Manifesto da CIG diante das eleccións europeas do 9 de xuño
Estamos diante dunha nova convocatoria de Eleccións Europeas, o vindeiro 9 de xuño, nas que as galegas e galegos temos un chamamento a votar porque hai moitas cousas que nos afectan que se deciden en Europa.
Estamos ante unha UE que dende hai anos vimos reivindicando que ten que ser unha Europa dos pobos, solidaria, con xustiza social, que faga fronte a este ilimitado libre mercado e de competencia que representa e que fomenta a precariedade laboral e onde as nacións non temos dereitos.
Mais esta Unión Europea non é unha Europa dos pobos, é máis ben unha unión de mercadores, construída sobre a base dos Estados que precisamente negan os pobos e as nacións que os compoñen. Unha Europa do capital, que afortala o libre mercado e a precariedade laboral. Unha Europa da libre competencia, feita a medida dos poderosos, que nega os dereitos nacionais e subordina calquera dereito social básico ao chamado mercado, impedindo poder vivir dignamente do noso traballo na nosa terra.
Esta Unión Europea vai, crise tras crise, ditándolles aos Estados medidas e políticas neoliberais que os gobernos, sexan de dereita ou de esquerda, acollen e executan con entusiasmo. E cando gobernos que se din de esquerda aplican a mesma receita, as mesmas políticas de reformas e plans de axustes neoliberais que aplican os gobernos da dereita, o que están facendo é alimentar o fascismo, darlle impulso á ultradereita.
Mais hai un Parlamento con capacidade de decidir as políticas europeas que tanto nos están afectando a través da axenda que os gobernos -sexa o español ou o galego- levan a cabo. Por iso é moi importante que a representación que teñan pobos e nacións como Galiza sexa acorde á necesidade de facer valer o noso, de defendernos como galegos e galegas, dadas as decisións que se toman alí que poden condicionar o noso futuro.
Por unha Europa dos pobos e da xustiza social
Xogámonos moito, pero non podemos errar na visión estatal e tan pouco respectuosa cos dereitos das nacións e dos pobos que conforman Europa. Estamos ante unha Europa dos Estados, non das nacións nin dos pobos, dunha Europa dos mercados, non da xustiza social, e esta visión compártena tanto a dereita como a esquerda española.
Xogámonos moito como traballadores e traballadoras, como maioría social, e como pobo galego, e temos que ser capaces de facer que no Parlamento europeo haxa unha representación galega coa nosa mesma visión da Europa dos pobos, solidaria e con xustiza social.
A vía para parar o fascismo é o soberanismo
A Unión Europea di erixirse en defensora dos dereitos humanos e ao tempo patrocina o xenocidio do pobo palestino co seu apoio inequívoco ao estado sionista de Israel, promovendo o aumento do gasto militar e a submisión á OTAN, mentres aperta fortemente as clases populares a través dos gobernos que impoñen as medidas de reforma e recortes que desde a UE se impulsan para maior beneficio do capital.
Desde a CIG estamos por unha Europa dos pobos e da xustiza social. Por unha Europa ben distinta desta que estamos a padecer. E só mediante o voto se pode conseguir levar ao Parlamento Europeo esta nosa exixencia dunha Europa distinta.
Por iso, diante desta cita electoral do 9 de xuño, desde a CIG cremos que o pobo galego precisa elixir representantes que estean á altura, que traballen por esa Europa social e dos pobos, polo que animamos a participar nestas eleccións votando opcións políticas soberanistas e de esquerdas, porque a vía para parar o fascismo é o soberanismo.