Manifesto das organizacións feministas galegas ante a eliminación da secretaría xeral de Igualdade

Nacional - 10 Mai 2024

Diante da eliminación da Secretaría Xeral de Igualdade do organigrama do goberno da Xunta de Galiza, as organizacións feministas galegas queremos manifestar:

A pesar das mostras de fortaleza do feminismo galego nos últimos tempos e do clamor social pola necesidade de políticas decididas cara á superación das discriminacións que historicamente se cometeron coas mulleres, non se albiscan por parte do goberno da Xunta políticas encamiñadas a esta fin.

Desde as últimas décadas do século XX, as institucións e organizacións sociais fixéronse eco das demandas do feminismo, entre outras cousas, creando organismos encargados da aplicación de medidas conducentes á igualdade de xénero. É así como se formalizan as vogalías ou secretarías das mulleres nas organizacións sindicais, asociacións e partidos, as áreas de igualdade nos Concellos etc.  Nesta liña, en 2005 o Goberno galego de BNG e PSOE crea a secretaría xeral de Igualdade.

Pois ben, ao igual que aconteceu co resto de políticas e actuacións que botaron a andar neste tempo, o Partido Popular fai desaparecer agora un organismo de goberno que no lugar que debería ocupar, dependente da Presidencia, tería que deseñar o conxunto de políticas a aplicar desde os diferentes departamentos do Goberno galego. Trátase do último paso dado, até agora, após a desaparición do Sistema Galego de Igualdade, ou o baleirado de recursos dos centros Quérote, dos CIM, dos pisos de acollida,...

A ideoloxía retrógrada en materia de igualdade do PP manifestouse tamén ás claras co torpedeo constante do dereito ao aborto, coas subvencións e institucionalización da Red Madre, co desvío das intervencións de interrupción do embarazo a clínicas privadas… en definitiva, impedindo o exercicio deste dereito sen estigmatizar as mulleres que abortan.

Eliminar a Secretaría Xeral de Igualdade é un paso máis na progresión de políticas retrógradas cos dereitos das mulleres por parte do Partido Popular. É a demostración de que a igualdade perde peso nas políticas do Goberno galego, rebaixando a súa importancia desde a secretaría até a dirección xeral.

Por outro lado, que implica que a violencia de xénero e a igualdade se desvinculen en dous departamentos diferentes:, a dirección xeral contra a Violencia de Xénero e a dirección xeral de Promoción da Igualdade? Acaso a violencia e a desigualdade non son dúas caras da mesma moeda? Cabe pór en práctica medidas efectivas contra a violencia que non ataquen as desigualdades? Non é a igualdade o verdadeiro antídoto para combater a violencia? Tampouco nos parece baladí que se poña un home á fronte da dirección xeral contra a violencia.

Por todo o dito, exixímoslle ao Goberno galego que dea ás políticas de igualdade o peso que lles corresponde coa restitución da secretaría xeral de Igualdade, facéndoa depender non dunha consellaría senón da Presidencia, pois para combater a violencia contra as mulleres e avanzar na igualdade débese actuar desde todas as frontes e non só desde os servizos sociais.

Queremos que saiba este Goberno que a sociedade galega do século XXI non vai consentir máis minusvaloración e discriminación das mulleres, que as mulleres non imos consentir que se nos neguen dereitos que tanto custou conquistar.

 ____________________________________________________________________________________

Asinamos este manifesto:

Marcha Mundial das Mulleres Galiza, Plataforma Feminista Galega, Asemblea Feminista Aberta de Compostela, Asociación de Empregadas do Fogar Xiara, Son Lilá, Colectivo Feminista das Mariñas, Asociación de Mulleres Area Loura do Val Miñor, Asociación Feminista MoradAura de Padrón, Colectivo Feminista Levedar de Vila de Cruces, Colectivo Carballas do Rosal, Buserana Organización de Mulleres Feministas na Costa da Morte, Colectivo Feminista das Pontes, Plataforma Feminista de Lugo, Asociación Polamiúda de Chantada, Tamborililás batukada transfeminista Compostela, O sonho de Lilith, Feministas da Terra Cha, Curandeiras de Vimianzo, Nós Mesmas, Comando Mazá Pontevedra, Feminismo en pé de Ponteceso, Asociación de Mulleres Rurais de Arzúa, Obradoiro feministade Casardeita, Colectivo Feminista de Moraña As Moiras, Unión de muchachas de Boiro, Feministas de Catoira, Secretaría das Mulleres da CIG, Asemblea de Mulleres de STEG, Secretaría de Mulleres Igualdade e políticas LGTBI de CCOO, Secretaría das Mulleres de Comisións Labregas.