Malestar entre os celadores/as do hospital Montecelo ao seren o único colectivo sen vacinar

Estes/as profesionais sanitarios/as denuncian que volven ser discriminados/as polo Sergas
Pontevedra - 21 Xan 2021

Os celadores/as do hospital Montecelo de Pontevedra amosaron hoxe o seu malestar polo que consideran un novo caso de discriminación laboral por parte do Sergas. Nesta ocasión as autoridades sanitarias deixáronos/as fóra da campaña de vacinación, de igual xeito que ao comezo da pandemia non se lles entregaron EPI e despois non se lles facilitaban máscaras do tipo FPP2.

Este colectivo considera que o acontecido nesta ocasión “é a gota que colmou o vaso”, xa que levan moito tempo aturando “faltas de respecto” por parte do Sergas. Lembran que ao inicio da pandemia non se lles entregaron EPI axeitados e que até hai un mes non se lles facilitaban máscaras do tipo FPP2 a pesar de que teñen contacto con doentes covid. “Comezaron a dalas cando nos negamos a entrar nas habitacións”, explica Begoña Mallo, celadora e delegada da CIG en Montecelo. 

Só vacinaron 24 dos arredor de 350 celadores/as que traballan en Montecelo e no Provincial

Agora volven quedar á marxe do resto do persoal sanitario, esta vez no que ten que ver coa campaña de vacinación entre os profesionais. Durante os catro días nos que se estiveron subministrando as vacinas na área sanitaria pontevedresa unicamente se vacinaron 24 celadores/as dos arredor de 350 que traballan nos hospitais Provincial e Montecelo.

Un total de 20 destes/as 24 son celadores/as do Provincial, cando o hospital covid de referencia é Montecelo, algo que para a CIG-Saúde ten que ver coa “improvisación” coa que se está a levar a cabo a campaña. De feito, tampouco se vacinou a celadores/as adscritos/as a servizos concretos, como UCI ou Urxencias.

“Suponse que as primeiras vacinas era para persoal que estivese en primeira liña, pero logo vemos que llas administran a máis celadores/as do Provincial, que non ten pacientes covid, que de Montecelo, por non falar de que se vacinaron colectivos sen contacto con doentes, como administrativos/as de dirección, informáticos/as, persoal de admisión, etc”.

Xuntanza co responsábel da campaña

Diante disto, unha representación da CIG-Saúde mantivo unha reunión co director de Enfermaría, que se encarga da coordinación da campaña de vacinación dos profesionais sanitarios, para interesarse polo que estaba a acontecer tanto con este colectivo como co persoal de mantemento, que tampouco está a ser vacinado. “Díxonos que houbo un erro, aínda que non nos detallou de que tipo; tamén asegurou que as próximas vacinas serán para os celadores/as; pero non se trata diso, o que queremos é que prioricen as persoas que están en contacto con doentes”, sinala Mallo.

Con todo, fai fincapé en que a discriminación deste colectivo por parte do Sergas non é algo novo, “senón que chove sobre mollado”, ao tempo que adianta que dende a CIG-Saúde estarán “vixilantes” para ver o que sucede coas novas doses da vacina que cheguen ao centro médico. “Entendemos que un hospital é moito máis complexo que un centro de saúde, pero para iso están os responsábeis sanitarios e os seus equipos de traballo”, remata.