Centos de persoas maniféstanse en Ourense para reclamar medidas que revertan o crítico declive da provincia
Centos de persoas manifestáronse na tarde deste mércores polas rúas de Ourense para denunciar o esmorecemento económico e social que atravesa a provincia e reclamar da Xunta de Galiza, o Goberno español e as administracións locais un compromiso urxente e un plan de futuro “que evite o risco real de desaparecermos”.
Con esta manifestación que partiu da Casa de Chocolate e rematou diante do Concello de Ourense logo de pasar pola Subdelegación do Goberno, a CIG dá inicio a unha campaña de sensibilización e denuncia que se estenderá ao longo dos próximos meses.
O secretario comarcal, Anxo Pérez Carballo, advertiu da desfeita industrial, da perda demográfica que padece Ourense e da debilidade do seu tecido produtivo e reclamou das administracións implicadas solucións urxentes para reverter esta realidade. Porque, alertou, "ou se aposta por Ourense e se implementa un plan de futuro, ou o futuro desta provincia vai quedar seriamente comprometido".
Lembrou que importantes empresas como Egatel, Hispamoldes, Hispaplastic ou Ilunion atópanse “en serio rico de desaparición” ou de aplicar recortes; o sector da automoción, cun importante volume de emprego en Ourense, enfronta un proceso de reconversión; e outra destacada industria como a téxtil esmorece polas deslocalizacións.
Xunto a isto, indicou Pérz Carballo, sectores como a lousa, unha industria autóctona, nestes momentos atópase practicamente ao 100% en mans de fondos estranxeiros; e o primario, tanto agricultura como gandería, tamén se ve ameazado "polas grandes transnacionais da alimentación que impoñen unhas políticas de prezos que afogan os produtores”.
Perda de poboación e avellentamento
Para evidenciar o declive de Ourense, o secretario comarcal da CIG referiu que na última década, a provincia perdeu o 8% da poboación a pesar de que recibe gran cantidade de emigración, sobre todo de emigrantes retornados. O avellentamento da poboación (as persoas maiores de 85 anos triplican as menores de catro) agrávase pola perda "dunha xeración enteira de xente nova con estudos e formación universitaria que tivo que emigrar en busca dun posto de traballo".
Ourense é unha das provincias que ten máis pensionistas que cotizantes, rexistrándose unha proporción desorbitada entre pensionistas e persoas asalariadas: 108.000 pensionistas fronte a 80.000 persoas asalariadas.
Tal e como se recolle no informe sobre a situación socioeconómica e laboral da provincia de Ourense elaborado recentemente polo gabinete técnico da CIG, "temos as prestacións máis baixas de todo o Estado español, e a maioría das persoas que gozan dunha pensión digna é porque traballaron fóra”. Ademais, alertou Pérez Carballo, as mulleres cobran sobre un 30% menos de pensión que os homes.
Debilidade do tecido produtivo
O secretario comarcal da CIG fixo fincapé na debilidade do tecido produtivo da provincia, até o punto de que 8 de cada 10 empresas teñen un máximo de dúas persoas asalariadas traballando, e só unha ducia superan as 250 persoas traballadoras.
E alertou das consecuencias nefastas das últimas reformas laborais na extensión dos baixos salarios e das pensións, da precariedade laboral e da pobreza e da exclusión social. Segundo datos da propia Axencia Tributaria de 2022, o 35% das persoas asalariadas cobran por debaixo do SMI e 18.500 ingresaron menos de 3000 euros ao ano.
Ante esta crítica situación, a CIG acordou iniciar esta campaña de sensibilización na rúa e nos centros de traballo, de denuncia e de reclamación que se manterá no tempo, e dará a batalla para salvar unha provincia "que se atopa claramente en vías de desaparición".