Manifestación de CIG-Banca, o 8 de maio, contra a fraude das horas extra non pagadas
A CIG-Banca vén de pór en marcha unha campaña contra a fraude das horas extra non pagadas que se iniciará cunha manifestación polas rúas da Coruña o vindeiro día 8 de maio. No decurso da mobilización, que partirá da oficina de Abanca na Rúa Nova da Coruña e rematará na oficina de Bankia da Rúa Juana de Vega, haberá concentracións diante dun total de 8 bancos.
A CIG-Banca denuncia que rescatar Bankia e Abanca custou máis de 21.000 millóns de euros do Estado, pero que estas dúas entidades (Bankia baixo control público) litigaron legalmente para evitar rexistrar a xornada efectiva. “Xa hoxe a maior parte das empresas non pagan as horas extra nin as cotizan e que a sentenza do Supremo, a instancia de Bankia e Abanca terá un custo millonario para a Seguridade Social”, asegura.
Por iso iniciou un proceso de mobilización permanente dando un xiro ás tradicionais mobilizacións no sector, para informar á cidadanía do que considera a maior fraude: as horas extra da banca.
Negativa a rexistrar a xornada
A CIG-Banca denuncia ademais que Bankia e Abanca non están soas e que as patronais CECA e AEB teiman en manter a actual situación de fraude nas horas extra negándose, nas negociacións abertas, á implantación do rexistro da xornada efectiva.
A próxima reunión en Madrid para abordar estas cuestións terá lugar o vindeiro día 9 de marzo. Por iso as mobilizacións comezarán o día 8, cunha manifestación e concentracións en 8 bancos.
Defraudadores á Seguridade Social
A CIG-Banca lembra que segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), as horas extra non pagadas superan ás pagadas, sinalando ao sector financeiro. Por iso entende que os bancos poden ser “os maiores defraudadores á Seguridade Social, cando ademais se cuestiona a viabilidade do sistema público de pensións e están en marcha reformas para recortalas”.
Considera que “é insultante que a banca, que ten beneficios multimillonarios”, e nomeadamente os bancos rescatados, “se neguen a rexistrar a xornada e as horas extras”.
Salienta ademais que as horas extra realizadas na banca en Galiza supoñen 1.000 empregos menos, mentres os cadros de persoal están sobrecargados e continúan os despedimentos.