Manifestación nacional sob o lema 'A Xunta non poderá calar todo un país. Altri non!' o 15 de decembro en Compostela
Organizacións e colectivos integrantes nas plataformas Ulloa Viva e en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) anunciaron esta mañá, en rolda de prensa, a convocatoria dunha manifestación que percorrerá as rúas de Compostela o 15 de decembro. Denuncian a “campaña” que a Xunta está a desenvolver para impedir a milleiros de persoas e colectivos alegar contra Altri e o intento de “deslexitimación masiva” que “quere vulnerar e atentar contra os nosos dereitos constitucionais”.
As plataformas rexeitan as manobras do goberno do Partido Popular á fronte da Xunta que, valéndose da maquinaria administrativa, tenta “calarnos e deixarnos fóra da tramitación do proxecto, cando coma galegos e galegas, afectados polo seu impacto, temos dereito a ter información da Administración”. Fronte a iso exixen “que nos conten o que están a facer, os informes que encargaron, o que están a valorar os técnicos, e os resultados”.
Xunto a isto denuncian que “non contentos con filtrar á prensa supostos informes encargados a distintos organismos, dos que non temos notificación nin coñecemento”, agora a Xunta leva semanas mandando escritos de requirimento aos asinantes das máis de 23.000 alegacións contra o proxecto “emendando a nosa lexítima solicitude de que nos recoñezan a condición de persoas interesadas” nun procedemento administrativo.
Requirimentos da Xunta
Ulloa Viva e a PDRA explican que, desde hai unha semana, moitos dos asinantes das 23.000 alegacións presentadas ao proxecto están a recibir requirimentos da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, asinados pola xefa de servizo de Coordenación Administrativa, nos que a Xunta “emenda” a solicitude das persoas alegantes de ser consideradas “persoas interesadas” na causa.
En base ao artigo 4 da Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común. A Xunta pídelle a particulares, que alegaron contra Altri e queren ter información da súa administración sobre a tramitación do proxecto, que “acrediten o seu interese” no prazo de 10 días hábiles para que ese mesmo departamento valore esa acreditación. En caso contrario, advirte o requirimento, “entenderase por desistido”.
A actitude “inédita” da Xunta de Galicia chegou ao extremo de que o mesmo modelo de requirimento remitido aos particulares chegou tamén á propia Plataforma Ulloa Viva, á CIG, a Adega, Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra, o Sindicato Labrego Galego, Agrocuir, a Confraría de Pescadores da Illa de Arousa, distintas Anpas das comarcas afectadas que pediron personarse ou colectivos de empresarios locais coma Cerne.
Estas organizacións teñen nas súas páxinas web e redes sociais ao dispor da cidadanía os modelos de escritos de resposta que xustifican o interese das persoas alegantes a obter información e a participar no procedemento administrativo de autorización.
Campaña conxunta
Diante desta “ofensiva” lanzada por parte da Xunta contra as máis de 23.000 alegacións ao proxecto de Altri, a Plataforma Ulloa Viva e a PDRA, xunto con outras asociacións e colectivos de todo o país, anuncian unha campaña de acción conxunta “contra o intento da Xunta de amordazar ás persoas que alegaron en contra de Altri”.
Diante da preocupación e o enfado co que os milleiros de persoas que presentaron alegacións están a recibir estes escritos da Xunta, Ulloa Viva e a PDRA advírtenlle á Xunta que “o país, non se vai deixar asoballar polo feito de que o PP pretenda usar a maquinaria da administración contra os seus propios administrados”.
Esta actuación antidemocrática do Goberno galego súmase á negativa a ampliar os prazos de exposición pública para formular alegacións tanto no propio proxecto como no da captación de augas e vertedura.
Modelos de resposta a dispor da cidadanía
Deste xeito, os escritos de requirimento da Xunta están a ser contestados por parte dos cidadáns “alegando en moitos casos a condición de teren propiedades, predios arrendados, seren titulares de explotacións ou de proxectos empresariais” no territorio, para reclamar algo tan sinxelo como que “o seu propio goberno os recoñeza coma persoas interesadas na tramitación do proxecto que pode mudar as súas vidas, poñer en perigo a súa saúde, botar a perder os seus negocios, estragar as súas explotacións agro-gandeiras/ marisqueiras e mesmo obrigalas a marchar”.
Ulloa Viva e a PDRA denuncian a “insensibilidade e desprezo” dun goberno do PP que “cando se sinte acurralado polo clamor social contra un proxecto que tomou como seu, decide atacar ao seu propio pobo”.
De feito, son moitos os propietarios de fincas afectados por este proxecto que acreditaron esta condición no período de alegacións e que teñen agora que “reiterarlle á Xunta” que son propietarios e están afectados, cando foi a propia Xunta de Galiza a que publicou a referencia catastral dos seus predios no Diario Oficial de Galicia colocándoos como afectados pola instalación da macrocelulosa.
Os asinantes das alegacións, segundo lembran desde Ulloa Viva e a PDRA, demandan o cumprimento do artigo 53 da Lei 39/2015 de ser recoñecidas como interesadas nun procedemento administrativo.
Segundo esta lei, iso supón simplemente “o dereito a coñecer en calquera momento o estado de tramitación do procedemento e acceder ou ter copia dos documentos” do procedemento. Ulloa Viva e a PDRA consideran que “se a Xunta está a levar, como di, o procedemento con total transparencia non debería ter problema algún para que os cidadáns exerzamos os nosos dereitos recoñecidos por lei”.
No caso das persoas que pediron ser declaradas interesadas no procedemento, sen ter predios ou dereitos directamente afectados, Ulloa Viva e a PDRA explican que tamén responderán a esta “falta de respecto” da Xunta de Galicia, apelando aos dereitos recoñecidos na Constitución Española (nos artigos 15, 43,1 e 45.1): dereito á vida e á integridade física, á protección da nosa saúde, a desfrutar dun medio ambiente axeitado para a saúde das persoas e a preservar o uso de diñeiro público ante o intento de Altri e da Xunta de Galiza de obter financiamento das Administracións Públicas.
O tecido económico e social, a poboación das comarcas polas que discorre o río Ulla e os sectores do mar que viven da ría de Arousa están totalmente afectadas por este proxecto que ameaza o seu futuro.
“Quérennos sacar o noso dereito a protestar, a termos información e mesmo os nosos dereitos constitucionais”, denuncian Ulloa Viva e a PDRA, advertíndolle á Xunta que “a lexitimidade é do pobo e ningunha das 23.000 alegacións pode ir ao lixo, porque o proxecto de Altri significa mudar o modelo de país e por tanto aféctanos a toda a cidadanía”.
Manifestación o 15 de decembro
A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, apoiadas por outros moitos colectivos, anuncian ademais a convocatoria dunha grande mobilización nacional para o vindeiro 15 de decembro en Compostela. Unha nova demostración da contestación social en contra do proxecto da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei baixo o lema “A Xunta non poderá calar todo un país. Altri non!”.
Diante da tramitación do Proxecto Gama na Xunta de Galicia, o desprezo do goberno galego a informes científicos dun órgano asesor estatutario como o presentado o mes pasado polo Consello da Cultura Galega, e o feito de que o goberno de Rueda “segue sen atender ao clamor social contra Altri e continúa a defender os intereses particulares dunha empresa no canto de defender ás galegas e galegos, ao noso territorio e aos nosos sistemas produtivos”. Ulloa Viva e PDRA anuncian que “voltaremos ás rúas, todas e todos, para dicirlle ao PP e a Rueda que nin queremos nin precisamos unha macrocelulosa no corazón da Galiza que suporía a destrución do noso país até a Ría de Arousa”.