Comunicado da plataforma Galiza pola Paz sobre o cumio da OTAN en Ancara

Nacional - 07 Xul 2026

A Plataforma Galiza pola Paz, da que fai parte a CIG, difundiu hoxe o seguinte comunicado a respecto do cumio da OTAN que se celebra na capital turca:

Este martes, 7 de xullo, comeza en Ancara, na Turquía, a 39ª cimeira da OTAN. Unha nova reunión da maior ameaza global á paz e aos pobos do mundo, para discutir tres puntos: como aumentar o investimento de cada membro para as guerras patrocinadas pola Organización, como aumentar e ordenar a produción industrial para esas guerras futuras, e como mellorar a coordinación na guerra xa en curso, na Ucraína. 

Desde Galiza pola Paz chaman o pobo galego a non se deixar ir nesta deriva belicista que só serve para reforzar os Estados Unidos e apuntalar o seu deseño unipolar e hexemónico do mundo

A cimeira chega nun momento de suposta tensión entre os Estados Unidos e varios outros socios á conta das cantidades que se deben investir en capacidades militares. Tal tensión, porén, está ben lonxe de ser real. A totalidade de membros está hoxe a alcanzar ou a consolidar a porcentaxe do PIB que a OTAN pretende que cada membro gaste en armamento e mellora dos seus exércitos. Un aumento que non só é un despropósito por si mesmo, como tamén pon en risco partidas enteiras de gasto social, decimándoas para desviar os fondos á mal chamada “defensa” -e isto especialmente en países como a Galiza, onde as eivas nestes ámbitos son particularmente dramáticas polas políticas de recortes da Xunta de Galiza.

Tamén se está a escenificar unha falsa contradición entre as pretensións dos EUA e da propia OTAN, por unha parte, e a posición “pacifista” do goberno español, presentando calquera reparo posto (non só os de Pedro Sánchez) como mostra dunha crise de cohesión da OTAN. A negativa a permitir o uso do espazo aéreo para a empreitada ilegal dos Estados Unidos e Israel contra Irán -unha negativa que, alén do Estado español, tamén seguiron outros países como Francia ou Italia- aparece en moitos medios de comunicación de masas como unha fenda que convén reparar.

Frente a isto, a realidade é que o Estado español chega á reunión de Ancara cos deberes feitos, cumprindo escrupulosamente co nivel de gasto acordado (que xa ultrapasa 2,1% do PIB en investimento directo, sen contar partidas militares noutros ministerios como de Industria, por exemplo). E, ademais, cos traballos de promoción da industria militar xa a bo ritmo, tamén grazas ao entusiasmo de varios gobernos como o da Xunta de Galiza, que presenta a industria da guerra e o saqueo de recursos naturais (principalmente minerais) como magníficas oportunidades de emprego e de negocio para un novo ecosistema de contratistas privadas que non deixan de aparecer por toda a parte.

Como pode ser que, coas taxas de desigualdade social en aumento, coa emerxencia climática deixando episodios impensábeis hai só uns anos, e con crises como a da vivenda ou a dos coidados impactando de cheo nas nosas sociedades, as prioridades dos membros da OTAN sexan comprar máis armas, aumentar os seus exércitos e recuperar os seus servizos militares obrigatorios? 

A guerra e a industria da guerra unicamente serven para matar e destruír. Non traen riqueza nin tranquilidade, nin garanten o futuro para ninguén. Fronte ao seu militarismo, a verdadeira proposta de futuro non é outra que a Paz, a democracia e a soberanía dos pobos

A falta de que se substancien os acordos pendentes nesta cimeira, o que xa podemos avanzar é que os participantes volverán de Ancara con novos compromisos de acelerar o aumento do gasto militar e de profundizar na creación dos seus respectivos complexos industriais-militares, seguindo o modelo dos Estados Unidos e, como alí, facendo que o conxunto da economía sexa cada vez máis dependente deste ramo. Unha viraxe política que asegura lucros inmensos para uns poucos e empobrece o tecido económico para a maioría.

Por último, cómpre destacar, tamén, que a cimeira se celebra nunha capital que leva días tomada polas forzas de seguranza para impedir calquera contestación popular, na que foron prohibidas manifestacións á contra, na que as organizacións políticas contrarias á OTAN nin sequera puideron celebrar unha contracimeira como a que se celebrou na Galiza en 2022 e na que, desde hai días, veñen sendo practicadas máis dun cento de detencións preventivas de militantes e activistas pola paz. Parece que a todopoderosa OTAN nin sequera é capaz de resistir a mobilización popular antiimperialista na mesma cidade en que reúne os seus membros. Mais esta reunión e as súas medidas de seguranza tamén deixan ver o que a OTAN -que di existir para defender a liberdade e a democracia- entende por liberdade e democracia.

Desde a plataforma Galiza pola Paz, chamamos o pobo galego a non se deixar ir nesta deriva belicista que só serve para reforzar os Estados Unidos e apuntalar o seu deseño unipolar e hexemónico do mundo, nun momento en que esa hexemonía e esa estrutura unipolar son cada vez máis irreais. A guerra e a industria da guerra unicamente serven para matar e destruír. Non traen riqueza nin tranquilidade, nin garanten o futuro para ninguén. Fronte ao seu militarismo, a verdadeira proposta de futuro non é outra que a Paz, a democracia e a soberanía dos pobos.