O malestar do persoal do transporte urbano de Santiago polos pregos do concurso podería rematar en folga coincidindo co festival Son do Camiño
Os representantes do comité de folga dos traballadores e traballadoras do transporte urbano de Santiago (CIG, UGT e CCOO) compareceron hoxe en rolda de prensa para explicar que convocaron unha folga e mantiveron unha reunión co alcalde de Santiago e representantes municipais o pasado luns, na que estes se comprometeron a responder por escrito ás súas demandas.
Na actualidade os aproximadamente 130 traballadores/as do transporte urbano de Santiago están divididos en sete empresas: Tralusa, Aulusa (e dentro desta dous centros de traballo diferentes) que conforman unha UTE e que constitúen o contrato principal; así como Rias Baixas, Hermanos Ferrín, Autos Grabanxa, Aucasa e Castromil que teñen liñas específicas en contratos diferentes. Coa adxudicación do novo contrato esixen rematar cunha situación que afecta gravemente ás condicións laborais, que son diferentes en cada empresa, ademais de que empeoran o servizo ao non permitir unificar o control que se fai sindicalmente sobre as condicións técnicas e de prestación ás persoas usuarias.
Nos novos pregos unha parte disto estaría solucionado, xa que todas esas liñas que antes tiñan contratos diferentes unifícanse agora no mesmo. Máis nada impide que a empresa gañadora, ou as empresas que o fagan en UTE dividan logo ao persoal co que teríamos finalmente o mesmo efecto, a nivel laboral, que padecemos todos estes anos. De feito isto xa ocorreu nas liñas do transporte metropolitano e escolar, dependentes das consellerías de Mobilidade e de Educación, e que son un auténtico desastre do punto de vista laboral, precarizando as condicións anteriores, e tamén en canto ao servizo que se presta.
E un dos motivos principais é que un grupo empresarial, o Grupo Monbus (o mesmo que actualmente ten a parte principal do transporte urbano), presentouse ao concurso en UTEs conformadas por empresas do propio grupo e que unha vez adxudicados os contratos dividiu aos traballadores (que en moitos casos perderon a representación sindical) nas diferentes empresas que conformaban as UTEs. Algo por certo que foi obxecto dunha sentenza do TSXG contra Monbus e Alsa por non ser investigado polo Tacgal.
Durante toda esta lexislatura e parte da anterior os traballadores/as do transporte urbano de Santiago de Compostela chamaron a atención sobre esta situación. Co goberno anterior chegárase a un acordo con Jorge Duarte, daquela concelleiro de Mobilidade, para incluír unha limitación á contratación que obrigaba a quen fora a adxudicataria (fora unha empresa ou unha UTE) a facer a contratación do persoal por unha única razón social.
Co cambio do Goberno e a entrada e a reelaboración dos pregos a representación sindical solicitou ser escoitada e participar, como mínimo, nas propostas relativas ás cláusulas sociais e fundamentalmente para resolver esta cuestión, que é a principal demanda do persoal e garantir así que se mantivera o compromiso do anterior grupo de goberno. Sen que foran sequera recibidos en catro anos pese a telo solicitado formal e informalmente en múltiples ocasións. Con todo, no concello eran perfectamente coñecedores das demandas do persoal porque así se lle fixo chegar directamente e por escrito ao concelleiro Gonzalo Muíños.
Catro xornadas de paros
Unha vez publicados os pregos este mes e tras confirmarse que non existía unha obriga para as empresas neste sentido, realizouse unha asemblea de traballadores onde se acordou iniciar mobilizacións e, por unha cuestión de prazos, convocar de inmediato unha folga fronte a esta situación. A convocatoria de folga foi para os días 26, 27 e 28 de maio e posteriormente os días 15, 16, 17 e 18 de xuño -coincidindo co festival de música Son do Camiño- e sen descartar que se puidera logo converter en indefinida.
A intención dos traballadores/es non foi intervir no período electoral, algo do que responsabilizan ao grupo de Goberno, en primeiro lugar polo momento de publicación do prego, xa que en calquera momento que se tivera publicado tería ocorrido o mesmo. E en segundo lugar e fundamentalmente, pola nula capacidade de diálogo nestes anos para abordar esta situación que, por outra parte, coñecían perfectamente.
Agora si, unha vez a folga foi comunicada ás empresas e ao propio Concello, foron convocados/as a unha reunión cos responsábeis municipais para abordar a situación e na que, pese a non ser plenamente satisfactoria a solución, achegáronse posturas.
Esta reunión produciuse o pasado luns 22 entre o comité de folga, formado por representantes das tres centrais sindicais, e pola parte municipal participaron o alcalde, o concelleiro de Mobilidade, o xerente de Tussa, a varios asesores/as xurídicos do Concello.
Pola parte sindical expuxeron o malestar e o "monumental cabreo" do conxunto dos traballadores/as por non ter solucionado este asunto nos pregos e por non ter contado coa parte social para a súa elaboración, abrindo un período de consultas como se fai habitualmente en outros pregos onde si se nos deixa participar no que son as cláusulas sociais e aquelas cousas que afectan máis directamente ao persoal traballador. Puxeron enriba da mesa que coñecían cal era a principal preocupación dos traballadores/as de que non se dividiran as relacións laborais. Que ademais isto é algo que non suporía absolutamente ningún custe, nin para o Concello nin para quen resulte adxudicataria, e que o único que fai é mellorar as condicións de traballo, representa unha garantía para o control do servizo e en definitiva un mellor servizo para as persoas usuarias do transporte urbano.
Por parte do Concello expuxeron que consideraban que o espírito dos pregos tiña en conta o que dicía a parte social e que se recollía que se varias empresas querían presentarse, non era necesario que se constituíran como unha unión temporal de empresas, senón que podían constituír unha única persoa xurídica propia tras resultar adxudicatarias. Algo que se ben é certo, non impide tampouco a outra modalidade.
Interpretación dos pregos
En todo caso tras varias horas de reunión chegouse a compartir que tamén estes pregos estarían afectados pola sentenza do Tacgal (Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia) sobre as UTEs. Ademais o Concello comprométese a ser especialmente vixiante á hora da subrogación con que se manteñan as condicións laborais e se unifiquen as relacións laborais.
Os traballadores/as consideran polo tanto que son algo máis conscientes da situación pero o problema agora é que cos pregos xa publicados a solución técnica non é tan doada.
Finalmente o que se acordou é que comité de folga fará de xeito oficial unha pregunta sobre a interpretación dos pregos neste asunto e sobre a afectación da sentenza do TSXG en canto ás UTE. Esta pregunta farase nos próximos días, dentro do prazo legal e agardamos que o concello, de maneira oficial, manteña o mesmo criterio manifestado nesa reunión.
Ese mesmo día pola noite o resultado desta reunión foi sometido a unha asemblea de traballadores e traballadoras de todas as empresas afectadas onde por parte das centrais sindicais se explicou o que ocorreu nesta reunión e as posibilidades que había neste momento para tomar unha decisión.
Finalmente na asemblea o cadro de persoal acordou por unanimidade suspender o inicio da folga convocada para estes días 26, 27 e 28 de maio e renunciamos polo tanto a intervir directamente no período electoral. Sen embargo mantense a convocatoria da folga para os días 15, 16, 17 e 18 de maio, coincidindo cos concertos do Son do Camiño se unha vez publicada a resposta do Concello no portal oficial esta non responde aos criterios que se manifestaron na reunión co comité de folga e que, dadas as circunstancias, consideramos parcialmente satisfactorios.
Polo tanto, neste momento non se pode dicir que o conflito estea rematado, porque agora cos pregos tal cal están, e mesmo coa interpretación que se poda facer a través desta pregunta podería haber empresas que tentaran aínda así empeñarse en optar por ese camiño. O problema tiña que terse solucionado antes pero só se producirá unha desconvocatoria definitiva coa publicación oficial da resposta que interprete esa parte dos pregos.
Agora ben, mesmo así, hai algo que si queren deixar moi claro e sobre a mesa para o Concello e para quen resulte adxudicataria, sexa o grupo actual ou calquera outro: que teñan claro, que se a nova contratista divide ao persoal en empresas ou centros de traballo diferentes, desde o día primeiro da contrata se reactivará o conflito no mesmo punto.