Manifestación nacional o 14 de xuño na Illa de Arousa contra Altri e a mina de Touro-O Pino
A marcha arrincará da praia do Vao ás 12:00h baixo o lema ‘Pola defensa do Ulla e da Ría de Arousa. Re-matemos Altri e a mina de Touro-O Pino’
As plataformas Ulloa Viva, Contra a Mina O Touro-Pino e en Defensa da Ría de Arousa anunciaron hoxe en rolda de prensa a convocatoria dunha manifestación nacional na Illa de Arousa o domingo 14 de xuño para reclamar a denegación definitiva dos proxectos de Altri e da mina. A marcha arrincará da praia do Vao ás 12:00 horas baixo o lema ‘Pola defensa do Ulla e da Ría de Arousa. Re-matemos Altri e a mina de Touro-O Pino’ e rematará no porto do Xufre.
Durante a comparecencia diante dos medios de comunicación que tivo lugar en Carril, na que tamén participaron representantes de distintos colectivos e sectores profesionais relacionados co mar, o voceiro de Ulloa Viva asegurou que “non nos fiamos do anuncio feito pola Xunta en febreiro de que o proxecto vai ser arquivado e reclamamos que sexa rematado e enterrado, para o que temos unha campaña de recollida de sinaturas para solicitarlle á Xunta a súa denegación”.
Lembrou precisamente que hai dúas semanas conselleira dixo que Altri “estaba morto”, pero 10 días despois e 16 horas de rematar o prazo de alegacións a empresa presentou alegacións a favor do proxecto. “Na nota de prensa a compañía di que nesas alegacións achegan unha solución ao problema do subministro eléctrico, que é a mesma que xa figuraba cando presentaron o proxecto en marzo de 2024. Altri minte dende o primeiro día e segue a mentir agora, como cando dixo en 2023 que non se implantan en territorios nos que a xente non os quere”, censurou.
Neste senso, lembrou que a oposición ao proxecto é masiva, como así o acreditan as multitudinarias mobilizacións desenvolvidas até o de agora, polo que lamentou que “aínda así a empresa siga a insistir”. Ao tempo que denunciou que na última nota de prensa Altri lle reclama lealdade á Xunta para levar adiante o proxecto que tiñan acordado. “Non entendemos como unha empresa privada lle pode demandar lealdade á administración pública que goberna o territorio; parécenos descarado e insultante, porque o Goberno galego a quen lle debe lealdade é á cidadanía, e a cidadanía xa expresou claramente o que quere con respecto a Altri”. Por iso fixo un chamamento a participar de xeito masivo na mobilización para esixir a denegación definitiva do proxecto, “porque o seu arquivo non nos vale”.
En canto á mina de Touro-O Pino, a representante da plataforma veciñal opositora advertiu de que tanto o primeiro proxecto como o segundo supoñen un impacto ambiental negativo, “porque son esencialmente iguais”. Detallou que a sentenza do TSXG anula a declaración da Xunta sobre o primeiro proxecto en xaneiro de 2020 só porque se fixeron mal os trámites. “O que teñen que facer é facelos ben e manter a declaración de impacto ambiental negativa nos dous proxectos”. Tras isto a empresa Cobre San Rafael presentou en 2024 o mesmo proxecto, “cunha nova lei que nos deixa máis indefensos que no proxecto de 2017, xa que a actual tramitación limita moito máis o dereito de defensa”.
Ao mesmo tempo, criticou que os anuncios feitos pola conselleira no Parlamento sobre novos dereitos mineiros teñan unha “realidade tráxica” co proxecto da mina de Touro-O Pino. “Digan o que digan dende a Xunta ou dende calquera ámbito xudicial, a actividade mineira de Cobre San Rafael implica un risco moi elevado para a veciñanza dos concellos afectados”.
“Queren impoñernos unha herdanza envelenada, e os motivos que nos levaron a mobilizarnos en 2018 seguen hoxe plenamente vixentes”, sinalou. A Administración concluíra daquela que existía unha afectación real derivada da activación mineira e advertira do incremento da presión hídrica sobre o Ulla, riscos que para a plataforma veciñal contra a mina continúan existindo. “Persisten as incógnitas sobre a xestión das inxente cantidades de residuos, continúas as filtracións e contaminación das augas e desaparición de mananciais que abastecen a poboación e as granxas”.
Polo que a pesar da “propaganda” da empresa “replicada” pola Xunta, “a verdade é que queren estragar o noso presente e enterrar o noso futuro, nun proceso mineiro tan agresivo como o que presenta Cobre San Rafael”. De feito, para o colectivo o debate de fondo segue a ser o anterior á sentenza: “pode asumir Galiza un proxecto mineiro destas dimensións nunhas das zonas hidrográficas máis sensíbeis do país? Pode facerse sen poñer en risco actividades gandeiras, agrícolas, marisqueiras e pesqueiras que dependen da calidade das augas?”
Para rematar, a representante veciñal fixo fincapé en que o conflito da mina de Touro-O Pino é un conflito ambiental, territorial e social que sigue máis vivo ca nunca. “É un conflito polo dereito a vivir e a traballar, porque nos impoñen un proxecto depredador”.
Finalmente, o voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa alertou sobre a “situación crítica” que atravesa a Ría de Arousa, cun deterioro constante das súas condicións sen que a Xunta asuma a súa responsabilidade. “E non só iso, senón que promove estes proxectos e outros como a planta de betume de Vilagarcía ou o punto de vertido dos dragados do Lérez na boca de Sálvora. Proxectos que son unha ameaza para a ría e que van en contra de milleiros de familias que viven honestamente dela”. En consecuencia, chamou a mobilizarse de novo en defensa da ría e para rexeitar todos os proxectos que a poñen en perigo.