Manifestación nacional en Compostela con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora
A CIG convoca, para este 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, unha manifestación nacional que sairá do estadio de San Lázaro, ás 10:45 horas, para rematar cunha concentración, contra as 11:00 horas, diante da Secretaría Xeral de Igualdade, en Compostela, en solidariedade con Nélida Pisco, condutora de Autobuses de Calo, por representar a meirande parte das discriminacións que sofren as mulleres no mundo do traballo, tras padecer, durante máis de 8 anos, acoso e terrorismo patronal.
O 8 de Marzo é unha data reivindicativa, na que mulleres de todo o mundo facemos balance dos logros alcanzados, analizamos a situación actual e identificamos as inxustizas e desigualdades que aínda sufrimos as mulleres polo simple feito de selo. Debémosllelo ás mulleres socialistas, sindicalistas e sufraxistas que, na segunda metade do século XIX uniron a súa loita, aliándose para obter dereitos laborais e políticos para todas as mulleres, en varios países do mundo.
A situación desigual das mulleres segue a ser un caso especial dentro de todas as discriminacións existentes en todos os países do mundo. Rematar coa discriminación que oprime a metade da humanidade será unha das maiores revolucións. Por iso segue a ser plenamente vixente e necesario situar no debate e na axenda dos países de todo o mundo a análise de cal é a situación que afrontan as mulleres, co fin de poder procurar solucións a esta.
Escollemos o lema Igualdade, para que? coa intención de reflexionar para que serviron as políticas postas en marcha polos distintos gobernos desde o inicio da crise, e o impacto que tiveron na situación das mulleres.
Unha mostra de como a precariedade afectou de xeito masivo á clase traballadora, igualando –por abaixo- a homes e mulleres, témola nos seguintes datos: a diferenza entre a taxa de ocupación masculina e feminina reduciuse á metade (15,9 puntos en 2008, 7,3 puntos en 2016), non polo incremento da ocupación feminina, senón polo descenso da ocupación masculina (entre os homes o emprego baixou 123.300 persoas, mentres que entre as mulleres a caída foi de 37.200 ocupadas).
Pérdese maioritariamente emprego masculino e con salarios dignos, o que fixo que os ingresos medios da clase traballadora descendesen, xa que, fronte a isto, o pouco emprego creado foi precario, tanto para homes como para mulleres.
O empobrecemento podémolo ver nas seguintes cifras: a clase traballadora viu reducidos os seus ingresos un 2,3% neste período, pero a caída dos ingresos dos homes foi dun 1,8% fronte ao 0.5%entre as mulleres, acurtándose as diferenzas. No ano 2009 os homes cobraban, como media, 4.677 € máis que as mulleres. No ano 2015 esa diferenza diminuíu a 4.322€.
Lonxe de poder falar dunha mellora respecto da fenda salarial entre homes e mulleres, que pasa de ser no 2009 do 23,1% ao 22,2% no ano 2015, esta redución non é máis que unha consecuencia do empeoramento dos salarios. De feito, desde o ano 2009 até o ano 2015, os homes viron diminuídos os seus ingresos salariais anuais en 525€, mentres que no caso das mulleres esta redución foi duns 180€, moito menos acentuada nas mulleres que xa parten duns salarios míseros, que dificilmente poden cubrir os custos das necesidades básicas dun fogar.
Levamos anos denunciando que aquelas mulleres que foron quen de saír da situación de desemprego fixérono en condicións precarias, en ocupacións flexíbeis e informais, con contratos a tempo parcial e/ou temporais, subcontratas ou mesmo empregos que carecen de protección social. Hoxe en día, a consecuencia da crise, atopámonos con que tamén o colectivo masculino está a sufrir estas condicións laborais, feito que se utiliza para pretender convencernos dunha mellora na igualdade entre homes e mulleres que non é real, nin unha conquista social, nin un triunfo das poucas políticas de igualdade existentes, senón o resultado das nefastas consecuencias das reformas laborais e do resto de políticas postas en marcha para saír da crise.
Se analizamos a taxa de desemprego, podemos observar que nos anos nos que crise bateu nos fogares con máis forza, a situación de homes e mulleres equiparouse, pero, a partir do ano 2015, no que a situación económica mellora lixeiramente, a taxa de desemprego feminina volve ser superior á masculina.
A lexislación en materia de igualdade de oportunidades para mulleres e homes, as leis en materia de prevención e actuación ante a violencia de xénero, deberían axudar a garantir os dereitos humanos das mulleres e a mellora das súas condicións de vida. Por tanto, a consecución da igualdade no ámbito laboral e retributivo non pode ser consecuencia dunha precarización total das condicións de vida de todas as persoas, reforzando as mulleres como indicador de pobreza.
Esiximos que se elaboren e apliquen políticas de igualdade que melloren de xeito real -e non ficticio- as condicións laborais de todas as mulleres, deixando de antepor o pagamento dos xuros financeiros sobre as necesidades básicas da cidadanía. A crise foi a escusa que se empregou por parte do goberno no Partido Popular para desmantelar boa parte dos nosos dereitos. Por iso non imos deternos até lograr recuperalos. Precisamos dotarnos de medidas de combate.
O acceso a un traballo e a un salario digno segue a ser a vía fundamental que temos a clase traballadora para saírmos da pobreza, e para as mulleres é un xeito ademais de facer fronte á desigualdade de xénero.