Mantense a folga convocada na Inspección de Traballo para este mércores 21 de decembro
Ante a falta de resultados concretos e de información por parte dos dous ministerios implicados (Traballo e Facenda), as organizacións sindicais manteñen a convocatoria de folga para este mércores 21 de decembro en todos os centros da Inspección de Traballo e Seguridade Social do Estado. Ademais, as organizacións convocantes (entre elas a CIG), agrupadas na plataforma sindical que representa á maioría do persoal do organismo, xa avanzou que continuarán as mobilizacións e o conflito en tanto no se cumpra o recollido no acordo asinado o 7 de xullo de 2021.
Para a representación social preocupa sobre maneira a falta de información e o cambio na forma de estabelecer a interlocución por parte da dirección do Ministerio de Traballo e Economía Social "que no últimos tres meses veu afastándose dos problemas que sofre a Inspección até o punto de desaparecer completamente e omitir calquera información sobre esta".
Esas cuestións foron trasladadas pola plataforma sindical nunha rolda de prensa ofrecida onte luns e aproveitando a convocatoria aos medios que estaba a facer á mesma hora a ministra de Traballo sobre o SMI "dirixímonos ao Ministerio para denunciar a situación e esixir a información que se nos vén negando nos últimos meses sobre o resultado das “discusións internas” no seo deste Goberno sobre o futuro da Inspección".
Despois de varios intentos, finalmente a Secretaría de Estado de Emprego e Economía Social tivo a ben manter unha breve reunión con representantes das diferentes organizacións convocantes. Neste encontro púxose de manifesto "que o ministerio non conta aínda con novas" e que o Goberno insiste en esperar até o 31 de decembro.
Unha data na que custa crer que algo se arranxe cando "dezaoito meses despois da firma do non se concretaron ningunha das medidas que quedaron comprometidas" no acordo asinado para a mellora da institución.
"Todo contribúe a definir un ambiente de tal incerteza para a Inspección de Traballo e Seguridade Social que, aínda que só sexa por responsabilidade, o único que cabe é manter a convocatoria de folga e esperar que as razóns e o razoábel leven o Ministerio de Traballo e Economía Social e o de Facenda e Función Pública a pechar con urxencia as solucións pactadas en xullo do pasado ano".