Manifestación nacional do sector de coidados e de atención ás persoas en Santiago este sábado día 22
O sector de coidados e de atención ás persoas (residencias de maiores e centros de día privados, Servizos de Axuda no Fogar, centros de infantil de 0-3 anos, de menores e de persoas con discapacidade) continúa en pé de guerra en demanda de melloras laborais. Tras varias xornadas de folga e numerosas mobilizacións, a CIG-Servizos e a CIG-Ensino teñen convocada unha manifestación nacional en Santiago o vindeiro sábado 22 de novembro para reclamar convenios colectivos con condicións de traballo dignas que garantan unha atención de calidade ás persoas usuarias. A marcha arrincará da Alameda ás 11:00 horas e rematará na praza de Praterías.
A central sindical leva tempo denunciando a situación de parálise na negociación, cunhas patronais que se negan a sentarse, mentres a Xunta, máxima responsábel dos servizos de atención ás persoas dependentes, mira para outro lado a pesar de que os SAF levan dende 2012 sen convenio e as residencias dende 2023, condenando o persoal do sector a padecer condicións de precariedade e baixos salarios.
Unha precariedade que se vai perpetuar tendo en conta o proxecto de orzamentos autonómicos para 2026 non contempla un incrementa que permita dotar de condicións dignas o sector. “Ao tratarse ademais de partidas orzamentarias que non están non pecadas, en calquera momento se poden mover contías millonarias para outros servizos, como aconteceu recentemente nas destinadas aos SAF, das que a Xunta detraeu 17 millóns de euros”.
Por iso a central sindical segue a apoiar as “xustas reivindicacións” das milleiros de persoas empregadas do sector, que continuarán a loitar polos seus dereitos laborais ante a “inacción” e a “falta de vontade política” para dignificar o sector da dependencia e a atención domiciliaria. “Seguiremos esixindo que se lles escoite, que se melloren as condicións laborais e que se poña fin á mercantilización dos coidados”.
Neste senso, a CIG insiste na necesidade de contar cun Sistema Público Galego de Servizos de Atención as Persoas que integre os centros asistenciais e residenciais da terceira idade; centros de día; centros de atención á diversidade; servizos de Axuda no Fogar; e outros recursos como Casas Niño, Casas do/a Maior, Xantar na Casa ou Transporte Adaptado. “Servizos que teñen que estar dotados coas infraestruturas, o material e os recursos humanos suficientes e nos que se garantan unhas condicións laborais e salariais dignas para os cadros de persoal -integrados maioritariamente por mulleres- coa aplicación do mesmo convenio”.
Marco negociador propio
Pola súa banda, nos centros de educación infantil até 3 anos de xestión privada, nos centros de protección de menores e de reforma xuvenil e nos centros de atención a persoas con discapacidade a CIG, como sindicato maioritario no sector, reclama un marco negociador propio, tal e como explica o responsábel de ensino privado da federación de Ensino, Henrique García.
Por iso insta as patronais e empresas dos tres sectores a sentarse a negociar constituíndo mesas tripartitas no Consello Galego de Relacións Laborais "porque é necesario que se incrementen xa os concertos económicos e que non se agarde a que haxa novos pregos de contratación para que as subas salariais incluídas nos últimos convenios estatais permanezan sen aplicarse tres anos máis".
Neste senso, lembra que moitas patronais reclamaron estes días incremento no financiamento porque a situación tamén era insoportábel para elas. E a propia conselleira da Política Social dixo nunha comparecencia parlamentaria que o seu departamento aplicará os convenios cando estean negociados entre patronais e sindicatos. "E iso é o que pretendemos pero a administración ten que intermediar porque é o seu papel ao estar privatizados servizos que dependen directamente dela”.
O representante da CIG-Ensino considera que o que está facendo nestes momentos Política Social “son remendos porque aprobou algunha suba nos acordos con algunhas asociacións de atención á discapacidade para que estas puideran aplicar agora incrementos salariais dos convenios estatais. Pero estao facendo de forma desigual entre as asociacións e só por un 8,5% e non polo 10% que marca o convenio estatal”.
Neste sentido, García lambra que “algunha destas subas non se van producir nos convenios propios de empresas, pois son nominativos a quen ten o estatal; outras non se aplicarán a traballadores/as que teñen pregos anteriores ao convenio e outras son absorbidas polo complemento SMI“.
Por iso, ratifica que a única solución “é negociar aquí os nosos marcos de relacións laborais”, á vez que insistiu en que “Política Social está a tempo de rectificar porque todo o que anunciou de incremento nos orzamentos para o ano que vén son para outras cuestións e non para mellorar as condicións laborais do persoal traballador destes sectores”. “É preciso que neses orzamentos se inclúan partidas específicas para este fin e sentármonos a negociar canto antes”, conclúe.