Manuel Grandal: "Ferrolterra non necesita actos de paripé, necesita solucións urxentes"
Con motivo da participación do presidente da Xunta no acto de entrega dos primeiros "jackets" que se constrúen en Navantia Fene para Iberdrola, a CIG de Ferrol realizou unha concentración diante do estaleiro para denunciar a situación dramática da comarca e a ausencia de medidas que permitan a súa recuperación económica, faciliten a xeración de emprego de calidade e poñan freo á sangría demográfica.
"Non é de recibo que Feijoo pase por aquí só para facer actos de paripé, cando levamos anos demandando que se apliquen políticas de discriminación positiva para esta comarca, que segue a ser a máis deprimida do país", censuraba o secretario da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, ao remate da protesta coa que a central sindical recibiu o presidente da Xunta ás portas do estaleiro de Fene.
Grandal lembrou que Ferrolterra ten a taxa de paro máis alta de todo o país, a taxa de actividade máis baixa e que mesmo a caída demográfica en bisbarras como a de Ortegal é das máis acusadas. "Esta é a realidade da nosa comarca. Precisamos políticas que nos permitan saír deste buraco, non inauguracións nin paripés", insistiu.
Na protesta reflectíronse as reivindicacións da varios colectivos, como a loita das auxiliares do naval contra a precariedade e por unhas condicións dignas, a do persoal de Masol Iberia Biofuel polas melloras laborais e salariais, ou o conflito das traballadoras e traballadores da administración de Xustiza, que leva preto dun mes en folga indefinida, para esixir o remate das discriminacións que sofren e pola dotación do persoal necesario para ofrecer un servizo de calidade.
Renovación do estaleiro e infraestruturas
O responsábel da CIG-Ferrol apuntou que o naval público segue a ser o motor económico da comarca e mentres o goberno autonómico de Andalucía aposta e inviste en plans de futuro para o sector, o Goberno da Xunta desenténdense dunha actividade que se para Galiza é estratéxica, "para esta comarca é vital".
"Ferrolterra precisa solucións que dependen de decisións políticas da Xunta e do Estado, e entre elas, que se aproben os orzamentos xerais do Estado (dado o alto grao de dependencia que ten a comarca dos mesmos) para desbloquear o proxecto das famosas fragatas F-110 e pór en marcha a remodelación dos estaleiros. E a partir de aí poder traballar na reindustrialización e na diversificación económica da comarca", aseverou Grandal.
A este respecto, insistiu na necesidade inmediata de afrontar a renovación do estaleiro como única garantía de futuro da construción naval na ría e que executen as infraestruturas tan longamente demandadas. "Estas actuacións son vitais e teñen que ser inmediatas. Ou se fan ou a comarca vai a pique", concluíu.