir, na práctica, máis de 500 empregadas e empregados de SEAGA formados e profesionais deixan de prestar servizos na extinción", alerta Rodríguez.
Aínda que SEAGA forma parte do PLADIGA e é unha empresa pública, ao seu persoal non se lle puntuará a experiencia laboral, a pesar de levar máis de 10 anos nas labores de extinción"
Xunto a isto, na reunión de onte aclarouse que as encomendas de SEAGA limitaranse aos traballos de prevención, presumibelmente atendendo o convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a limpeza de franxas de protección arredor de casas e núcleos de poboación.
"Esiximos a modificación inmediata do decreto que regula a contratación na Xunta, para que o persoal de SEAGA poida computar a súa experiencia e acceder en igualdade de condicións a unha praza de extinción. Pois parece que todo o mundo poderá puntuar menos o persoal que -na realidade- xa debería ter recoñecida a cualificación de bombeiro/a forestal", asevera a sindicalista da CIG.
Disposición de Función Pública, pero sen datas concretas
Pola súa banda, Función Pública amosou a disposición a iniciar o proceso para modificar a normativa actual, para o que se dirixirá as centrais sindicais con representación na administración pública para que estas soliciten por escrito a apertura da mesa xeral de negociacións, por ser este o ámbito no que abordar os cambios no decreto. "Nós o que solicitamos son datas concretas e compromisos firmes para efectivizar as mudanzas. Algo que a día de hoxe non temos, pois non está fixado nin día para a xuntanza da mesa xeral, nin para unha nova reunión da representación do persoal de SEAGA coa administración", censura Rodríguez.
Por iso, reitera, mentres non existan feitos reais, a convocatoria da folga indefinida a partir do 16 de setembro continúa adiante.