Manifestación o vindeiro domingo en Compostela contra a Mina de Touro
A CIG apoia a manifestación convocada para o vindeiro domingo, día 10 de xuño, con saída ás 12:00 horas da Alameda compostelá, contra a Mina de Touro. Unha mobilización convocada pola Plataforma veciñal Mina de Touro-O Pino NON! e a Plataforma en defensa da Ría de Arousa baixo o lema “Non queremos unha herdanza envelenada”.
O proxecto de apertura da mina para extraer cobre afectará, na súa primeira fase, 689 ha de terreo das case 2.000 ha previstas. Contempla a construción de dúas enormes balsas de 81 e 54 metros de alto que poderían conter máis de 100 millóns de toneladas de lodos altamente contaminantes a escasos douscentos metros de Arinteiro, que quedaría encaixada entre estas dúas balsas. Unha aldea que, xunto cos Torreis, estaría condenadas a desaparecer.
Para obter as 356.464 toneladas de cobre previstas sería necesario facer voaduras diarias con entre 9.000 e 16.000 kg de explosivos cada unha para remover 267 millóns de toneladas de material, durante os dezaseis anos e medio que duraría o proxecto, de maneira continuada as vinte e catro horas do día os 365 días do ano.
O 70% da superficie afectada é terreo agrícola e forestal. Por iso as plataformas convocantes matizan que non se pode falar dunha reapertura da antiga mina, senón dunha nova mina que engade ao terreo afectado pola anterior 500ha máis de solo que serve de base territorial de moitas explotacións agrogandeiras. “Moitas delas desaparecerían pola imposibilidade de continuar con esta actividade ao non contar co superficie agraria necesaria, aínda que todas as explotacións da contorna serían prexudicadas: as continuas voaduras, o ruído xerado, as vibracións, o po en suspensión… afectarían negativamente á produtividade de todas elas, como tamén o farían en todas as outras actividades agrícolas: horta, froita, viño... como xa ocorreu coa anterior explotación mineira”, aseguran.
Advirten ademais de que estas actividades son a base da economía dunha comarca na que o sector primario representa o 25% da riqueza xerada e emprega ao 20% da poboación e de que case o 50% das empresas desta comarca realizan actividades relacionadas con este sector.
Por iso conclúen que a apertura da mina “suporía un prexuízo evidente para estas actividades económicas no presente e unha ameaza permanente para o futuro”. Lembran que a concesión actual abrangue 2.000 has que poden ser explotadas en calquera momento, “como unha espada de Damocles sobre calquera actividade que se pretenda realizar mentras esta ameaza estea latente”.
Lei de 'Depredación'
A CIG, que no seu momento chamou a mobilizarse contra a Lei de 'Depredación' de Galiza, aprobada de forma antidemocrática e “golpista” polo PP baixo o nome de Lei de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais, considera que esta mina é un claro exemplo do modelo de desenvolvemento do país que favorece.
Un modelo económico e industrial que o propio secretario xeral, Paulo Carril, definiu no seu momento como “colonial” e que se basea na espoliación dos nosos recursos, ben sexan mineiros, forestais ou enerxéticos, deixando sen efecto ningunha normativa medioambiental e aínda por riba arrasando con calquera outro tipo de alternativa económica que se poida dar vinculada cun rural vivo que permita un desenvolvemento digno dos nosos recursos.
Contaminación da auga
O proceso de separación de cobre necesita dunha inxente cantidade de auga: 2,5 hm³ de auga ao ano. As plataformas convocantes alertan de que esa auga sairá “das nosas fontes o dos nosos ríos” e que eliminará unha grande cantidade de manancias (20) que subministran a auga a granxas, fogares particulares e os concellos de Touro e O Pino que terán que buscar outra alternativa.
Esa auga que entra limpa, ao entrar en contacto cos sulfuros de cobre e os produtos químicos, sae convertida nun veleno que mata todo rastro de vida ao seu paso. “Escorrerá por todos os regatos, pasará aos ríos, chegará ao Ulla, de onde se abastecen mitos concellos e finalmente á ría de Arousa. Esa auga xa leva na actualidade alta concentración de metais pesados (Al, Mn, Zn, Fe, Cu….) prexudiciais para as especies piscícolas e para a saúde das persoas. Esa contaminación dispararíase e os seus efectos serían desastrosos. Por non falar do que provocaría un accidente pola rotura dalgunha das balsas de lodos. O risco de que isto suceda é alto. Non o inventamos nós, dío o proxecto”, advirten.
Para demostralo recorren ao estudo realizado por investigadores da universidade de Vigo e Swansea sobre o efecto da antiga mina na poboación de salmón atlántico, onde se pon de manifesto a diminución da poboacións de salmóns no Ulla como consecuencia da contaminación por cobre durante e despois da anterior actividade mineira e onde conclúen que a reapertura da mesma poría ao salmón ao borde da extinción neste río. “O estudo só se centrou no salmón, pero non hai que ser moi lince para ver que todas as demais especies piscícolas e marisqueiras serán afectadas de igual xeito”, denuncian.
Paralización do proxecto
Por todo iso, mais tamén polo impacto no Camiño Francés, que pasa pegado á zona Norte da mina, exíxenlle á Xunta do PP e de Feijóo a paralización do proxecto, e a denegación da autorización para esta explotación mineira.
Demandan a restauración do dano causado pola anterior explotación, tanto do solo como das augas contaminadas e solicitan a caducidade da concesión que vén dos anos 50 e estará en vigor até o 2068.
Ademais piden aos concellos de Touro e o Pino que abandonen o “autismo político” no que están instalados e escoiten o clamor social de rexeitamento, como xa fixeron outros alcaldes (algúns, mesmo do seu mesmo partido), e “se poñan do noso lado demandándolle á Xunta que cumpra coa súa función de defender o interese xeral fronte a depredación das multinacionais mineiras”.