Mantense a folga en Urxencias do Clínico malia producirse un pequeno achegamento coa Xerencia
Esta mañá celebrouse unha reunión entre o Comité de Folga de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago coa Xerencia na que, segundo explicou Camilo Agulleiro, presidente da Comisión de Centro, se produciu un pequeno achegamento, xa que se puxo enriba da mesa un incremento de persoal que se traduciría en 5 enfermeiros/as e 5 TCAES, xunto a posibilidade de 2 médicas/os. A proposta, aínda que foi valorada como un avance, considñerase insuficiente, porque non inclúe outra das súas demandas, o plan funcional, polo que a convocatoria de folga se mantén tal e como estaba previsto.
“Non chega ás nosas pretensións, pero entendemos que si é un acercamento”, explicaba Agulleiro ao comezo da concentración diante do propio servizo de Urxencias. O representante da Comisión de Centro e membro do Comité de folga sinalaba que, porén, “non hai ningún plan funcional e é preciso establecer uns parámetros mínimos de futuro que garantan a asistencia sanitaria, que non se produzan saturacións en urxencias e que poidan ir os pacientes á planta ou saír máis rapidamente de urxencias. Todo iso pasa por máis aumento de persoal”.
Agulleiro adiantou tamén que o vindeiro mércores reuniranse, como comité de folga, para valorar o desenvolvemento da mesma durante estes día e valorar tamén, polo miúdo, a proposta da xerencia.
Todo o persoal está de servizos mínimos. O presidente da Comisión de Centro explica que “estamos nun servizo de urxencias e ás/aos doentes hai que atendelos”. Con todo tamén están aproveitando para facerlle entrega a doentes dun folleto informativo no que se recollen os motivos da folga”. A intención é facelos partícipes das súas demandas e que entendan que “non queremos facer unha contra eles/as, que a folga é, precisamente, para mellorar a atención que reciben”.
Neste sentido Agulleiro lembraba que “non estamos reclamando cartos, estamos reclamando persoal para prestar unha mellor asistencia sanitaria e que as/os profesionais poidan atender de forma máis integral a usuarias e usuarios”.
Incumprimento dos servizos mínimos
O pasado venres, a Comisión de Centro de atención especializada do Hospital denunciaba públicamente o incumprimento dos servizos mínimos os tres primeiros días de folga. Sinalaba que “todo o servizo estaba de mínimos”, o que ao seu entender, “constata a carencia de persoal dado que ningún traballador/a puido facer efectivo o seu dereito á folga”.
Denunciaba ademais que malia isto, a Xerencia do Hospital reforzou o servizo de Urxencias con presenzas a maiores incumprindo o decreto de folga e anunciaba a súa intención de “denunciar xudicialmente este feito”.
Tamén a semana pasada se reunían cos grupos parlamentares para transmitirlles as inquedanzas e reinvindicacións do persoal de urxencias e pedirlles que medien na folga convocada para que a mellora do servizo redunde en beneficio dos usuarios/as para unha asistencia de calidade.