Mantense a folga do día 25 na xustiza ante as propostas insuficientes da Xunta
As centrais sindicais con representación na administración de Xustiza de Galiza manteñen a convocatoria de folga para o vindeiro 25 de xaneiro tras resultaren insuficientes as propostas trasladadas pola Consellaría durante a xuntanza mantida este martes. Aínda que no encontro, con mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, se produciron avances en tres dos cinco puntos da plataforma reivindicativa, as cuestións relativas á ITs e ao CAT seguen a ser o gran escollo para lograr un acordo.
Óscar Freixedo, representante da CIG-Xustiza nas negociacións coa Xunta, explicaba que na reunión de onte produciuse un achegamento de posturas sobre os puntos relacionados coas substitucións, os reforzos de persoal e a amortización de prazas, e podería estar próximo un acordo. Mais as posicións permanecen aínda moi distanciadas no referido tanto á eliminación dos descontos por enfermidade, como no relativo ás cantidades do Complemento Autonómico Transitorio (CAT) que cobra este colectivo e que foi duramente recortado nos últimos anos.
Sobre este último, as organizacións sindicais cualificaron de "insultante" a oferta da Consellaría de Xustiza, que propón subas que van dos 55 euros para o persoal de Auxilio até os 75 para os postos de xestión. Unhas cantidades moi afastadas das reivindicacións da parte social que reiterou as súas pretensións sobre o CAT: 270 euros lineais que se repartirían en tres anos (150 euros o primeiro ano e 60 os outros dous).
Neste senso, lembrou Freixedo que, de cara a facilitar un entendemento, a parte social fixo unha rebaixa importante do contía que inicialmente se demandaba. Pola súa banda, dende a Dirección Xeral "non traía unha contra-oferta e quedaron de tratar esta cuestión con Facenda de cara a seguir negociando nunha próxima reunión".
Discriminación nas incapacidades
Con respecto ás ITs, reclámase rematar coas discriminacións que sofre o persoal da xustiza de Galiza e que se lles aplique unha regulación idéntica á que se lle aplica a outro persoal dentro dos xulgados (como maxistrados, fiscais ou letrados/as xudiciais) ou á que xa teñen noutras comunidades autónomas. "Pero a Consellaría continúa teimando en que é unha cuestión que depende de Función Pública, cando o certo é que a lei de Función Pública exclúenos explicitamente. Non entendemos a razón desta actitude e seguimos encallados neste punto", lamentou Freixedo.
Á espera do resultado da próxima reunión coa administración -que previsibelmente terá lugar a principios da vindeira semana- as centrais sindicais manteñen a xornada de folga do 25 de xaneiro. Para ese día está prevista tamén unha manifestación nacional en Compostela á que acudirán traballadoras e traballadores do sector de xustiza de toda Galiza.