Manifestación nacional contra Altri en Compostela o 14 de decembro
As Plataformas Ulloa Viva e En Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e o resto das asociacións, colectivos e organizacións que integran a mesa de coordinación nacional contra Altri, entre elas a CIG, anunciaron hoxe en rolda de prensa en Compostela a convocatoria dunha gran manifestación nacional o vindeiro 14 de decembro, coincidindo co aniversario da mobilización do 15D de 2024 na que máis de 100.000 persoas ateigaron a Praza do Obradoiro ao berro de ‘Altri non’. O presidente de Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, e o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, chamaron a “seguir mobilizándonos” para reclamarlle á Xunta que “denegue xa” todo o expediente para autorizar a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.
Ulloa Viva, a PDRA e o resto dos colectivos, asociacións e organizacións contra o proxecto de Altri-Smarttia (propietaria do 95% de Greenalia), fixeron un chamamento “á sociedade galega” a expresar o vindeiro 14 de decembro, “masivamente e de maneira moi clara”, o “rexeitamento a este proxecto que ataca directamente o modo de vida da comarca da Ulloa, a calidade das augas do río Ulla, e a supervivencia da pesca e o marisqueo na Ría de Arousa. Un río Ulla e unha Ría de Arousa tamén ameazadas polo intento de reapertura da mina de Touro-O Pino”.
Sánchez e Rubido aseguraron que “estamos no convencemento que de igual maneira que o pobo galego fixo fronte á marea negra do Prestige e as vagas de lumes, poñeremos fin a este despropósito de proxecto que representa Altri”. O presidente da PDRA lembrou que “foi a mobilización histórica do pobo galego a que fixo ficar a Altri fóra do PERTE da descarbonización e das axudas públicas de 250 millóns de euros que a empresa demandaba”. Rubido amosouse convencido de que esta nova mobilización o 14D “pode deixar a Altri fóra definitivamente da planificación eléctrica, a captación de auga e a autorización ambiental integrada da Xunta”.
Sinalou o presidente da PDRA que “estamos nun punto de inflexión, non podemos baixar a garda” e advertiu que “é máis necesario ca nunca continuar coa presión mobilizadora para soterrar definitivamente este proxecto”. Os obxectivos desta nova convocatoria pasan por, segundo explicou Rubido, “chegar até o final coñecendo a letra pequena do acordo entre Altri e Impulsa Galiza e paralizar todas as autorizacións pendentes da Xunta”. Deste xeito, explicou o presidente da PDRA, “evitamos as posteriores reclamacións xudiciais de tipo económico que vai interpor Altri para tentar indemnizacións con cargo ás arcas públicas”.
Planificación eléctrica 2025-2030 do Miteco
O anuncio do Goberno español de non incluír na Planificación Eléctrica 2025-2030 a liña eléctrica e a subestación necesarias para o Proxecto Gama, “vai no camiño das nosas demandas ás Administracións Públicas para que non sexa autorizado o proxecto de Altri-Smarttia”, explicaron Ulloa Viva e PDRA na rolda de prensa. Porén “o noso obxectivo de impedir a volta atrás nesta Planificación eléctrica 2030”, e por iso “estaremos alertas e facendo seguimento en toda a tramitación, mesmo formulando alegacións, para que a aprobación definitiva desta Planificación sexa unha realidade administrativa firme”.
Sinalaron ademais que neste contexto “temos que alegar como resposta diante dos anuncios da Xunta e das empresas que conforman o proxecto Gama de que alegarán contra a decisión do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco). O presidente de Ulloa Viva preguntouse: “Cando a sociedade di maioritariamente non e o Estado reitera o non, non entendemos a que esperan a Xunta e Altri-Smarttia”. Reiterou Sánchez que “non é non, non hai negociación posible, a resposta é non”.
Sen auga, sen electricidade e sen licenza social
A Plataforma Ulloa Viva lembrou que o proxecto de Altri-Smarttia en Palas de Rei “non ten fondos públicos, nin auga, nin electricidade nin licenza social”. Advertiu Sánchez que o de Altri “non é un proxecto industrial calquera, senón un todo inaceptable para Galicia”. Diante disto, lembrou que “mentres exista a mínima ameaza da súa implantación as veciñas e veciños seguiremos organizándonos, defendéndonos e protexendo o futuro dos nosos fillos e fillas”. O presidente da Plataforma afirmou que “é responsabilidade da Xunta acabar con este despropósito e pedirnos perdón por levarnos a esta situación impropia de calquera goberno democrático”.
Os colectivos contra a macrocelulosa tamén lembraron que “estamos atentas para dar a necesaria resposta” no caso de que a Xunta adopte a decisión de autorizar a captación de auga ou a Autorización Ambiental Integrada para Altri, que o goberno galego está a tramitar desde que o pasado mes de marzo deu á macrocelulosa a “vergoñenta” Declaración de Impacto Ambiental (DIA) positiva. Advertiron que neste caso as novas decisións da Xunta en favor de Altri-Smarttia “terán a resposta inmediata con concentracións locais”, como xa aconteceu en toda Galiza cando se lles concedeu a DIA.